A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca, que segue sendo a única poxa informatizada de España, pechou 2022 cunha asistencia de 50.565 reses e unha facturación de 32.430.068 euros. Uns datos que superan moi amplamente tanto os rexistros de 2021, coma dos previos á pandemia, no ano 2019. Este incremento rexistrouse a pesar de que as poxas dos días 15, 22 e 29 de marzo deste ano non puideron celebrarse ao non acudir animais debido ao paro que realizou o sector do transporte.
A asistencia total ás poxas da Central foi un 12% máis que o ano pasado, cando concorreran 45.163 reses; e un 9,7% máis que en 2019, xa que ese ano asistiran 46.100 animais nas súas tres categorías: vacún maior, tenreiros de recría e becerros carniceiros. En canto á facturación, supuxo un 52,71% máis que en 2021, cando se acadaran 21.235.772 euros e un 78,2% sobre os 18.199.272 euros en transaccións de 2019.
Por categorías, nos becerros de recría concorreron 29.718 reses, un 3,71% máis que en 2021, cando acudiran 28.656, e un 3,94% menos que en 2019, cando foran 30.938 animais. Unha evolución positiva respecto ao ano pasado e que se achega moito a cifras de 2019, pero que aínda non supera estas últimas debido a que o sector está a experimentar certo estancamento.
Tamén houbo algúns cambios que afectan directamente á recría e que supón que se leven ó mercado menos animais de razas como o frisón. Por unha banda, entre os gandeiros está a aumentar o uso de seme sexado, co que se conseguen femias para a cría en detrimento dos machos que adoitan acudir á Central. Por outra, hai unha tendencia a cruzar o frisón con azul belga para conseguir animais con mellor aptitude cárnica, o que supón tamén un menor número de frisóns nas poxas.
Con todo, as cotizacións nesta categoría aumentaron de forma considerable, por unha importante demanda por parte dos cebadoiros, que queren responder á boa saída que está a ter a carne e ante a escaseza de becerros carniceiros.
En canto ás transaccións na recría acadáronse os 6.364.764 euros, un 19,58% máis que no 2021 cando ascenderon a 5.322.811 euros. Supón un 5,9% máis que no 2019, cando se situaron en 6.010.152 euros. Respecto aos seus prezos medios, en frisón soben un 19,94% respecto a 2021 e un 30% respecto a 2019 (de 87 euros e 80 euros, respectivamente, a 104 euros). Na recría de cruces aumentan un 10,88% en comparación con 2021 e baixan un 3% en comparación con 2019 (de 255 euros e 292 euros a 283 euros). Os becerros rubios de recría soben un 2,76% en relación a 2021 e un 12,46% en relación a 2019 (de 378 euros e 345 euros a 388 euros).
As cifras do vacún maior
No que se refire ao vacún maior, rexistráronse durante 2022 un total de 15.585 exemplares, un 33,78% máis que en 2021, cando foron 11.650 exemplares e un 57,6% máis que en 2019 cando concorreran 9.888. A súa facturación foi un 75,37% maior que en 2021, ao pasar dos 12.331.849 euros de entón aos 21.626.770 euros deste ano e tamén un 160% maior que en 2019, cando foran 8.313.009 euros.
Este aumento tanto na asistencia como na facturación débese a tres factores, como sinalan dende a Central. O primeiro deles é que está a dar os seus froitos o traballo que vén realizando a Central coa axuda dos servizos veterinarios para que os animais de calidades inferiores non pasen polo mercado e vaian directamente ao matadoiro, evitando así a estes animais de maior idade traxectos que inflúen no seu benestar, e conseguindo tamén eliminar reses de mala calidade en favor das de mellores categorías, co consecuente aumento de prezos medios. Mostra diso é que os animais de desvelle na Central representa xa unha porcentaxe moi baixa no conxunto da categoría, con sesións nas que só se contabilizaron 3 animais.
