A Central Agropecuaria acada o maior prezo medio nos becerros de recría

Nunha sesión con subas en case todas as categorías, o recinto feiral silledense bateu récord cun prezo medio na categoría de becerros de recría de 424 euros

A Central Agropecuaria acada o maior prezo medio nos becerros de recría

A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA acadou hoxe o maior prezo medio na categoría de becerros de recría da súa historia, ao situarse nos 424 euros. Supera así o alcanzado na xornada do 16 de xullo, que chegara aos 409 euros. Por outra banda, houbo máximos anuais nas transaccións de becerros carniceiros, con 188.493 euros, e tamén no prezo medio do vacún maior, con 1.839 euros.

En canto á afluencia de gando, neste martes pasaron polo recinto un total de 1.265 animais, dos cales 1.202 foron adxudicados.

Prezos do gando

A continuación, facemos un repaso polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos, aínda que fai falta ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores.

Nos becerros de recría da raza frisoa, os de 15 a 20 días cotizáronse a 162 euros, 37 euros máis que a pasada semana; os de 21 a 50 días a 204 euros, cun aumento de 30 euros, e os de máis de 50 días a 248 euros (+21 euros). En canto aos de cruzamento industrial, os máis novos quedaron cun valor medio de 431 euros (+7), mentres que as femias vendéronse a 300 euros (+26). Os de 21 a 50 días chegaron aos 543 euros (+22) e as femias subiron 13 euros e quedaron en 367 euros de prezo medio. Finalmente, os máis adultos alcanzaron un prezo medio de 840 euros (+176) e as femias de 502 euros (+11).

12_11_2024_page-0001

Nos becerros carniceiros, os machos de cruzamento industrial baixaron 79 euros con respecto á poxa pasada e alcanzaron un valor medio de 1.284 euros; as femias descenderon até os 1.162 euros (-94). Pola súa banda, os de Rubia Galega vendéronse a 1.358 euros de media os machos (-13 euros) e a 1.295 euros as femias (+26). Os animais comercializados baixo o selo de Ternera Gallega Suprema baixaron 90 euros e fixan unha media de 1.364 euros por animal.

Nas categorías extra e segunda do vacún maior houbo subas, mentres que nas outras dúas houbo baixadas. Así, na extra o prezo medio de saída foi de 2.335 euros (+119 euros) e na segunda de 767 (+61). Pola súa banda, na primeira fixouse un valor medio de 1.133 euros (-36) e na categoría de refugallo o prezo de saída foi de 373 euros (-169 euros). Os animais vendidos baixo o selo de Vaca e Boi de Galicia incrementaron o seu valor medio en 683 euros, alcanzando un prezo de saída de 2.467 euros.

Mesas de prezos

As mesas de cotizacións do porcino mantéñense igual que a semana pasada: o selecto cotízase a 1,595; o normal a 1,57; o de canle II a 2,039 e o de desvelle a 0,7/0,76.

Nos leitóns, os exemplares chegados dunha única granxa seguen nos 60 euros (cun prezo de 3 euros o quilo) e os animais procedentes de varias gandarías cotízanse a 55 euros e cun prezo por quilo de 2,75 euros.

12_11_2024_page-0002

O mercado do ovo, nos tamaños XL e L mantense igual: 3,13 e 2,54, respectivamente. Os da M e a S presentan subidas de 0,03 e quedan en 2,32 e 2,02.

O prezo do coello sobe 0,05 e alcanza os 2,55 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información