A Central Agropecuaria de Galicia – Abanca volveu quedar deserta este martes por segunda semana consecutiva debido ó paro dos transportes iniciado o pasado luns 14. Do mesmo xeito que aconteceu a semana pasada, tanto vendedores como compradores non asistiron a esta sesión á lonxa debido ás dificultades para transportar o gando.
Ante esta inactividade durante dúas semanas debido ó paro convocado polo transporte e a posibilidade de que aínda se prolongue, a Central acaba de activar un sistema de preinscrición para que a primeira sesión que se celebre tras este paro non exceda a capacidade total de animais coa que conta o mercado. Esta sitúase en 972 becerros de recría, 170 tenreiros carniceiros e 475 vacas, ademais de 100 prazas para gando en tránsito (o cal non participa nas poxas, pero permanece nunha área específica da Central para o seu benestar durante o seu traslado dunha explotación a outra por parte de transportistas que levan outros animais á poxa).
Este sistema supón que os usuarios da Central deben inscribir os animais que levarán ó recinto. Para isto, terán que comunicar o número de reses a través dalgún dos dous medios habilitados para tal efecto: o correo info@centralagropecuariadegaliciaabanca.es ou o número de teléfono 673 798 302.
Do mesmo xeito que a primeira vez que se empregou este sistema, nas primeiras sesións da Central tras o peche debido á Covid-19, o número máximo de reses establécese, no caso de tratantes e transportistas, segundo os límites de cupos determinados previamente para eles, os cales se calcularon segundo a media semanal de animais que aportaron ata agora.
En canto ós gandeiros particulares, poderán preinscribir reses ata que se acade a capacidade fixada para a Central. En caso de acadarse, terase en conta a data e hora de solicitude, fixándose como límite as 10.00 horas do luns anterior á poxa. O persoal da Central informará aos usuarios sobre a súa solicitude. No caso de que a solicitude dalgún gandeiro non poida ser aceptada por estar completa a capacidade da Central, este poderá requirir nese momento manter a preinscripción para a semana seguinte.
Mesa de prezos do porcino
Pese a que non houbo poxas de gando vacún, a Central Agropecuaria fixo públicos os prezos acordados, como cada martes, nas mesas de cotizacións do porcino. Neste sector, unha semana máis continúan a cotizarse á alza tanto os porcos cebados como os leitóns.
No porco selecto e o normal produciuse un incremento de 0,06 euros e pasan a cotizarse a 1,385 e 1,360 euros o quilo, respectivamente. A suba máis destacada, do mesmo xeito que ven ocorrendo nas últimas sesións, produciuse nos animais de Canal II, que tiveron un incremento de 0,78 euros e acadan un prezo de 1,766 euros o quilo. Os animais de descarte foron os únicos que se mantiveron sen cambios e continúan a cotizarse entre os 0,52 e os 0,58 euros o quilo.
Nos leitóns, produciuse unha suba de 6 euros. Os exemplares chegados dunha única granxa están nos 66 euros (cun prezo de 3,3 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 61 euros e teñen un prezo por quilo de 3,05 euros.
No mercado do ovo houbo subas por valor de 0,050 euros para os ovos da XL, que pasan a cotizarse a 2,08 euros a ducia. Mentres, no resto de categorías houbo unha suba de 0,1 euros o que deixa os ovos da L a un prezo de 1,84 euros a ducia, os da M a 1,64 euros e os da S a 1,44 euros a ducia. As galiñas de descarte tamén rexistraron unha suba de 0,01 euros e pasan a cotizarse entre os 0,29 e os 0,36 euros por quilo.