A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Cereais e pensos ecolóxicos Ledo, unha fábrica familiar no corazón de Galicia

A empresa dá servizo a toda Galicia, cunha oferta centrada en materias primas limpas e nobres

Cereais e pensos ecolóxicos Ledo, unha fábrica familiar no corazón de Galicia

Dende Rodeiro (Pontevedra), no interior da provincia de Pontevedra, saen pensos en ecolóxico para numerosas ganderías de diferentes puntos de Galicia. Cereais e pensos en ecolóxico Ledo é unha empresa que recuperou unha antiga fábrica de pensos na parroquia de Vistuide e púxoa a funcionar con liñas de produción en ecolóxico, certificadas polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega).

O seu xerente, José Manuel Ledo, destaca que sempre lle interesou o tema da produción en ecolóxico, de feito el mesmo xestiona coa súa muller granxas en ecolóxico de vacún de carne e porcino. Así, déronse de conta de que na produción en ecolóxico había un nicho de mercado de alimentación animal ao que aínda lle faltaba moito por explotar.

“Nesta fábrica facemos unha liña de pensos de alta calidade e podemos ofrecer outros servizos, como o reparto porta a porta, que son importantes”, destaca.

José Manuel e a súa muller retomaron o proxecto familiar hai dous anos e puxérono a funcionar, seguindo a liña do que xa había. Traballan con materias primas en ecolóxico (millo, trigo, cebada e soia) de alta calidade e que son moi limpas e nobres: “O que máis esiximos é a limpeza do cereal”.

Todas elas son importadas de diferentes puntos, por exemplo, o millo cómprano en Francia “e estanos a dar grandes resultados”; o trigo e a cebada mércano en Cidade Real. “Contamos cunha empresa de transporte que é a que se encarga de traernos todas as materias primas”, detalla.

nave fabrica pensos ecologicos ledo

Dispoñen de pensos para vacún de carne, para cebadeiro de xatos, para vacas de leite, galiñas, polos e porcos, ademais de facer venta directa de cereais e mesturas de cereais. Todo elo sérveno tanto en sacos de 25 kg como a granel, para o que contan cun camión para reparto a granel en exclusivo en ecolóxico. “Facemos reparto ao pequeno consumidor que busca alta calidade en ecolóxico para os seus animais”, indica.

“En Ledo ofrecémoslle aos clientes unha maior calidade nos pensos, derivada dunhas boas materias primas”

Teñen fixadas diferentes rutas para cada día da semana, que alternan co reparto de produtos da carnicería que manexan en Agolada (Pontevedra). “Entre a miña muller máis eu facemos todo, dende a xestión da fábrica, o reparto dos pensos, o manexo do gando e a xestión da carnicería”, describe Ledo.

Por ese motivo, fixaron días da semana para facer as saídas e “tratamos de encaixar os puntos aos que temos que ir para ser o máis eficientes posibles”. Cabe puntualizar que os seus puntos fortes atópanse en Lugo e na Coruña, aínda que chegan a Vigo e Ourense tamén. O reparto fano por toda Galicia, pero os seus produtos tamén chegan a Asturias e Cantabria.

Muíño no que fabrican todos os pensos en ecolóxico

Muíño no que fabrican todos os pensos en ecolóxico

Ledo ten claro que a produción en ecolóxico está aumentando porque “a xente busca máis este tipo de produtos e tamén dan axudas para montar proxectos en ecolóxico, por iso agardamos que a fábrica vaia gañando importancia”.

Detalla que dende Ledo buscan sempre ofrecer unha maior calidade nos pensos, derivada dunhas boas materias primas e unha boa xestión das mesmas. A isto súmaselle a proximidade, “xa que notamos que chegar nós mesmos ás ganderías gústalles aos seus propietarios, porque nos poden dicir o que precisan de primeira man e séntense escoitados”.

“As granxas dinos de primeira man que pensan dos pensos e séntense escoitados”

Esta empresa familiar está moi diversificada, posto que conta, a maiores da fábrica de pensos, con carnicería, na que fan venda de produtos por todo Galicia, e granxas de vacún en ecolóxico e porcino. “Polo momento ímonos organizando, sempre buscando a eficiencia e sen perder a calidade dos servizos que ofrecemos”, conclúe este produtor e empresario.

Contacto Cereales y Piensos Ecológicos Ledo

  • Teléfono: 613 277 959

pensos ledo ecologicos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *