Este é o ambicioso proxecto de novos viñedos de Adegas Martín Códax nas Terras do Ulla

A cooperativa Martín Códax leva anos traballando nun proxecto ambicioso e sustentable para a produción de uva de calidade nos concellos de Vedra, Vila de Cruces, Boqueixón, Touro e Silleda nas parroquias adscritas á Denominación de Orixe (DO) Rías Baixas. O desembarco nesta zona obedece, sobre todo, o interese en aproveitar o potencial e características dos terreos e uvas das terras do Ulla

Publicidade
Viñedos de Martín Códax en Ponte Ulla (Vedra)

Viñedos de Martín Códax en Ponte Ulla (Vedra)

A cooperativa Martín Códax leva anos traballando nun proxecto ambicioso e sustentable para a produción de uva de calidade nos concellos de Vedra, Vila de Cruces, Boqueixón, Touro e Silleda nas parroquias adscritas á Denominación de Orixe (DO) Rías Baixas. O desembarco nesta zona obedece, sobre todo, o interese en aproveitar o potencial e características dos terreos e uvas das terras do Ulla

O presidente da Cooperativa, Xoan A. Allegue, explica que xa levaban anos mercando uvas nesta zona e que ultimamente recibiron numerosas chamadas ofrecéndolles terreos en alugueiro. “Somos esencialmente unha adega das Rías Baixas. Non ten sentido que non esteamos a aproveitar as posibilidades que ofrecen as terras do Ulla. Pero queremos facelo coa nosa filosofía e os nosos métodos. Non se trata de estar por estar.” O proxecto de ampliación non contemplou en ningún momento un límite máximo ou mínimo de terreo no que desenvolver a actividade. O crecemento dependerá das capacidades da cooperativa en cada momento, das oportunidades que xurdan e do interese que amosen os veciños da comarca.

“Polo de agora temos arrendadas 73 hectáreas, das que 60 están xa plantadas e as outras 13 en proxecto. E nesas hectáreas temos asinados 90 contratos diferentes, o cal da idea da importancia que lle damos dende a cooperativa o minifundio. A media é de 7.500 m² por parcela, aínda que temos varias de menos de 1.000 m². Cómpre aclarar que hai propietarios os que lles arrendamos por lotes; é dicir, pídennos que, ademais de facernos cargo das parcelas que nos interesan para viñedo, collamos outras non tan aptas ou que teñen outros usos. E estámolo facendo. Porque eso redunda en beneficio do territorio. Por exemplo, temos algunha leira que lle estamos cedendo gratuitamente os gandeiros para que boten nela herba para a ensila. É a nosa filosofía de economía circular e sustentabilidade.”, explica Allegue, quen indica que os contratos de arrendamento se fan a 25 anos.

“Cando caduquen os contratos non pasa nada. O propietario decidirá se quere continuar con nós ou non. A nosa idea é amortizar o investimento nese período e obter un beneficio. E os donos do terreo ven como o seu terreo se revaloriza. O noso cometido é que vexan que todos saímos gañando. Se non o ven así, pois buscaremos outros colaboradores porque parece que para entón o viñedo terá aumentado moito nas terras do Ulla. Como cooperativa que somos, non queremos ser escravos dos investimentos nin acumular patrimonio inmoble. A nosa tarefa é producir viño de calidade.”, sinala Miguel Tubío, director técnico de Martín Códax. O responsable do traballo diario nos viñedos da adega nesta zona, José Ramón Rendo, asegura que “houbo propietarios que rexeitaron ofertas economicamente superiores á nosa. Porque o noso proxecto resultáballes máis convincente. Eran sobre todo persoas que estaban perdendo cartos coa terra porque non viven aquí ou non poden tela atendida. Co que nós propoñemos, manteñen a propiedade do terreo, ven como se revaloriza cada ano e obteñen un beneficio económico.”

