“Centralizando o libro xenealóxico en CONAFE teremos máis eficacia e menor custo”

Entrevista a Germán de la Vega, recentemente reelixido presidente de CONAFE. Destaca a importancia da creación de EuroGenomics, que permitirá contar cun ICO europeo. Avanza que o indice se renovará cada dous ou tres anos na busca de "vacas funcionais e rendibles para o gandeiro".

“Centralizando o libro xenealóxico en CONAFE teremos máis eficacia e menor custo”

Germán de la Vega, presidente de CONAFE

Germán de la Vega, presidente da Asociación de Frisoa de Cantabria (AFCA), acaba de ser reelixido presidente da Confederación de Asociacións de Frisoa Española (CONAFE) por catro anos máis.

Á fronte dunha gandaría no municipio cántabro de Cabezón de la Sal, de 80 vacas Frisonas, Germán de la Vega padece tamén a grave crise de prezos pola que atravesa o sector produtor de leite en España.

Cales son os retos que se marca para este novo mandato á fronte de CONAFE?
O reto máis importante que me marco é o de manter o número de gandarías, aumentar o número de vacas reprodutoras e seguir traballando nos avances da xenómica.

Por outra parte, queremos seguir extraendo máis datos de control leiteiro e das valoracións xenéticas para lograr os mellores sementais e vacas máis lonxevas e, no caso da Cornixa Cantábrica, ir cara a un tipo de vaca máis forraxeira.

En que novos proxectos están a traballar en CONAFE?
Hai dous anos CONAFE ingresou en EuroGenomics e imos constituír unha cooperativa a nivel europeo de todas as confederacións de Frisoa dos estados da UE para traballar en conxunto, unificar os ICO e aproveitar sinerxías.

“Con EuroGenomics teremos un ICO a nivel de toda Europa”

É un proxecto que conta con financiamento europeo e permitiranos contar cun índice ICO a nivel UE. A sede estará en Holanda, pola lexislación máis favorable á constitución de cooperativas, e no mes de xullo teremos a próxima reunión para seguir avanzando.

En que dirección se vai realizar a mellora xenética do gañado Frisón nos próximos anos?
Estase a traballar continuamente para mellorar a lonxevidade das vacas, para lograr ubres máis sans, mellores patas e máis capacidade forraxeira. Tamén se está a traballar en resolver os problemas de fertilidade.

A vaca frisoa do futuro vai perder un pouco o tipo, porque vai ser unha vaca máis funcional, máis rendible para o gandeiro.

Esta semana CONAFE publicará a avaliación xenómica de xuño cos novos criterios. En que se centran os cambios?
Por unha parte, o ICO vai incorporar eses carácteres de lonxevidade aos que me referín. Por outra parte, ata agora o ICO cambiábase cada 5 ou 6 anos, mentres que a partir de agora se revisará cada 2 ou 3 anos, segundo a tendencia en Estados Unidos e Canadá. Creo que é o máis acertado ata ver as necesidades de leite e derivados lácteos do mercado mundial e ata que se resolva a incerteza do mercado.

Fálase de centralizar o control do libro xenealóxico de todas as comunidades en CONAFE. Prevense cambios na súa xestión por parte dalgunhas Comunidades Autónomas, entre elas Galicia?
A xestión do libro xenealóxico en Cantabria lévaa CONAFE, mentres que en Galicia, Castela e León ou Andalucía a levan as federacións autonómicas.

Preténdese implantar un programa informático para que a xestión do libro xenealóxico a leve CONAFE, contando para a recollida de datos con terminais electrónicas. Cremos que con este sistema gañaremos en eficacia, rapidez e aforro de recursos. Pero ten que ser debatido e aprobado por cada federación autonómica.

 “Queremos implantar un programa informático que centralice en CONAFE a xestión do libro xenealóxico de raza Frisona, pero a decisión depende de Fefriga”

O programa informático xa está dispoñible e soamente falta que cada asociación o aprobe para implantalo, e no caso de Galicia a decisión correspone a Fefriga.

Quixera poñer en valor que CONAFE neste momento se financia pola cota dos gandeiros socios, e soamente recibe unha axuda mínima do Ministerio de Agricultura. É un mérito de todos os socios.

CONAFE ten como laboratorio de referencia ao Laboratorio de Xenética Molecular de Xenética Fontao. Están satisfeitos coas súas prestacións?
Si, estamos totalmente satisfeitos. Xenética Fontao conta cun laboratorio que presta un servizo excelente; agora tócanos asinar o convenio de renovación e farémolo sen dubidalo.

Xenética Fontao fixo un traballo moi meritorio nunha época de recortes e seguiu sacando touros de elite.

CONAFE_GERMAN_02_standar

Germán coa súa familia na súa explotación.

Como valora o escenario actual tras o fin das cotas e cando prevé que empecen a subir os prezos do leite?
A industria láctea botounos un pulso a todos, sobre todo ás OPL ´ s. Nunca lle gustou os contratos lácteos, porque eran bos para o gandeiro e nunca os aceptaron.

Creo que os gandeiros temos que apostar polas OPL ´ s e demostrarlle a industria que non somos inimigos, que temos que sentarnos a negociar e a falar de custos. E os prezos do leite débense empezar a fixar dende abaixo, polo gandeiro, tendo en conta os seus custos e garantíndolle un beneficio, como ao resto da cadea, e non por arriba, como se fai ata agora, onde os prezos os fixa a distribución.

Con esta crise de prezos , tras o fin da cota láctea, as industrias españolas demostraron que non fixeron os deberes, que saben fabricar leite pero non saben vendelo. Acomodáronse con envasar leite líquido, o de menor valor engadido, pero non en sacar ao mercado produtos lácteos elaborados.

 “En agosto-setembro prevese que suba o prezo do leite”

En canto ás perspectivas, dependen dos índices de INLAC, que os saca do resto da Unión Europea. En todo caso, parece que en agosto-setembro van subir os prezos.

No meu caso, teño un contrato variable e fálanme de que para agosto, con calidades e sen IVE, podo cobrar a 37 céntimos. A tendencia é que vai haber menos leite, polo que a suba de prezos ten que chegar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información