Caurelor, 15 anos dun proxecto que aproveita os froitos da natureza

Castañas, arandos, moras, cereixas, uvas ou tomates son algunhas das materias primas coas que Verónica Núñez e Daniel Arza elaboran de xeito artesán as súas cremas e marmeladas. Habituais en múltiples feiras por toda Galicia, este ano supliron a venda directa e o contacto coa xente grazas á súa tenda online

Verónica, na súa tenda-obrador de Espandariz (Quiroga), con algúns dos produtos que elaboran

Verónica, na súa tenda-obrador de Espandariz (Quiroga), con algúns dos produtos que elaboran

Moito antes de que o Courel fose declarado Xeoparque Mundial pola Unesco Verónica e Daniel xa confiaron nas súas posibilidades cun proxecto que pon en valor os produtos naturais das montañas orientais de Galicia e do val de Quiroga. A unión de Daniel, natural de Santa Eufemia, unha aldea pertencente a Folgoso do Courel, e de Verónica, orixinaria da montaña do Lor, deu lugar a Caurelor.

Corría o ano 2006 e Verónica, xeógrafa de formación, estaba de técnica de turismo na Torre Homenaxe de Pardo de Cela, no municipio mariñán de Alfoz. Daniel, a súa parella, traballaba na pizarra na outra punta da provincia de Lugo, na zona de Quiroga, a 180 quilómetros de distancia. Caurelor naceu, xa que logo, como un proxecto de vida en común. “Montámolo coa idea de levar un proxecto xuntos. Eu teño un máster en enoloxía e inicialmente pensamos montar unha adega, xa estaba creada a Denominación de Orixe Ribeira Sacra pero aínda estaba empezando e o sector estaba fastidiado nesa época, así que enseguida nos sacaron iso da cabeza. Decidimos entón apostar polo que tiña Daniel, que eran as castañas. A xente non nos tomaba en serio e case se ría de nós. Ides vivir das moras e das castañas?, dicíannos”, lembra Verónica.

A xente non nos tomaba en serio e dicíanos: Ides vivir das moras e das castañas?

“Pero seguimos adiante e comezamos a probar. O primeiro que fixemos foron castañas en almíbar e crema de castañas e vimos que gustaba moito e a partir de aí fomos diversificando en función dos produtos que había no monte: arandos silvestres, moras, cereixas. E así até o día de hoxe”, conta.

Aproveitar o que dá o monte e a terra

Década e medio despois, e malia o varapau que o coronavirus supuxo para pequenos produtores coma eles, que teñen nas feiras locais un dos seus principais puntos de comercialización, Verónica e Daniel seguen a vivir do que dá a natureza nunha zona, a do Courel, rica en diversidade. “Aproveitamos os produtos silvestres e tamén outras cousas que cultivamos nós”, contan.

Traballamos en función do ciclo natural do produto. Cando se acaba a froita que nós mesmos apañamos paramos de producir

Seguen mantendo esa mesma filosofía coa que comezaron, produtos naturais e ecolóxicos elaborados de xeito artesán, co mínimo proceso de transformación, unicamente o imprescindible para garantir a súa conservación para que o cliente, alí onde estea, poida disfrutar deles durante todo o ano malia tratarse de froitos de tempada que hai que apañar no seu momento óptimo.

“Traballamos en función do ciclo natural do produto. Por exemplo, acabamos coas moras en outubro e comezamos coa castaña ata decembro e cando se acaba o produto que nós mesmos apañamos paramos de producir”, explica Verónica. Por iso o que fan son conservas únicas e case de edición limitada.

Mínima manipulación e sen conservantes

En cada 'fornada' no autoclave collen entre 60 e 70 quilos de froita

En cada ‘fornada’ no autoclave collen entre 60 e 70 quilos de froita

No obrador, situado no lugar de Espandariz, ás aforas de Quiroga, a maquinaria segue sendo pouca a día de hoxe: unha trituradora, un autoclave e unha enchedora para os botes de cristal inventada por Daniel, feita cun cántaro do leite.

