En resposta ás críticas polo comezo mañá, 6 de maio, do sistema de poxa do gando únicamente de forma dixital, o que suscitou protestas dos operadores e a ameaza de non participar na subasta de mañá, a Central Agropecuaria de Galicia ven de emitir o seguinte comunicado:
A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA leva anos traballando na modernización dos seus procesos, cun obxectivo claro: mellorar a eficiencia, a transparencia e a operativa das poxas en beneficio de todos os usuarios.
Neste camiño, dende 2021 púxose en marcha unha aplicación móbil que permite aos compradores poxar desde o teléfono, eliminando así o uso das tradicionais tiras de papel. Tras catro anos de adaptación e uso voluntario da app, mañá, 6 de maio, a Central celebrará a súa primeira poxa totalmente dixitalizada, na que todas as poxas deberán realizarse exclusivamente a través da aplicación.
Este avance non implica cambios no funcionamento da poxa, senón simplemente no soporte no que se rexistran as ofertas. Trátase dunha ferramenta sinxela e intuitiva, que xa foi empregada con éxito por moitos compradores.
Coa fin de facilitar a transición, mantivéronse reunións cos principais compradores de becerros de recría —os máis reticentes ao cambio— para explicar as vantaxes do sistema e ofrecer todo o apoio técnico necesario. Froito desas conversas, estanse incorporando melloras á app, como un campo para introducir códigos identificativos dos animais ou un histórico personalizado das compras realizadas.
Ademais, queremos lembrar que este novo sistema non impide que cada comprador leve consigo as súas propias tiras, libretas ou calquera outro apoio que lle resulte útil para seguir o desenvolvemento da poxa. O único cambio é que a introdución das ofertas oficiais farase exclusivamente a través da aplicación da Central.
Vantaxes para os compradores:
Consulta inmediata das poxas en calquera momento.
Cálculo automático do importe total poxado.
Filtros para poxar só polos animais que interesan (ex. Tenreira Galega).
Posibilidade de establecer un número máximo de animais por sesión.
Acceso á información completa dos animais (idade, restricións sanitarias).
Vantaxes para o proceso:
Axilización das poxas, ao evitar o rexistro manual de datos.
Redución de erros humanos na transcrición.
Maior eficiencia operativa e redución do uso de recursos.
Menor pegada de carbono pola redución do papel e consumo enerxético.
Transparencia absoluta, xa que o sistema dixital evita calquera posible irregularidade e garante un control total das operacións.
Desde a Central somos conscientes de que unha minoría de compradores habituais de becerros de recría manifestou a súa intención de non participar na poxa de mañá. Non obstante, outros compradores desa mesma categoría, así como os habituais de vacún maior e de becerros carniceiros —categorías que non mostraron oposición á dixitalización— confirmaron que si estarán presentes.
A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA reafirma así o seu compromiso cun modelo moderno, fiable e transparente, e celebrará con normalidade a poxa do 6 de maio, na confianza de que este cambio beneficiará a medio e longo prazo a todos os axentes do sector.