A limitación da venda de gando de menor calidade, a presenza de novos compradores e a alta demanda por parte da restauración motivaron o incremento de prezos e afluencia de vacún maior
O segundo dos factores é que este incremento da calidade seguiu atraendo en 2022 a novos compradores, entre eles doutras comunidades como Madrid ou Asturias, que contribuíron a aumentar os prezos pola maior demanda. Consecuentemente isto atraeu a máis gandeiros que acoden para vender o seu vacún maior. O terceiro factor é a gran demanda que segue existindo en restauración e hostalería de carnes maduradas por parte dos consumidores finais.
Así, a súa cotización media ascendeu un 29,91% respecto a 2021 e un 63,8% respecto a 2019. Por categorías, o prezo da Extra sitúase en 2.037 euros/unidade, o cal supón un 8,42% máis que en 2021 (cando fora de 1.879 euros) e un 14,43% máis que en 2019 (1.780 euros/unidade). As vacas de Primeira alcanzan un prezo medio de 1.157 euros/unidade, un 2,93% máis que en 2021 (con 1.124 euros) e un 6% máis que 2019 (situábase en 1.091 euros/unidade). En canto á Segunda, o prezo medio é de 765 euros/unidade, un 5,66% máis que en 2021 (fóra de 724 euros) e un 5,95% máis que en 2019 (situábase en 722 euros/unidade). Nos animais de desfeito o prezo medio mantense nos 466 euros/unidade, igual que en 2021, e un 2,19% máis que en 2019 (ese ano situáronse en 456 euros/unidade).
O auxe dos becerros carniceiros
Respecto aos tenreiros carniceiros, contabilizáronse 5.262 reses, aumentando un 8,34% respecto a 2021, cando acudiran 4.857 exemplares. Son cifras practicamente iguais a 2019, xa que entón concorreron 5.274 animais. Os datos reflicten a escaseza destes animais debido a que no verán moitos gandeiros, ante a incerteza provocada polos prezos dos insumos, venderon os becerros máis pequenos, entre 3 e 5 meses, e non os cebou nas súas granxas.
En canto ás súas transaccións, situáronse en 4.438.534 euros, un 23,94% máis que os 3.581.112 euros facturados en 2021 e un 14,5% máis que os 3.876.111 euros de 2019. A súa cotización media foi un 15,81% maior. Por categorías, os frisóns rexistraron un prezo medio de 614 euros, un 18,9% máis que en 2021 (517 euros) e un 39,5% máis que en 2019 (440 euros). Os rubios e cruces situáronse en 1.001 euros e 904 euros respectivamente. En canto aos primeiros, o prezo medio aumentou un 14,66% respecto a 2021 e 2019 (fóra de 873 euros ambos os anos), mentres que nos segundos aumentou un 14,54% respecto a 2021 (789 euros) e un 12% respecto a 2019 (807 euros).
Novos récords históricos
Este ano na Central Agropecuaria de Galicia Abanca superouse en numerosas ocasións récords de cotizacións e asistencia. Así, a súa facturación conxunta nunha sesión alcanzou récords ata en seis ocasiones, o último deles no mes de xuño, con 977.268 euros.
O vacún maior superou varias veces este ano a súa máxima facturación, chegando no mes de maio a 735.809 euros, nunha sesión na que tamén alcanzou a maior cifra de asistencia desta categoría na Central, con 510 reses. Ademais, situou o seu prezo medio máis alto nos 1.669,74 euros alcanzados nunha sesión de abril, e rexistrou o maior prezo pagado por un exemplar na historia do mercado cos 10.469 euros alcanzados por un boi en marzo.
En canto a becerros carniceiros, este mesmo mes de decembro establecéronse récords absolutos no volume de transaccións, con 155.918 euros; en prezo medio, con 1.054,92 euros e no maior prezo pago por un exemplar desta categoría, un becerro macho que foi adquirido por 1.799 euros.