Centos de galegos viaxan ao Bierzo cada fin de semana para sacar o carné de fitosanitarios

A falta de oferta formativa da Xunta de Galicia, sobre todo online, obriga a centos de agricultores e gandeiros galegos a desprazarse cada fin de semana ao Bierzo. A academia de León que imparte os cursos online di estar “desbordada” pola demanda desde Galicia

Centos de galegos viaxan ao Bierzo cada fin de semana para sacar o carné de fitosanitarios

Aviso en Agroulla, en Valga (Pontevedra)

Ata 200 agricultores e gandeiros galegos desprázanse cada fin de semana ao Bierzo para poder sacar o carné de manipulador de produtos fitosanitarios, tanto o básico como o cualificado, na modalidade online.

Este carné é obrigatorio desde o pasado 26 de novembro para poder comprar produtos fitosanitarios de uso profesional. Con todo, a falta de oferta formativa da Xunta de Galicia durante estes meses para atender a avalancha de demandantes obrigou a centos de persoas a desprazarse ata a veciña comunidade de Castela e León, onde si existe a posibilidade de realizar o curso online.

Esta modalidade viña sendo demanda polos puntos de venda de produtos fitosanitarios de Galicia, pero a Consellería do Medio Rural non a aprobou. E é que mentres o curso en modalidade presencial para o carné básico esixe 25 horas presenciais e para o cualificado 60 horas, algo que non se poden permitir moitos agricultores, a modalidade online posibilita realizar a maior parte da parte teórica a través de Internet e soamente requírense 4 horas presenciais de prácticas para o básico e 9 para o carné cualificado.

A academia de León que imparte os cursos online di estar “desbordada” pola demanda de Galicia

Desta forma, e despois de pagar uns 100 euros para o curso do carné básico, incluíndo taxas e trámites administrativos ante a Xunta, e 150 no caso do cualificado, centos de persoas desprázanse cada fin de semana desde as catro provincias galegas a León para realizar as horas prácticas e o exame. Van e veñen no mesmo día, tanto en sábado como en domingo.

Unha vez aprobado o carné en Castela e León, a academia remite a documentación á Xunta de Galicia que deberá emitir e recoñecer o carné de manipulador de produtos fitosanitarios, xa que aínda que estea expedido noutra Comunidade Autónoma é válido para todo o territorio español.

“Ata o 80% dos asistentes aos nosos cursos no Bierzo son galegos”

A principal academia que está a impartir estes cursos é Rabcor 2014 SL a través da súa web www.cursosfitosanitarios.com. O seu director, Javier de Rábano recoñece que “a demanda que temos desde Galicia desbordounos”. “Desde fai tres fins de semana impartimos a parte presencial do curso online en Carracedelo, no Bierzo, e tamén en Camarzana de Tera, en Zamora, a unhas 200 persoas, e ata un 80% son galegos”, asegura.

Javier de Rábano destaca “para os fins de semana dos próximos meses xa temos todo cuberto, na súa gran maioría por xente de Galicia”. Subliña que “a nosa intención era realizar o curso online e a parte presencial en territorio galego, pero a Xunta decidiu que non se impartise nesta modalidade, algo que si oferta a Junta de Castilla y León ou a Comunidad de Madrid”.

 “É evidente que as cousas non se fixeron ben en Galicia”

Ademais, e tamén a diferenza de Galicia, en Castela e León se se pode realizar un curso ponte desde o carné básico para obter o cualificado, o que reduce a duración do curso de 60 a 35 horas.

Para o director de Rabcor 2014 SL “resulta evidente que as cousas non se fixeron ben en Galicia: agora mesmo hai unha demanda enorme para sacar o carné e as academias estamos desbordadas para resolver este problema”.

Na comarca de Bergantiños cada fin se semana viaxan dous autobuses a León para realizar os exames

Ante a falta de información e de oferta formativa, son os establecementos de de venda de produtos fitosanitarios os que orientan aos agricultores para obter o carné de manipulador da forma máis rápida e fácil.

Conscientes de que se o cliente non ten carné de manipulador non poden venderlle produtos fitosanitarios de uso profesional e de que, por tanto, periga o seu negocio, estes establecementos mesmo organizan viaxes en autobús a León para sacar o carné.

Desde a comarca de Bergantiños xa teñen autobuses completos para os próximos fins de semana

Isto é o que sucede na comarca de Bergantiños, na Coruña. Un vendedor, que prefire preservar o seu anonimato, asegura que “os agricultores están desesperados porque non poden comprar produtos sen carné desde o 26 de novembro e nós tentamos solucionar esta situación”.

“Así, ata agora viaxaron máis de 100 agricultores da comarca ao Bierzo e para os próximos fins de semana xa temos dous autobuses completos para viaxar alí para sacar o carné”, engade a mesma fonte.

En Valga, un concello agrícola de Pontevedra, Jesús Campañó Casal, xerente de Agroulla, destaca tamén que a “demanda de cursos está a ser moi alta”. “Veu unha academia privada aquí para impartir 1 curso presencial para sacar o carné básico e ao final van realizar 4 cursos, para 100 persoas en total”, destaca.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información