De case todas as nosas marmeladas temos unha versión só con azucre e outra sen nada, só froita 100% natural

“Non precisamos moito máis porque o importante é o produto que vai dentro do bote, nós non usamos conservantes nin produtos químicos, só froita”, destaca Verónica. De case todas as súas marmeladas teñen unha versión sen azucre engadido, unicamente inclúe o que lle aporta a propia froita, e outra con algo de azucre, para adaptarse deste xeito ao padal de todos os consumidores. Máis nada, o resto é o sabor da propia froita.

Moras e arandos silvestres, cabazas, figos, uvas, cereixas ou melocotóns forman parte da súa ampla gama de marmeladas e tamén elaboran zumes naturais de cereixas, arandos e moras silvestres.

Castañas dos seus propios soutos

Un dos seus produtos estrela, co que empezaron, seguen a ser as castañas, que elaboran en media ducia de preparacións diferentes: castaña en almíbar, marmelada e crema de castaña, castaña cocida envasada ao baleiro ou castaña con chourizo e panceta son algúns dos produtos que fan.

Conservan as castañas unha vez apañadas en area para que se intensifique o seu sabor a través dunha lixeira deshidratación

Elabóranos cos froitos dos seus propios castiñeiros, que coidan ao xeito tradicional e coa filosofía propia da agricultura ecolóxica, aínda sen estaren certificados polo Craega. Preocupados polo medio ambiente e a natureza, a súa verdadeira despensa, as conservas de Caurelor teñen unha pegada de carbono moi baixa, calculada por Fademur en tan só 230 gramos equivalentes de CO2 por tarro, polo que son produtos ambientalmente respectuosos. “As nosas castañas son apañadas en soutos centenarios e conservadas despois en area até o momento da súa elaboración, o que lle confire unha lixeira deshidratación que axuda a intensificar o seu sabor”, contan.

Diversificar e innovar

Níscalos con castañas e salsa de tomate, produtos deste ano 2020

Níscalos con castañas e salsa de tomate, produtos deste ano 2020

Aínda que todos os seus produtos están ligados á tradición e elaborados con receitas propias desta zona, Verónica e Daniel tratan de innovar todos os anos con novos produtos que van ampliando a súa xa extensa gama de referencias. Mel, salsa de tomate e níscalos con castañas son as últimas novidades na listaxe.

Mel, salsa de tomate e níscalos con castañas son as últimas novidades

“Temos catro colmeas e envasamos mel, empezamos este ano, e todos os anos plantabamos tamén tomates e faciamos salsa para nós e para regalar. Pero este ano tivemos moito tomate e decidimos comercializala. Fixemos uns 400 botes de salsa de tomate. Nós aproveitamos todo o que temos, non se pode tirar nada”, defende Verónica.

Venda online e visitas organizadas

Caurelor vende os seus produtos artesáns a través da tenda online da súa páxina web, unha ferramenta coa que levan traballando desde fai cinco ou seis anos pero que agora potenciaron tralo confinamento, con envíos gratuítos a partir de 60 euros e con só 1,99 euros de portes para pedidos de volume inferior sempre que superen os 20 euros. “Se non estás en internet non estás en ningún sitio. Ata agora a venda online tiña momentos puntuais de máis actividade en Nadal, onde temos feito envíos de 80 cestas nun só día, Semana Santa ou setembro, o resto do ano eran pedidos de xente habitual, pero este ano a raíz do coronavirus notamos un incremento de vendas por esta vía”, explica Verónica.

Preparan cestas de Nadal que inclúen as súas elaboracións e produtos doutros produtores da zona para empresas ou particulares

Ademais de a través de internet, Caurelor distribúe os seus produtos en tendas e vende directamente nas feiras, unha posibilidade que a pandemia truncou completamente este ano. “Antes iamos a unha ou dúas feiras cada fin de semana, tanto no verán coma no inverno, faciamos entre 80 e 100 feiras ao ano”, lembra. Mesmo se sumaran á moda das food truck cun minirestaurante acoplado á furgoneta que baixo o nome de Toma Castaña ofrecía cociña de autor a base de castañas, como unha empanada de chourizo, panceta, acelgas, pataca e castaña ou hamburguesa de tenreira con crema de castañas, que facía as funcións do ketchup.

