Cetal, tecnoloxía punteira ao servizo da seguridade alimentaria

O Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (Cetal) conta con laboratorios punteiros a nivel estatal que o convirten nunha referencia na detección e control de patóxenos

Cetal, tecnoloxía punteira ao servizo da seguridade alimentaria

Laboratorio de Seguridade Alimentaria do Cetal.

Catro anos despois da súa inauguración, o Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (CETAL) é aínda un gran descoñecido para a maioría da poboación e para unha parte importante do sector primario galego. O centro, de carácter estatal e público, ten as súas instalacións a punto para converterse nunha referencia en materia de seguridade alimentaria e conta con laboratorios punteiros a nivel estatal que poden dar aínda moito de si.
 
O 4 de febreiro de 2013 abría as súas portas na Rúa Montirón de Lugo, e despois dun investimento inicial previsto de 18 millóns de euros, un edificio de 2.400 metros cadrados destinado a ser referencia a nivel estatal a en materia de seguridade alimentaria.. Catro anos despois cando un entra pola porta principal e percorre as súas modernas instalacións ten a sensación de que está aínda a medio gas.

No centro traballa un equipo multidisciplinar que abrangue dende técnicos de I+D a especialistas en microbioloxía, proteómica ou xenómica. Trece persoas, dirixidas até agora por Javier López Viana, que fora director técnico do Laboratorio de Xenética Molecular de Xenética Fontao, e que será relevado nos próximos días por Andrés Hermida Trastoy, que ocupou o cargo de secretario xeral de Pesca do Ministerio até o pasado mes de xaneiro. 
 
Dende a súa creación, o CETAL participou e desenvolveu diversos proxectos en colaboración con outros centros de investigación, universidades e empresas en sectores tan diversos como o micolóxico (Aproveitamentos micolóxicos en Galicia: deseño dun modelo de xestión integral e sustentable dos recursos micolóxicos, aspectos diferenciadores das distintas especies comerciais de Galicia), o fitopatolóxico (Control biolóxico da podremia branca radicular causada por especies do xénero Armillaria en viñedos de Galicia) e o de valorización de residuos (Aproveitamento das macroalgas procedentes de arribacións ás costas galegas como suplemento alimentario en gando vacún en réxime de explotación ecolóxico).

cetal foto pequena

Na actualidade traballa en proxectos de apoio ao sector lácteo a través da colaboración coa INLAC para a creación do Observatorio de Prezos, ao sector do aceite de oliva e en actividades de seguridade alimentaria. É neste último campo onde está unha das principais funcións e apostas inmediatas do CETAL, entre elas as tendentes a súa designación como futuro Laboratorio Nacional de Referencia dentro do Programa de Control Oficial da Produción Primaria Agrícola, en todas aquelas actuacións nas que sexa necesario analizar mostras de produto vexetal, chan ou auga, para a detección de Salmonella spp.Listeria monocytogenes e Escherichia coli, incluíndo os verotoxixénicos (VTEC).

Laboratorio de seguridade alimentaria
O Laboratorio de Seguridade Alimentaria é a verdadeira alma do CETAL e ten como obxectivo principal satisfacer as necesidades derivadas do cumprimento da lexislación europea en materia de inocuidade alimentaria microbiolóxica, identificación de etiquetaxes e trazabilidade. Para iso, conta con dúas unidades técnicas que traballan de forma interrelacionada e complementaria, o Laboratorio de Microbioloxía e o Laboratorio de Bioloxía Molecular.
 
Os seus 5 laboratorios, integrados nas dúas áreas mencionadas, están dotados con equipamento tecnolóxico de alta precisión e especificidade, nos que se investíu millón e medio de euros, e con persoal técnico especialista. Neles traballan neste momento 5 persoas, pero ten capacidade para que poidan traballar simultaneamente catro ou cinco veces máis, explica Ania Pino Querido-Ferreira, responsable do Laboratorio de Bioloxía Molecular, que traballou no Instituto Gulbenkian de Ciencia de Lisboa, un dos máis prestixiosos a nivel europeo.
 
Do outro laboratorio, o de Microbioloxía, encárgase Cecilia López Capón, que traballou durante 10 anos no Laboratorio de Referencia de E.coli (LREC) da Universidade de Santiago. Entre as dúas iniciaron a montaxe e posta a punto dos laboratorios do centro, que se atopan agora en proceso de avaliación para lograr a acreditación a nivel europeo grazas á súa suxección a normas de calidade e estándares de carácter internacional.
 
