A Asociación Provincial Lucense de Apicultores (APLA) organiza este domingo unha xornada de formación sobre as novas axudas da PAC para a apicultura e na que se falará tamén de como actuar ante casos de picaduras de abellas.
As charlas terán lugar no centro de apicultura de Teixeiro (Lugo) a partir das 10 da mañá e están abertas á participación tanto de socios de APLA como de persoas que non formen parte da Asociación.
Os encargados de impartir o curso serán José Manuel Ferreiro, xefe do servizo territorial de Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA) en Lugo, que explicará as novas liñas de axuda incluídas nos fondos da Política Agrícola Común para o novo período 2023-2027 destinadas a apicultures; e Francisco Carballada, xefe da unidade de Alergoloxía do Hospital de Lugo, que falará das picaduras das abellas e de como actuar en caso de desencadear algún tipo de proceso alérxico.
Programa formativo para o ano 2023
Esta xornada forma parte do calendario formativo de APLA para este ano 2023, que se completa durante os vindeiros meses con contidos específicos relativos á alimentación en apicultura, manexo do colmear, partición de colmeas, tratamentos ou sanidade apícola.