Caza controlada do lobo ‘versus’ furtivismo?

Acordos e desacordos sobre o lobo: Adega e Unións Agrarias coinciden na necesidade de maiores apoios de Medio Ambiente para prevención e indemnización de danos, pero discrepan sobre a caza da especie

Caza controlada do lobo ‘versus’ furtivismo?

Peche electrificado para prevención de danos de lobo. / Imaxe: Beealia.

En Galicia a penas se cazan lobos de xeito legal, 17 desde o ano 2006, en controis autorizados por danos reiterados, pero cada ano Adega calcula que se matan “entre 200 e 300” en accións furtivas. A organización ecoloxista defende a prohibición da caza legal da especie e un endurecemento penal sobre os furtivos, en tanto entre as organizacións do agro xorde a cuestión de se a caza controlada non é a única alternativa para atallar o furtivismo.

A ecuación da xestión do lobo é complexa, con outros mecanismos a ter en conta a maiores da caza, como as indemnizacións por danos ou as axudas á prevención. O debate mediático sobre todas estas cuestións suma nas últimas horas dous novos posicionamentos públicos, en senllas notas de prensa.

A organización ecoloxista Adega sostén que o problema do lobo en Galicia non é a súa protección, senón que a Xunta ofreza maiores apoios á gandería, tanto en medidas de prevención como en indemnización de danos. Entre tanto, Unións Agrarias avoga igualmente por fomentar a convivencia de lobo e da gandería extensiva, pero cunha xestión que permita a caza da especie cando así se dictamine con criterios científicos e técnicos.

Debate irreal e furtivismo
A posible prohibición da caza do lobo por danos reiterados sobre o gando é o principal asunto que está a debate estes días, enfrontando a parte do sector ecoloxista coas organizacións do agro. Desde Adega defenden esa prohibición e sinalan que a penas terá impacto real en Galicia, pois no periodo 2006-2019 só se mataron 17 lobos na comunidade en accións de caza controladas. O último lobo cazouse no 2013 e desde entón, en 28 accións de control autorizadas no periodo 2014-2019 non se abatiu ningún cánido.

Desde o 2006, só se mataron 17 lobos en accións de caza autorizadas en Galicia, pero Adega calcula que cada ano mátanse polo menos 200 de xeito furtivo

Para Adega, a importancia principal de incluír ó lobo no listado de especies de especial protección radica nas consecuencias penais que pasará a ter a súa caza furtiva. “En Galicia calculamos que se cazan de xeito furtivo entre 200 e 300 lobos cada ano”, asegura a organización ecoloxista, que destaca que se se confirma o novo estatus de protección da especie, a súa caza pasaríase a considerar delito penal, con penas de cárcere.

Desde Unións Agrarias recoñecen que a caza nunca foi unha ferramenta de xestión poboacional do lobo en Galicia, pero entenden que pechar esa posibilidade é un erro.

“Prohibir a caza supón renunciar a unha ferramenta de xestión que non ten alternativa nos casos nos que se produza alarma social” (Jacobo Feijoo, Unións Agrarias)

“Prohibir a caza supón renunciar a unha ferramenta de xestión que non ten alternativa nos casos nos que se produza alarma social por ataques reiterados ás explotacións, mandas agresivas que se acheguen ao entorno das casas, poñendo en risco a seguridade, ou exemplares problemáticos que precisen de solución puntuais. Non hai que esquecer que o lobo é un superdepredador que está na pirámide da cadea trófica, carece de inimigos naturais e tan só a xestión por parte do ser humano mediante caza controlada pode garantir o equilibrio das súas poboacións de xeito ordenado”, defende o responsable de Desenvolvemento Rural de Unións, Jacobo Feijoo.

A postura da organización agraria, que comparten outros colectivos do agro, é a favor dunha convivencia do lobo coa gandería extensiva. “Hai que mandarlle unha mensaxe de tranquilidade á sociedade. O lobo non está en perigo de extinción en Galicia e ninguén no rural galego avoga pola súa desaparición, senón pola convivencia garantizada por unha xestión das poboacións con criterios científicos e técnicos”, defenden desde Unións.

Entre as organizacións que están a favor da convivencia do lobo coa gandería extensiva, existe o temor a que a prohibición da caza do lobo leve a un aumento de accións furtivas, en ocasións indiscriminadas polo uso de lazos ou velenos. Fronte a ese escenario, enténdese que as accións puntuais de caza, decididas con criterios técnicos, preséntanse máis como unha alternativa a fomentar que como unha opción a prohibir.

Apoios ó agro
Onde hai acordo entre ecoloxistas e organizacións agrarias é na necesidade de que a Consellería de Medio Ambiente aporte maiores apoios para prevención de danos e para indemnización dos mesmos. Adega calcula que as axudas da Xunta para prevención desde o 2004 foron dun total de 1,3 millóns de euros, “a penas 75.000 euros ó ano”, cuestionan.

Entre tanto, as axudas para cubrir danos ascenderon no mesmo periodo a 3,6 millóns de euros, cun investimento anual medio de 200.000 euros, “pero só este último ano se adicou un presuposto suficiente para atender o problema, cun total de 646.000 euros presupostados”, valoran desde Adega.

Unións avoga tamén pola mellora dos apoios ó agro. “É importante axilizar os tempos para que as axudas se paguen nun máximo de dous meses, e non permitir retrasos de máis dun ano, como acontece na actualidade”. A organización agraria pide ademais que se cubra o valor real de cada res e que se pague o lucro cesante.

A alimentación disuasoria, con animais mortos que se poidan abandonar no monte, é un mecanismo complementario de xestión que suxire Unións Agrarias

Para Unións, habería asimesmo que revisar o procedemento no caso de animais desaparecidos que se exclúen das axudas, “pois hai un nivel de arquivo de expedientes de danos dun 25%”. Distinta é a percepción de Adega sobre a cuestión, pois a organización ecoloxista considera que o prioritario é axilizar as inspeccións sobre o terreo para evitar fraúdes na declaración de danos. Adega sostén que ata un 30% das comunicacións de danos son falsas.

Outras medidas de xestión
Como medida complementaria de xestión, Jacobo Feijoo propón que se establezan mecanismos de alimentación disuasoria en determinadas épocas e lugares, asociados a un seguemento técnico das necesidades que teñan as correspondentes mandas de lobos. “É un mecanismo que pode axudar a aliviar a presión sobre as explotacións gandeiras. Chegaría cunha xestión das propias reses mortas de xeito natural nas explotacións e tamén se podería pensar na xestión de parte dos restos dos xabaríns que se cazan cada ano en Galicia”, valora.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información