A Central Agropecuaria de Galicia (Silleda) pechou a súa última poxa semanal do ano cunha marca histórica en asistencia de animais, con 1.895 exemplares. Ata a data, a mellor marca situábase na sesión número 26 do ano 2006, cando concorresen 1.730 animais. Cómpre lembrar que os martes 24 e 31 non haberá poxa, pero si unha especial de becerros carniceiros o luns 30.
Tamén se rexistraron outras dúas marcas históricas en concorrencia de becerros de recría, con 1.274 (o anterior estaba nos 1.144 tanto da semana 26 do ano 2008 como da semana 25 do ano 2009), e tamén de becerros carniceiros, con 306 (a anterior estaba nos 217 exemplares do 19 de decembro de 2023).
Como consecuencia, as transaccións alcanzaron máximos históricos no conxunto da poxa, con 1.341.387 euros; a anterior marca estaba en 1.100.758 euros da semana pasada. Na categoría de becerros de recría, o volume alcanzou os 503.556 euros, superando os 350.743 euros do 30 de xullo deste ano, e tamén de becerros carniceiros, con 337.108 euros, pasou os 232.520 da semana pasada.

Vista dos becerros de recría na xornada de hoxe. Cedida
Prezos do gando
A continuación, facemos un repaso polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos, aínda que fai falta ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores.
Nos becerros de recría da raza frisoa, os de 15 a 20 días cotizáronse a 155 euros, 57 euros menos que a pasada semana; os de 21 a 50 días a 247 euros, cun descenso de 31 euros, e os de máis de 50 días a 276 euros, que baixaron o seu valor en 17 euros. En canto aos de cruzamento industrial, os máis novos quedaron cun valor medio de 461 euros (+16 euros), pola contra, as femias vendéronse a 289 euros e caeron 73. Os de 21 a 50 días chegaron aos 514 euros (-60) e as femias 84 euros e quedaron en 325 euros de prezo medio Os máis adultos alcanzaron un prezo medio de 745 euros (-109 euros) e as femias de 550 euros (-76).
Nos becerros carniceiros, os machos de cruzamento industrial baixaron o seu valor medio en 30 euros e chegaron aos 1.326 euros con respecto á poxa pasada, mentres que nas femias o descenso foi de 27 euros e chegan aos 1.108 euros. Pola súa banda, os de Loura Galega vendéronse a 1.400 euros de media os machos (-107 euros) e a 1.136 euros as femias (-13). Os animais comercializados baixo o selo de Tenreira Galega Suprema baixaron o seu valor 14 euros e fixan unha media de 1.311 euros por animal.
No vacún maior, os prezos medios quedaron da seguinte maneira: na categoría pagouse de media 2.129 euros (-60 euros); os de primeira a 1.146 (+34) e os de segunda a 784 (+1). Os animais vendidos baixo o selo de Vaca e Boi de Galicia presentan unha caída de 173 euros e quedan cun prezo de saída de 1.626 euros.
Mesas de prezos
As mesas de cotizacións do porcino mantéñense igual que a semana pasada, excepto o desvieje que baixou 0,03 e fixan un prezo de 0,67/0,73 euros por quilogramo. As demais cotizacións quedaron da seguinte maneira: o selecto a 1,595; o normal a 1,57 e o de canle II a 2,039.
Nos leitóns, os exemplares chegados dunha única granxa soben até os 66 euros (cun prezo de 3,3 euros o quilo) e os animais procedentes de varias gandarías cotízanse a 61 euros e cun prezo por quilo de 3,05 euros.
No mercado do ovo, os prezos mantéñense igual: os da XL en 3,13 euros; os da L en 2,59; os da M en 2,38 e os da S a 2,08.
O prezo do coello segue nos os 2,55 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).