A Central Agropecuaria de Galicia continúa mellorando os seus sistemas telemáticos e optimiza os resultados que obteñen os seus usuarios, como axilizar o proceso das poxas que se celebran cada martes no recinto Feira Internacional de Galicia.
Traballan na aplicación propia da Central para unificar nela tanto a realización das poxas por parte dos compradores como a recepción de resultados e a aceptación ou rexeitamento dos mesmos por parte dos vendedores, a cal, ata o de agora, se leva a cabo a través dunha aplicación externa denominada TokApp.
Esta unificación xa está en probas con algúns usuarios empregándoa e suporá que se utilice unha única aplicación para todas as operacións, tanto para compradores como para vendedores, o que simplifica o proceso para os usuarios e lles permite ter toda a información nunha única aplicación.
Estableceuse a transferencia como único método de pago aos gandeiros, coas consecuentes vantaxes
Tamén se iniciou un proceso para que a dixitalización na introdución de poxas a través do móbil, que xa está operativa, sexa completa, polo cal se eliminan as tiras en papel para levalo a cabo unicamente a través da aplicación da Central a partir do 6 de maio. Así, os compradores sempre terán accesible a súa poxa no móbil para vela cando queiran, poderán facer o sumatorio da cantidade de diñeiro que poxaron ou poderán filtrar por criterios para poxar soamente por aqueles animais que lles interese. Terá vantaxes para todo o proceso da Central, xa que, ao eliminar a introdución ao sistema dos datos das tiras de papel por parte do persoal administrativo, axilizarase o proceso da poxa, ademais de reducir consumo de papel.
Últimos avances
O carácter pioneiro da Central Agropecuaria de Galicia como única poxa de vacún informatizada en España, estivo tamén presente neste proceso de modernización e dixitalización, que comezou coa crise sanitaria da pandemia.
Nos últimos anos incorporouse un seguro de vida para os animais de todas as categorías, o cal se estende dende a saída do recinto ata o xoves desa semana ás 12.00 horas do mediodía, e que é custeado pola Central. Tamén se estableceu a transferencia como único método de pago aos gandeiros, coas consecuentes vantaxes de eliminación de frecuentes extravíos de cheques por parte dos gandeiros, o aforro das comisións cando ingresan o cheque nunha entidade bancaria distinta á que opera coa Central e a recepción do recibo de transacción antes das 14.00 horas do martes en caso de ter correo electrónico.
Sumáronse outras medidas, entre elas, o incremento da calidade das “camas” dos animais ou a incorporación de 30 corraletas máis para becerros carniceiros e de catro peiraos de carga para becerros de recría que facilitan a súa carga e descarga. Está programado de cara a xuño que se habiliten outras 30 corraletas para becerros carniceiros e duplicar os peiraos de carga xa operativos, ademais de abrir no pavillón 3 unha porta para vacas e outra para becerros carniceiros.