Acudían a entre 80 e 100 feiras cada ano onde promocionaban e vendían directamente os seus produtos

Acudían a entre 80 e 100 feiras cada ano onde promocionaban e vendían directamente os seus produtos

Este ano todas esas saídas a feiras e festivais quedou truncado polo coronavirus, pero seguiron mantendo o contacto coa xente na súa tenda-obradoiro, onde tamén reciben a familias, grupos e excursións. “Este ano veu moita xente no mes de agosto. Este ano excursións case non houbo, pero todos os días tivemos visitas, sobre todo moitas familias e mesmo estranxeiros que estaban de vacacións pola zona e que nos chamaban para visitar Caurelor. Tivemos moitos franceses, por exemplo. É algo que imos potenciar o das visitas ao obrador”, avanza Verónica.

Aproveitarán os meses de inverno para facer algunhas obras e reformas e poder sacarlle todo o partido a esta nova liña de traballo o vindeiro ano. “Ensinamos o souto onde recollemos as castañas e logo facemos unha degustación dos nosos produtos”, detalla. Moitos deses visitantes son despois clientes asiduos e confían que trala covid-19 o turismo rural e de natureza siga a incrementarse en zonas como a súa.

“Acumulamos cinco anos malos de castaña nesta zona”

Até non fai tantos anos a castaña era un alimento básico en moitas zonas de Galicia, tanto para a xente como para os animais, un froito nutritivo e abundante en lugares como O Courel. Pero esta realidade está a cambiar. “Acumulamos cinco anos malos de castaña nesta zona, un ano pola seca e outro por outras cousas, non está a haber a produción que había. Este ano, por exemplo, non tivemos nada de castaña. Nas zonas de chaira foi un bo ano e houbo moita, pero aquí na montaña non houbo nada, non sei se foi o tempo, por exemplo unha chuvia rara en mala época, ou a avispiña. Aquí tardou en chegar, pero agora xa afecta moito. Santa Eufemia é un sitio frío e pensabamos que non ía afectar tanto, pero este ano non puidemos nin xuntar 200 ou 300 quilos para poder elaborar”, explica Verónica, cando noutras tempadas teñen chegado a recoller entre 4.000 e 5.000 quilos de castañas.

Aquí a avispiña tardou en chegar, pero agora xa afecta moito. Este ano aquí na montaña non houbo nada de castaña. A ver se damos xuntado 200 ou 300 quilos para poder elaborar

Ademáis dos seus soutos, Verónica e Daniel coidan tamén de castiñeiros e froiteiras doutros veciños. “Déixannos as fincas con tal de que llelas teñamos limpas, en moitos casos son xente maior que non as poden atender eles”, explican. Pero a recolección de produtos silvestres, que era basicamente o que facían até agora, ten o problema da variabilidade das colleitas un ano con outro, por iso teñen pensado comezar a cultivar máis eles para garantir un subministro máis estable.

Plantación dunha hectárea de arandos

“Despois da castaña o arando é o noso segundo produto estrela. Temos unha pequena plantación cuns 20 pés que xa nos dan 30 ou 40 quilos eles sós e o resto que apañamos son silvestres. Nun ano bo podemos coller cerca de 1.000 quilos. Antes os arandos silvestres comíanos os gando, pero agora non hai gando e apañámolos nós. Pero queremos facer unha plantación de arandos propia para garantir materia prima e non depender tanto das colleitas naturais e de como veña o tempo. Déronme un viñedo en herdanza na zona do Lor baixo e mercamos outra finca ao lado e así logramos xuntar unha hectárea. Imos arrincar as cepas e vendelas, porque nós non lles sacamos rendemento e poñer arandos na primavera de 2021. É algo máis a longo prazo, porque os arandos tardan dous ou tres anos en empezar a producir”, explica Verónica.

Queremos diversificar nos arandos e ademais das conservas secalos e conxelalos para que sirvan para pastelería ou outras aplicacións

“A crema de castaña e a marmelada de arandos son os nosos sinais de identidade actualmente. Imos manter a castaña dos castiñeiros propios e darlle máis cancha aos arandos, porque vemos que é un produto que funciona, é unha froita moi sa que ten moita saída e que gusta a todo o mundo que a proba. A castaña sen embargo non ten esa mesma aceptación en toda a poboación, eu penso que é porque a xente maior aínda ten un mal recordo da castaña de cando se alimentaban a base delas porque case era o único que había para comer”, razoa. Pero grazas a iniciativas coma Caurelor, afortunadamente ese abano tense ampliado moito.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información