“A nosa idea é amortizar o investimento nese período e obter un beneficio. E os donos do terreo ven como o seu terreo se revaloriza. O noso cometido é que vexan que todos saímos gañando”, Xoan A. Allegue, (presidente da Cooperativa Martín Códax)

O que teñen claro dende Martín Códax é que nas terras do Ulla só van plantar videiras da caste albariño. Outra cousa é o que vaian facer con elas. “A día de hoxe non desbotamos nada. Hai moitas posibilidades e temos que estudalas e aproveitalas todas. Podemos crear unha marca que identifique os viños desta zona. Ou podemos seleccionar as uvas en función do vigor de cada plantación e combinalas con outras doutra área para facer un produto de alta calidade. Sen esquecer que sabemos facer escumosos…a día de hoxe estamos facendo oito elaboracións diferentes só con albariño. Tamén están as opcións de viños singulares, en arxila, en granito. Nós manexamos 90 referencias diferentes pero todas cun denominador común: a calidade.”, sinala Miguel Tubío. Un factor clave é que a maduración no Ulla se produce 12 días máis tarde ca no Salnés ou no Condado, tendo eso en conta, a cooperativa traballa para manter as características de graduación e acidez que identifican os seus viños.

Pallarés, Allegue, Rendo e Tubío nunha das plantacións de Martín Códax

Pallarés, Allegue, Rendo e Tubío nunha das plantacións de Martín Códax

“Somos unha adega grande pero co espírito dunha familiar. Hai moitos gustos diferentes e temos que cumprir con todos sen saírnos da nosa filosofía. Incluso temos unha sección de experimentación na que tentamos anticiparnos ao mercado. Deseñamos novas elaboracións antes de que o consumidor nolas reclame”, explica Allegue. “O que rexeitamos é facer un gran acopio de uva para producir moito e rebaixar os prezos. Eso non vai cos principios da cooperativa.” Dende Martín Códax consideran que o seu plan no Ulla é un proxecto vivo e que se irá adaptando ás necesidades e oportunidades que vaian xurdindo e á cantidade e calidade de uva que precise cada produto e cada momento e que poidan aportar socios e provedores.

“A día de hoxe non desbotamos ningún tipo de elaboración vínica coas uvas do Ulla”

Dende o punto de vista comercial, o obxectivo son as gamas altas e medias-altas. “Non temos un público obxectivo ao que chegar coa nosa produción no Ulla. Independentemente dos viños que acabemos elaborando, irán dirixidos as persoas que apostan pola calidade. E non só a calidade do produto final senón tamén a que se aplica en todo o proceso de cultivo e elaboración. Os nosos viños están na parte alta e queremos que siga sendo así. O que fagamos nesta zona non vai modificar a nosa política comercial, que é moi clara dende hai anos, independentemente de aproveitar oportunidades que aparezan no mercado.”, di Jorge Pallarés, responsable de márketing.

Noutras DO galegas levan aparecido nos últimos anos grandes grupos adegueiros ou mesmo fondos de investimento que mercan parcelas de moito tamaño. Tamén no Ulla. Non é algo que preocupe en Martín Códax. “A DO Rías Baixas foi gañando moito prestixio ao longo do tempo grazas o traballo que facemos as adegas. Un prestixio internacional. Por eso é lóxico que haxa empresas vinícolas de fóra de Galicia que estean investindo aquí. O noso é un proxecto galego e que está en mans das familias dos socios. Ese é o noso valor. O cal non significa que haxa que pecharlle a porta a proxectos diferentes ou foráneos que veñan tentar aportar riqueza.”, apunta o presidente.

“Aquí no Ulla hai grandes grupos adegueiros que chegaron antes ca nós. Non é un problema. É posible que non poidamos acceder a grandes parcelas, pero tampouco é o noso obxectivo. Aínda hai moitos pequenos adegueiros nestes cinco concellos e a colaboración con eles é un dos piares da nosa acción. Aparte de que o noso modelo de minifundio non é interesante para as grandes adegas, que prefiran concentrar a produción.”, di Tubío.

Igual ca no Salnés, o noso proxecto ten unha importante parte baseada no minifundio

No ano 2024 as terras do Ulla produciron para Martín Códax 48.000 quilos de uva. Unha parte de produción propia e outra mercada a pequenos viticultores locais. Sendo o límite de produción fixado polo Consello Regulador da DO Rías Baixas de 12.000 quilos por hectárea, en poucos anos poderían obter, só dos viñedos que manexan, ata 720 toneladas de uva. Aínda que, sinala Tubío, o umbral de 12.000 quilos non é un factor condicionante.

