Catro proxectos recoñecidos no Concurso de Innovación Tecnolóxica de Galiforest 2026

O primeiro premio correspondeu a unha grúa forestal robótica. O certame tamén distinguiu proxectos de valorización da codia de eucalipto, automatización da maquinaria forestal e conectividade intelixente para mellorar a produtividade do sector

Publicidade
Catro proxectos recoñecidos no Concurso de Innovación Tecnolóxica de Galiforest 2026

Entrega do primeiro premio do certame.

Unha grúa forestal robótica, intelixente e conectada desenvolvida pola empresa Industrias Guerra foi a gañadora do Concurso de Innovación Tecnolóxica de Galiforest Abanca 2026, un dos principais recoñecementos á innovación do sector forestal galego. O premio foi entregado no marco da feira, que se celebra ata este sábado no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude, en Boqueixón.

O proxecto premiado forma parte da iniciativa DIGI4FOREST e aposta pola incorporación de tecnoloxías avanzadas para a dixitalización e automatización da maquinaria forestal. A proposta combina robotización, monitorización intelixente e conectividade co obxectivo de reducir a dependencia de operadores altamente especializados, mellorar a seguridade laboral e incrementar a eficiencia dos traballos forestais. A solución integra ferramentas propias da Industria 4.0, como sistemas ciberfísicos, Internet das Cousas (IoT) e análise avanzada de datos.

Tres mencións
Ademais do primeiro premio, o xurado concedeu tres mencións especiais a outras innovacións que destacan pola súa aplicación práctica e o seu potencial para mellorar a competitividade do sector.

Unha delas recaeu nun proxecto da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) centrado na valorización da codia de eucalipto como substrato de cultivo alternativo á turba. A investigación responde á crecente limitación normativa sobre o uso deste material e busca ofrecer unha solución sostible mediante o aproveitamento dun subproduto forestal. Os traballos incluíron o acondicionamento e caracterización de codia de Eucalyptus globulus e Eucalyptus nitens para a súa utilización como medio de cultivo.

Proxecto da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal)

Proxecto da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal)

Outra das iniciativas recoñecidas foi o sistema de control intelixente de cabezal procesador IHC, presentado por Guifor Noroeste. Esta tecnoloxía automatiza a presión exercida polas coitelas de desrame durante o procesado da madeira, mellorando a calidade do traballo, reducindo o consumo de combustible e aumentando a produtividade das máquinas.

Entrega da mención a Guifor Forestal.

Entrega da mención a Guifor Forestal.

A terceira mención foi para Forest Pioneer polo desenvolvemento de FPLink, unha plataforma de conectividade forestal que permite monitorizar e xestionar en tempo real maquinaria de distintas marcas. O sistema facilita o control operativo das máquinas, centraliza o mantemento, supervisa consumos e permite anticipar posibles avarías mediante a análise dos datos xerados polos equipos.

Entrega da mención a Forest Pioneer

Entrega da mención a Forest Pioneer

Ao concurso presentáronse un total de dezaoito innovacións tecnolóxicas, avaliadas por un xurado integrado por nove especialistas procedentes de centros de investigación, universidades, administracións e organizacións profesionais vinculadas ao sector forestal. A organización da Feira Internacional de Galicia sinala que este certame pretende impulsar a investigación, o desenvolvemento e a transferencia tecnolóxica nun sector estratéxico para Galicia, promovendo solucións que contribúan a mellorar a sustentabilidade, a seguridade e a competitividade da actividade forestal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información