
Jonatás Gago, expresidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei
O presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei, Jonatás Gago, foi cesado nun tenso pleno extraordinario celebrado na tarde-noite de onte tralas discrepancias mostradas por catro vocais, dos sete que conforman o pleno.
Jonatás Gago, que apenas levaba dous anos á fronte do órgano de control dos viños de Monterrrei, será relevado no cargo por Manuel Vázquez Losada, da adega Lito, en Castrelo do Val. É a primeira vez nos 30 anos de historia do Consello Regulador que un presidente é cesado. De momento non trascenderon os motivos que levaron aos catro vocais a pedir o seu cese, aínda que fontes do sector apuntan á falta de entendemento persoal de Jonatás Gago con boa parte dos vogais do Consello Regulador.
O presidente cesado destaca nun comunicado que “deixo a D.O Monterrei posicionada na madurez e coma un dos territorios emerxentes no mapa vinícola español e internacional”. ”Monterrei multiplicou por oito as súas exportacións nun ano, un feito insólito que marca o camiño a seguir e nestes dous anos, xerouse un enorme sentimento de orgullo de pertenza a Monterrei”, engade.
“Outro dos aspectos dos que me amoso especialmente satisfeito”, afirmou Gago, “especialmente pola miña condición de docente, é que o Consello Regulador de Monterrei xunto co I.E.S García Barbón acadaron implantar un ciclo de grado medio en “Aceites de oliva e viños” en formación dual. Cubrindo a necesidade de formación para traballadores do sector vitivinícola demandada polas adegas e así aumentar as opcións de formación para os mozos/as da comarca”.