Malia a fama que teñen por toda Galicia as augardentes das terras do Ulla, en Martín Códax rexeitan rotundamente optar por producilas. Por varios motivos. “Nós deixamos a destilación directa hai quince anos. Agora seguimos comercializando pero entregamos o bullo a outra empresa que é a que elabora e envasa para nós. Dende hai tempo a augardente vínica é un produto á baixa. O que está a triunfar agora son licores de menos de 30º que teñen unha base de millo ou outros vexetais, pero non de bullo.”, aclara Pallarés.

“Antes polo bullo pagábannos ata a 10 céntimos por quilo. Agora temos un 50% que o levan gratis e outro 50% polo que nos pagan medio céntimo por quilo. É unha mágoa porque a augardente vínica de Galicia é das mellores do mundo. Pero, se o mercado non a quere, hai que buscar solucións.” di Tubío. Por outra banda, boa parte da sona que adquiriron as augardentes do Ulla debeuse a que se facía coa uva denominada “catalán”, que se implantou logo das pragas de filoxera. “O catalán dáballe moito aroma, e eso non se consegue co albariño. Aínda que é certo que o catalán chegou a non ser vinificable malia que se facía viño nas casas. Non ten sentido manter unha caste para un produto que está en retroceso.”, aclara Rendo.

Descartada a produción de augardentes, o bullo que saia dos viñedos do Ulla de Martín Códax irá para a planta de produción de compost que a cooperativa está a construír no concello de Meis, na comarca do Salnés. O director técnico di que a planta “obedece ao noso espírito de economía circular e aproveitamento de todos os recursos. O bullo permitirá obter un fertilizante de alta calidade reducindo as adquisicións de esterco ou fertilizantes químicos. Sempre tentamos ser o máis autosuficientes posible.”

O desenvolvemento do proxecto de Martín Códax xa se deixa sentir nos cinco concellos que abrangue. Especialmente no económico. Crearon 20 empregos directos e outros 10 indirectos e están a dar formación en manexo de maquinaria as persoas contratadas. Malia os empregos creados, o certo é que hai falta de man de obra e os responsables técnicos deseñan as plantacións para que poidan acometer a máxima mecanización.

 “O bullo permitirá obter un fertilizante de alta calidade reducindo as adquisicións de esterco ou fertilizantes químicos. Sempre tentamos ser o máis autosuficientes posible”. (Miguel Tubío, director técnico de Martín Códax)

“O impacto económico non se reduce ao emprego que creemos. Está a compra de insumos e materiais a empresas da zona, o pago do arrendamento das parcelas, a adquisición e mantemento de maquinaria agrícola ou o que o persoal consume nos negocios e comercios locais.”, di Pallarés. Por outra banda, o enoturismo emerxe como outra fonte de riqueza. “Con algúns propietarios acordamos que nós asumimos todo o que ten que ver coa viña e a produción de uva e eles quedan co que se refire a enoturismo. E poden utilizar as plantacións como un recurso turístico, porque o son. Sempre hai xente interesada en estar a pé das cepas.”

Plantación de Martín Códax en Vila de Cruces

Plantación de Martín Códax en Vila de Cruces

O impacto social é algo que se valora dende a cooperativa. “Nós non viñemos aquí a aumentar o patrimonio inmoble ou disparar o censo de socios. O noso é un modelo que aposta polo territorio. O que buscamos é colaborar cos veciños para que eles teñan as súas parcelas en uso e revalorizadas e nós obteñamos as uvas que precisamos e cos criterios cos que traballamos.”, sinala Allegue. “Facerse socio da cooperativa require dun investimento, unha actividade rexistrada e un compromiso cos nosos valores. Non é só anotarse. Por eso a incorporación depende do consello rector. Hai moitas fórmulas para colaborar con nós sen ser socio. Non pechamos a porta a ninguén pero deixamos claros os requisitos.” O presidente da cooperativa puxo especial énfase en destacar que os estatutos prohiben radicalmente a presenza de socios capitalistas. Para pertencer a Martín Códax hai que ser viticultor activo.

