Cautela e valoracións contrapostas no sector forestal ante a prórroga da moratoria do eucalipto

Os distintos profesionais e organizacións que operan ou interveñen no sector forestal realizan valoracións moi diferentes respecto do anuncio da Xunta de Galicia de que se vai prorrogar a moratoria para a plantación de eucaliptos ata 2030. As excepcións sobre a actual moratoria son o principal aspecto que se está a analizar e valorar.

imaxe portada eucaliptos monte forestal-min

A Consellería do Medio Rural anunciaba este 16 de outubro a prórroga da moratoria ata o ano 2030 para a plantación de eucaliptos en Galicia. Pero esa prolongación inclúe dúas excepcións á normativa vixente, que están a concentrar o debate dentro do sector forestal. Falamos con diferentes axentes do sector para coñecer as primeiras impresións sobre esta recente medida. 

FUNDACIÓN ARUME

“É preciso concretar cales son as masas de piñeiro gravemente afectadas polos fungos e establecer uns axeitados controis de seguemento da moratoria”

A Fundación Arume fai unha valoración positiva da extensión da moratoria ata o 2030 xa que, afirma nun comunicado, “atende a nosa petición de adoptar medidas para evitar un efecto rebote nas plantacións de eucalipto e habilita un tempo suficiente para deseñar dentro do sector, en coordinación coa Consellería competente, os criterios que permitan unha planificación territorial máis axeitada.”

Para a Fundación, a prórroga é coherente co Plan Forestal de Galicia e destacan a “importancia de respectar as superficies máximas quinquenais para o eucalipto que se definiron no propio Plan Forestal. De aí, a importancia de facer un seguimento anual do Inventario Forestal Continuo de Galicia. “

A prórroga da moratoria evita un efecto rebote nas plantacións de eucaliptos, pero hai que estar atentos os criterios de excepción e á aplicación dos mesmos. (Fundación Arume)

Con todo, dende Arume fan un chamamento á cautela ata coñecer exactamente en que consisten e como se van xestionar as excepcións á moratoria. No que respecta á excepción para piñeirais gravemente afectados polo fungo das bandas, Arume entende que “é preciso concretar cales son as masas de piñeiro radiata gravemente afectadas, para o que sería de utilidade unha cartografía pública ao respecto.”

E sobre o traspaso de superficies actuais de eucalipto a outros enclaves, a Fundación coincide nesa orientación sempre e cando o traspaso se faga a superficies rasas, non produtivas ou abandonadas, pois se se procedese a substituír masas actuais de coníferas, a medida introduciría efectos negativos.”

Arume considera necesario dotar de medios suficientes á Consellería para garantir que poida “establecer uns axeitados mecanismos de seguimento da moratoria e das súas excepcións, pois a normativa, para ser efectiva, debe contar cuns controis efectivos sobre o terreo.”

A Fundación Arume, entidade declarada de interese para o desenvolvemento forestal de Galicia e formada por entidades de toda a cadea monte-industria, ofrécese para “traballar desde o consenso técnico e institucional cos distintos actores do sector, contribuíndo a que este novo escenario se traduza nunha mellor planificación e xestión do monte galego.”

MANUEL MAREY. CATEDRÁTICO DA USC

A quen se lle vai cargar coa responsabilidade de determinar se unha zona está moi afectada ou non?. Con que criterios?, con que ferramentas de medición?

De xeito similar se manifestou Manuel Marey, catedrático da Área de Proxectos e Planificación Forestal da USC e presidente da comunidade de montes en man común de Tórdea (Castroverde). “Esta prórroga ten moitos matices para calquera persoa ou entidade do sector. E creo que non resolve as dúbidas de quen estea pensando en que facer cos seus terreos.”

A Marey preocúpalle especialmente coñecer os aspectos relativos os dereitos de plantación e o seu intercambio. “O texto legal será a clave. Porque falamos de algo pouco concreto como é o concepto de dereitos de plantación. O importante é que os donos dos terreos decidan sobre os mesmos, e non que vaian doutras zonas a xestionalos mediante eses intercambios. Veremos en que queda.”

O importante é que os propietarios dos terreos forestais teñan claro o que vai ser mellor para eles. E creo que non teñen informaciòn suficiente. (Manuel Marey)

Para o catedrático e produtor forestal, a declaración de zonas afectadas por fungos tamén terá que ser moi revisada. “A quen se lle vai cargar coa responsabilidade de determinar se unha zona está moi afectada ou non? Con que criterios? Con que ferramentas de medición?”

Marey cre que o texto da prórroga debe informar das mellores opcións para os propietarios de terreos forestais

Marey cre que o texto da prórroga debe informar das mellores opcións para os propietarios de terreos forestais

Marey bota de menos maior rigor na recollida de datos sobre o patrimonio forestal antes de tomar decisións tan importantes como a propia prórroga ma moratoria ou as medidas de excepción que leva aparelladas. “Se os datos non son totalmente fiables, as decisións que se tomen non van ter os efectos desexados.”

