O Grupo Operativo Proteinleg organiza, este xoves 19 de xaneiro, a súa terceira charla con axentes do sector, enmarcada dentro do plan de divulgación do proxecto. Nesta ocasión a charla está centrada en dar a coñecer iniciativas e proxectos cuxo obxectivo sexa aumentar a sustentabilidade do sector agrícola. A xornada celebrarase de xeito online e a súa asistencia é totalmente gratuíta, aínda que é preciso inscribirse a través deste enlace.
Nesta ocasión contarase coa participación de Néboda Farms e da Unión Española Fotovoltaica (UNEF), dúas entidades co común obxectivo de fomentar a sustentabilidade a través da innovación. Iván García, CEO de Néboda, dará a coñecer esta empresa que revolucionou o sector agrícola galego grazas á súa firme aposta polos cultivos verticais en hidroponía, que permiten unha produción de calidade e eficiente no uso dos recursos.
Pola súa banda, Andrea Eras, Directora de Proxectos de UNEF, centrará o seu relatorio en explicar que é a tecnoloxía bioagrovoltaica, a sinerxía entre agricultura e enerxía solar fotovoltaica. Esta tecnoloxía aposta pola produción conxunta e sustentable de enerxía e alimentos, beneficiándose mutuamente.
Ademais, Ángel Sanabria, da Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA), presentará o proxecto de innovación no que consiste Proteinleg, o cal ten como obxectivo fomentar a sustentabilidade agrícola a través da biodiversidade, apostando polo cultivo de variedades tradicionais de leguminosas como fontes de proteína para o desenvolvemento de novos produtos, tanto para alimentación animal como humana.
Programa:
10:00 – 10:05h. Benvida. Ángel Sanabria. FEUGA
10:05 – 10:20h. Presentación Grupo Operativo Proteinleg. Anxo Sanabria. FEUGA
10:20 – 11:00h. Cara a unha agricultura máis sustentable. Casos de éxito.
Iván García. CEO de Néboda Farm. “Empresa galega líder en agricultura vertical hidropónica de interior”.
Andrea Eras. Directora de Proxectos en Unión Española Fotovoltaica (UNEF). “Tecnoloxía bioagrovoltaica, a sinerxía entre a enerxía solar fotovoltaica e a agricultura”.
11:00 – 11:10h. Preguntas
11:10h. Fin da sesión