Non hai bacteria que se libre
Coma naqueles debuxos do Érase una vez la vida, onde as caracterizaban coma grandes mentireiras, bacterias como o E. coli verotoxixénico, que causa problemas graves de saúde no ser humano, son moi difíciles de identificar correctamente. Pero a combinación dos distintos métodos e técnicas das que dispón o CETAL fai que a súa detección sexa moito máis fiable que moitas das técnicas de rutina utilizadas habitualmente.

laboratorio cetal vertical

O Laboratorio de Seguridade Alimentaria do Cetal acaba de ampliar o seu equipamento coa adquisición dun espectrómetro de masas de ultra resolución (Q-TOF), dos que hai moi poucos a nivel de todo o Estado. Tecnoloxía punteira que abre o camiño cara a investigacións innovadoras no campo da seguridade alimentaria, para analizar, por exemplo, como se degradan os alimentos logo dun proceso de transformación ou envasado.

O seu alto rendemento analítico permite o seu uso nunha multitude de aplicacións, tanto no control microbiológico e de autenticidade, como na detección de residuos e contaminantes, e ven a sumarse a outra das xoias do CETAL, un espectrómetro de masas MALDI-TOF, que representa unha ferramenta cada vez máis importante para o control rutineiro da seguridade alimentaria.

Karola Böhme, a especialista en proteómica do LSA-CETAL considera que a vantaxe deste método con respecto a técnicas convencionais de real time (RT-PCR) ou de microbioloxía clásica radica precisamente na súa rapidez, fiabilidade e menor custo. O laboratorio do CETAL é capaz de identificar calquera tipo de bacteria presente na librería do equipo en menos dunha hora, sendo isto moi útil para as empresas de transformación de alimentos.

“Unha empresa de envasado de leite que detecta unha alteración bacteriana ten que parar o proceso inmediatamente”

Estas empresas precisan de realizar controis microbiológicos rutineiros para garantir a calidade e seguridade dos seus produtos durante todo o proceso. Nalgúns casos puntuais pode haber unha contaminación microbiana, da cal non se coñece a natureza nin a orixe, o que obriga a parar a produción, co custo que iso supón. Para poder tomar medidas e determinar a fonte de contaminación, é necesario identificar o microorganismo de forma rápida, de aí que a inmediatez na detección e identificación da bacteria que logra o CETAL permitelle ás empresas acurtar os tempos de parada mentres esperan a identificación do tipo de anomalía.

“Unha empresa de envasado de leite que detecta unha alteración bacteriana ten que parar inmediatamente o proceso mentras non identifica o causante e non é o mesmo poder reanudar o proceso nunha hora que ter a fábrica parada incluso varios días”, exemplifica Ania Pino. A grande novidade que aporta o CETAL é precisamente poñer ao servizo do sector agroalimentario tecnoloxía punteira que até agora só se aplicaba no ámbito da sanidade e da investigación.

Laboratorio de Referencia a nivel estatal para a aplicación da normativa comunitaria
A Unión Europea levou a cabo nos últimos anos un extenso desenvolvemento normativo no referente a lexislación alimentaria, co obxecto, entre outros, de garantir a seguridade e a inocuidade dos produtos que comemos, e obriga aos Estados membros a poñer en marcha os recursos necesarios para a aplicación da normativa comunitaria neste ámbito. O Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente ten previsto designar ao Laboratorio de Seguridade Alimentaria do CETAL como Laboratorio Nacional de Referencia para o desenvolvemento do Programa de Control Oficial da Produción Primaria Agrícola.
 
O CETAL será o encargado de levar a cabo os controis oficiais, regulados en base á aplicación da normativa comunitaria en materia de hixiene na produción primaria agrícola. En concreto, análises microbiolóxicos de mostras de calquera tipo de produto vexetal, chan ou auga, en relación con Salmonella spp., Listeria monocytogenes e Escherichia coli, incluída a E. coli verotoxixénica (VTEC). O Laboratorio de Seguridade Alimentaria (LSA-CETAL) converterase deste xeito no primeiro Laboratorio Nacional de Referencia (LNR) que designa o Ministerio en Galicia e, xunto co Arbitral Agroalimentario de Madrid, serán os dous LNR do Programa Nacional de Control Oficial da Produción Primaria Agrícola.
 
Para isso, o CETAL está en trámites de obter a necesaria acreditación por ENAC das técnicas de identificación dos axentes patóxenos de transmisión alimentaria e está a participar en exercicios de intercomparación laboratorial para comparar os seus resultados con outros laboratorios e conseguir o aseguramento da calidade nas súas análises. Recentemente o Laboratorio de Seguridade Alimentaria participou, por exemplo, en exercicios para a detección de cepas de Salmonella spp. en ensaladas con sementes xerminadas.