ASAGA

“As excepcións da moratoria son positivas para o propietario. Agora é tempo de redimensionar as parcelas de monte”

Para a Asociación Agraria de Galicia (ASAGA), a prórroga da moratoria é unha boa noticia. O seu presidente, Francisco Bello, sinalou que un dos aspectos máis positivos se atopa nas novas excepciòns que presenta a nova normativa, á espera de que sexa publicada no Diario Oficial de Galicia.

“As novas excepcións plantexadas son consecuentes coa necesidade de dar unha alternativa viable para aqueles propietarios de plantacións de piñeiros afectadas pola praga da banda marrón, para que poidan facer rendibles as suas explotacións.”, dixo Bello.

A prórroga é unha boa noticia e as excepcións que inclúe serán de utilidade para multitude de propietarios. (ASAGA)

Bello fai tamén un chamamento para ordenar e estruturar axeitadamente a propiedade forestal porque, asegura, agora é necesario traballar e destinar recursos de todo tipo a ese fin porque “a inmensa maioría de propietarios forestais somos minisfundistas en extensión, e multipropietarios en parcelas, tantas que moitas delas descoñecemos exactamente onde están e cales son os lindes, o que se agrava co paso do tempo”.

ASAGA valora positivamente tanto a propia prórroga como as excepcións que contempla

ASAGA valora positivamente tanto a propia prórroga como as excepcións que contempla

ASAGA propón, de aquí a 2030, concentrar os esforzos no territorio co fin de favorecer a reordenación e o redimensionamento. “Todos os que temos competencias no sector forestal e nas Administracións, deberiamos aproveitar para desenvolver o Plan Forestal, a Lei de recuperación da terra abandonada, a Lei de mellora de estructura territorial de Galicia e o resto de normas que abranguen o sector. Só así mellorararemos a rendibilidade económica das explotacións, o que será clave para loitar contra o abandono do rural e a lacra dos lumes”.

SINDICATO LABREGO GALEGO

“É unha moratoria trampa que aumentará a especulación de terras forestais e reducirá máis a terra agraria”

Radicalmente distinta é a posición do Sindicato Labrego Galego (SLG), que califica de “trampa” a prórroga da moratoria. A organización agraria considera que a medida leva a que se aumente a superficie destinada a eucalipto en territorio galego mentres que se diminúe a terra agraria.

Tal como está concebida, a prórroga abre un novo espazo de especulación coa terra forestal de Galicia. (SLG)

O SLG critica tamén o intercambio de superficies entre propietarios. Dende o SLG apuntan que a medida de intercambio de dereitos de plantación “vai abrir un novo espazo de especulación coa terra no noso territorio. E vai seguir afondando nunha política de monocultivos forestais, que dana á produción labrega, á biodiversidade, á fertilidade dos solos e ás masas de frondosas autóctonas.”

O SLG cre que a prórroga só fará aumentar a superficie de eucalipto en Galicia

O SLG cre que a prórroga só fará aumentar a superficie de eucalipto en Galicia

A organización agraria non ve útil a plantación de eucaliptos nos piñeirais afectados gravemente polas bandas de fungos. “Parécenos unha visión moi curta e sen volta atrás da cadea monte-industria. O que nos fai pensar que na Consellería faltan persoas con criterio para afrontar os retos futuros do monte galego e do noso medio rural.”

APENFOGA

“Hai que analizar o texto de ampliación da moratoria antes de valorar os efectos da medida”

A Asociación Profesional de Enxeñeria Forestal de Galicia (APENFOGA) cre que non se pode facer unha valoración rigorosa sobre a prórroga ata coñecer en profundidade a literalidade da norma e os aspectos legais e técnicos da mesma. Especialmente no tocante ás excepcións.

APENFOGA vai analizar en profundidade os textos legais das excepcións á proórroga da moratoria

APENFOGA vai analizar en profundidade os textos legais das excepcións á proórroga da moratoria

APENFOGA, que agrupa enxeñeiros forestais da administración autonómica, sinala que a prórroga da moratoria abrangue aspectos forestais, paisaxísticos, económicos, medioambientais e legais e, polo tanto, hai que analizar minuciosamente cada aspecto do texto antes de determinar o que poden ser os seus efectos.

Se ben a prórroga é necesaria, abrangue aspectos moi transversais polo que temos que ser cautelosos antes de valorar o que poden ser os seus efectos (APENFOGA)

A comezos de outubro, APENFOGA emitiu un comunicado no que se solicitaba a prórroga indefinida da moratoria “polo menos ata que a Consellería de Medio Rural dispoña de información máis precisa achegada polo Inventario Forestal Continuo de Galicia e se dote ao territorio das ferramentas de planificación necesarias para poder cumprir os obxectivos establecidos na primeira revisión do Plan Forestal”. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información