Unha caravana de máis de 90 tractores -180 con relos- manifestouse este luns polas rúas de Ourense, unha mobilización que continuará hoxe con accións informativas e o reparto de patacas e carne.
A mobilización, convocada pola Asociación do Sector Primario de Galicia, contou coa presenza de agricultores e gandeiros chegados non só da provincia de Ourense, senón tamén de Lugo e de Pontevedra.
Os manifestantes denuncian o que consideran un abandono sistemático do campo por parte das administracións desde hai décadas así como decisións máis recentes como o acordo da Unión Europea con MERCOSUR, que podería prexudicar gravemente ás ganderías de vacún de carne galegas, entre outros sectores, ou a última proposta de reforma da PAC.
A protesta partiu sobre as 12:00 horas do polígono industrial de San Cibrao das Viñas. Desde alí, tras queimar unha bala de palla e preparar os carteis, a marcha avanzou polo polígono Barreiros cara á cidade das Burgas, onde entrou catro horas máis tarde, ás 16.00, relentizando o tráfico ata alcanzar o seu destino final ante o Parque de San Lázaro, baixo lemas como «Gandeiros unidos” ou “Sen campo, a cidade non come».
No caso concreto de MERCOSUR, os gandeiros asistentes consideran que o acordo que está a piques de ser ratificado polos estados membros supón «unha competencia desleal» que ameaza a supervivencia das explotacións galegas, ao producir con menos esixencias ambientais, sanitarias e tributarias, e con custos de produción moito menores que en Europa, o que levará a “prezos artificialmente baixos que, acabarán expulsando ao produtor local». «É pan para hoxe e fame para mañá. Cando desapareza a soberanía alimentaria, outros impoán os seus prezos, como pasou co cereal na guerra de Ucraína», advertiu Javier Blanco, gandeiro de Maceda,

Outra das reivindicacións dos manifestantes é un cambio na xestión da dermatose nodular contaxiosa. En concreto, reclaman un cambio na clasificación desta enfermidade a nivel europeo, para que non se aplique como única solución o sacrificio de todos os animais dunha explotación no caso de que se detecte un positivo. Neste sentido, defenden outras alternativas con base científica como a vacinación preventiva e as seroloxías.
Os manifestantes tamén reivindican o papel esencial da gandería e da agricultura para manter un medio rural vivo e previr os incendios forestais, como se puxo de manifesto este ano na vaga de incendios de que devastou boa parte da provincia de Ourense.
A maiores reclaman unha PAC máis xusta, menos burocracia, indemnizacións adecuadas polas perdas sanitarias, control efectivo do xabaril e a defensa do xurro como «recurso agrícola, non como residuo».
Galego









Control OJD