Os propietarios forestais teñen ata finais deste mes de maio para realizar a limpeza das parcelas máis próximas ás vivendas. Así o recordou o conselleiro do Medio Rural, José González, durante unha visita á parroquia compostelá de Figueiras, onde acompañado do director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, fixo hoxe un chamamento para que se leven a cabo estas tarefas de desbroce.
A partir do 31 de maio, data que recolle a Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, a responsabilidade subsidiaria da xestión da biomasa preto das casas corresponde xa aos concellos. González incidiu que a Xunta leva anos apoiando ós consistorios neste cometido.
En concreto, o conselleiro referiuse ao convenio de protección das aldeas subscrito en 2018 entre a Xunta, a Federación galega de municipios e provincias (Fegamp) e a empresa pública Seaga. No marco deste proxecto despregouse, entre outras, a plataforma Xesbío, desenvolvida pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Esta iniciativa permite aos Concellos xestionar toda a tramitación administrativa da limpeza de franxas e comunicarse cos donos das fincas que están dentro desas faixas.
A ferramenta permite xestionar e elaborar diferentes tipos de notificacións que os concellos lles envían aos titulares de parcelas nestas franxas e ofrece tamén a posibilidade de xerar un documento de adhesión dos particulares ao contrato de xestión da biomasa. “Grazas a este sistema de información creado ex profeso para este fin pola Xunta, facilítaselles aos gobernos locais a execución das súas competencias neste ámbito, algo co que se comprometera a Xunta ao abeiro do acordo”, explican dende a Consellería. A aplicación compleméntase cunha ferramenta móbil que facilita a consulta da base de datos para o apoio ás tarefas a realizar sobre o terreo.
Hai 157 parroquias en Galicia nas que os propietarios poden solicitar desbroces bonificados a razón de 35 euros por cada 1.000 metros cadrados
José González tamén lle recordou ós propietarios con terreos en parroquias priorizadas que poden incorporarse a este convenio asinando o correspondente contrato de xestión da biomasa. Deste xeito, é a Xunta a que se fai cargo da limpeza das súas parcelas por un prezo de 35 euros por cada mil metros cadrados, é dicir, 350 euros por hectárea. Nestes momentos hai un total de 157 parroquias en 81 concellos galegos catalogadas como parroquias priorizadas e nas que se pode solicitar este convenio.
Anticipación aos incendios forestais
O conselleiro do Medio Rural lembrou que, a día de hoxe, xa hai 269 concellos galegos adheridos ao convenio de protección das aldeas, case o 86% dos municipios da comunidade. No marco do acordo, a Xunta entregou 232 Plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais e, ao longo deste ano teñen previsto completar a elaboración dos restantes ata chegar ao total de 269 concellos incorporados.
A maiores da aplicación Xesbío, José González recordou que estes municipios adheridos contan cun manual de uso para entender o funcionamento das distintas ferramentas que se lles facilitan. Así mesmo, os que teñen o seu Plan preventivo aprobado pola Xunta dispoñen tamén dun visor das franxas con última tecnoloxía, no que se poden ver as parcelas que están nas faixas dos 50 metros máis próximos ás vivendas coa referencia catastral.
Así mesmo, aludiu a que se ampliou de 5 a 10 hectáreas a superficie na que os concellos adheridos poden realizar execucións subsidiarias con cargo ao convenio e que os municipios tamén poden realizar, con cargo ao convenio, actuacións de xestión de biomasa nas vías de titularidade municipal ata un máximo de 10 quilómetros por concello e ano.
Máis información
– Granxa Fondevila, protección contra incendios cun sistema de aspersión de auga.