As medidas de carácter medioambiental son básicas para o proxecto. Unha das máis recentes e innovadoras foi a adquisición dun recuperador de fitosanitarios. Trátase dunha máquina agrícola que reduce a dispersión dos tratamentos que se aplican, facendo que se concentren na planta. O sistema leva unhas pantallas que deixan a planta entre elas e o tanque co líquido. Así, o produto que poida ser desprazado polo vento acaba retido nas pantallas e volve para o tanque. Esta maquinaria de orixe italiana supuxo un investimento de 60.000 € e queren que a aplicación de fitosanitarios no Ulla se faga deste xeito. Onde non sexa posible empregala, porque precisa dun pequeno tractor, utilizarán métodos de modificación de boquillas ou de gota máis gorda para que os tratamentos se concentren nas plantas e non se dispersen.

Capturador de fitosanitarios traballando nas viñas

Capturador de fitosanitarios traballando nas viñas

En todas as viñas empregan o sistema de cuberta vexetal. Con eso conseguen frear a erosión que pode provocar a abondosa chuvia desta zona e reducir o laboreo mecánico. E tamén aumentar a calidade dos solos en canto a materia orgánica e actividade biolóxica. Incluso, nas épocas de seca, as cubertas mitigan os seus efectos e serven tamén axudan a captura de carbono e aceleran a degradación dos praguicidas.

En Martín Códax rexeitan a construción de socalcos para ubicar viñedos. Porque suporía un movemento de terras moi importante. E tampouco van cultivar videiras en terreos que superen o 30% de pendente. Son medidas que axudan a sustentabilidade, como tamén axuda o feito de manter as masas arboradas que hai nas beiras das parcelas. “Nós apostamos por manter a biodiversidade na contorna da parcela e por danar o mínimo posible a paisaxe. Por eso preferimos perder algo de terreo para uva que deixar peladas as contornas das viñas. Nas beiras temos arbustos e árbores moi de moi diferentes especies e todas elas tamén poden constituír unha barreira natural que protexa as plantas.”, di Rendo.

Dende hai cinco anos, a cooperativa emprega nos seus viñedos do Salnés difusores de feromonas para combater as pragas de insectos. Algo que tamén van implantar no Ulla. É un sistema que libera unha serie de partículas que causan desorientación sexual por acumulación. É decir, os machos teñen unha sobreoferta e acaban por non fecundar. As feromonas son máis baratas que os insecticidas e non teñen ningún impacto ambiental.

Para reducir o impacto visual dos viñedos, unha medida que adoptaron en Martín Códax foi a colocación de postes oxidados como soporte das espaldeiras. Os postes oxidados son un 15% máis caros que os convencionais, pero teñen a vantaxe de que teñen a cor similar á madeira, polo que as leiras non adquiren un ton prateado.

Un dos proxectos da cooperativa na zona do Ulla abrangue unha parcela dunhas 18 hectáreas agrupadas. Algo que suscitou queixas veciñais no concello de Vedra porque consideran que é unha macroplantación. O presidente de Martín Códax cre que esas críticas parten do descoñecemento. “Non existe ningún viticultor que pretenda deixarlles os seus fillos un terreo en peores condicións cas do que el recibiu. Aquí hai grandes profesionais colaborando con nós nun proxecto sustentable no económico, o social e o medioambiental. Nesa parcela imos levar a cabo exactamente o mesmo manexo que nas máis pequenas. Incluso reducindo o aproveitamento vinícola porque temos a convicción de que hai que respectar as masas de frondosas, as inclinacións do terreo e todo o que conleva a protección da biodiversidade.”

“A día de hoxe non sabemos cantas hectáreas desa parcela irán para viñedo. Estamos falando de que primeiramente hai que facer unha tala e desbroce e, despois, analizar todo o terreo e decidir os diferentes usos. E, ademais, o seu propietario ten un proxecto de enoturismo que, obviamente, requirirá dun viñedo que resulte atractivo pola súa sustentabilidade e escaso impacto. Se todo sae segundo o previsto, non se comezaría a plantar videiras ata comezos de 2027. Así que cremos que a oposición o proxecto nesa parcela é moi precipitada.”, engadiu Allegue.

Dende Martín Códax queren destacar a súa vontade de actuar con total transparencia no tocante a esa futura plantación e, por eso, emitiron comunicados públicos describindo obxectivos e aspectos técnicos do proxecto e amósanse abertos a manter reunións informativas cos veciños, algo que fan extensible aos cinco concellos onde están a plantar viñedos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información