Estudo pioneiro da presenza de patóxenos en froitas e hortalizas frescas
Dentro das funcións do Laboratorio de Seguridade Alimentaria está o de prestar servizos básicos demandados polo Ministerio. O CETAL está a executar, por exemplo, un programa de monitoreo microbiolóxico para froitas e verduras. O obxectivo é proporcionar información rigorosa sobre a presenza de patóxenos específicos en froitas e hortalizas frescas a nivel estatal. A primeira fase do estudo, pioneiro até entón en España, executouse durante o último trimestre de 2015, analizando 300 mostras: 100 de leituga (Lactuca sativa), 100 de tomate (Solanum lycopersicum) e 100 de cogombro (Cucumis sativus), recollidas en tres explotacións de Murcia e noutras tres de Andalucía, na provincia de Almería.

A segunda fase tivo lugar un ano despois, a finais de 2016, e analizáronse diversos tipos de vexetais de produción primaria obtidos en explotacións agrícolas das catro provincias galegas. A mostraxe realizouse con 220 tomas e os alimentos implicados foron leituga (Lactuca sativa), tomate (Solanum lycopersicum), cebola (Allium cepa), pemento (Capsicum annuum), mazá (Malus domestica) e amorodo (Fragaria vesca). Este estudo está a completarse neste momento coa análise de amorodos procedentes de explotacións situadas en Andalucía.

Degradación do leite envasado

No ámbito lácteo, a última reunión do patronato da Fundación, celebrada no pasado mes de decembro, aprobou entre os seus plans de actuación para este ano a posta en marcha dun estudo metaxenómico da microbiota intestinal do vacún leiteiro en relación coa súa alimentación e a aparición de patóxenos emerxentes, para tratar así de establecer unha correlación entre ambos factores.

O CETAL tamén está a realizar un estudo ecolóxico e epidemiolóxico molecular de patóxenos bacterianos asociados con granxas leiteiras. Trátase de establecer a correlación entre os patóxenos que se atopan nestes animais e a súa contorna ambiental cos atopados nos tanques de leite desas granxas.

Ademais destes servizos, o CETAL traballa en proxectos de investigación en ámbitos diversos. No sector lácteo está en marcha un proxecto de I+D+i dirixido á detección de bacterias produtoras de encimas alterantes do leite envasado a longo prazo. Trátase dun proxecto cuxo obxectivo é a identificación dun posible microorganismo produtor de degradación do leite, un estudo que debe ser abordado dende técnicas proteómicas e xenómicas.

Evitar fraudes nos queixos de mestura
A tipificación de alimentos para a autenticación de etiquetaxe é unha das liñas de actuación do Laboratorio de Bioloxía Molecular. Para iso conta cos medios necesarios para a realización de técnicas xenómicas de última xeración, así como unhas instalacións adecuadas para a correcta manipulación e trazabilidade das mostras. Isto permite tipificar e cuantificar a composición de matrices alimentarias complexas, compostas por diversos tipos de alimentos que, ademais, poden estar moi modificados debido aos procesos de transformación da industria alimentaria.
 
Neste campo e relacionado co sector lácteo, o CETAL participa nun proxecto de investigación denominado Cuantificación dos distintos tipos de leites en queixos de mestura, en colaboración coa Interprofesional Láctea (INLAC). O obxectivo final é deseñar un método de referencia que permita comprobar a composición dos queixos de mestura, facendo posible a identificación da porcentaxe de leite de vaca, ovella e/ou cabra, para así poder comprobar as proporcións que se reflicten na etiquetaxe e evitar a fraude ao consumidor. O estado español é un dos lugares do mundo onde os queixos de mestura teñen máis mercado e aceptación.
 
Este proxecto para a cuantificación da porcentaxe de leite de vaca, cabra e ovella en queixos de mestura atópase xa nunha segunda fase, baseada na utilización de técnicas de ADN, logo dunha fase inicial mediante análise das caseínas e que non deu resultados concluíntes. Para isto, o centro conta tamén coa especialista en microbioloxía molecular, Inmaculada Fernandez, procedente do Laboratorio de Hixiene e Inspección de Alimentos da Facultade de Veterinaria de Lugo, que conta cunha longa experiencia na metodoloxía de RT-PCR aplicada ao sector agroalimentario.

Identificación de especies de castaña e de variedades de mazá autóctonas
Ademais, o CETAL está a colaborar con outras entidades na posta en marcha doutros proxectos de investigación, como son os estudos filoxenéticos de variedades de mazá autóctona de Galicia e do norte de Portugal, ou a identificación molecular das especies de castaña e os seus híbridos, como valor engadido a un produto de gran calidade no mercado fronte á castaña asiática.
 
No proxecto da castaña, no que o CETAL leva varios meses traballando (neste momento desenvolvendo os marcadores e os parámetros de medición para as distintas mostras obtidas), trátase de aportar un método para poder diferenciar a castaña galega, un asunto que interesa moito á industria transformadora deste produto existente en Galicia, mediante a identificación molecular das distintas especies de castaña: sativa; crenata, mollísima e os seus correspondentes híbridos, tanto en materia prima crúa como en alimento procesado, a través de métodos xenómicos e proteómicos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información