Catro frontes da nova PAC que preocupan na gandería galega

A previsible eliminación dos dereitos históricos abre un debate sobre como compensar ás explotacións da Cornisa Cantábrica por ese cambio. Ecoesquemas, pagos acoplados e pagos redistributivos, outras cuestións sobre a mesa

Catro frontes da nova PAC que preocupan na gandería galega

O agro galego é partidario de que as superficies forraxeiras teñan encaixe no ecoesquema de pastos.

O novo ciclo da Política Agraria Común (PAC), que arrancará o 1 de xaneiro do 2023, chegará cunha serie de cambios que preocupan no agro galego. Un dos máis importantes é que o Ministerio de Agricultura xa manifestou que aposta pola eliminación de dereitos históricos da PAC para avanzar cara a unha converxencia nos pagos. Trátase dun proceso no que se calcula que a gandería de Galicia e do resto da Cornisa Cantábrica sairía perdendo en conxunto, polo que o debate sitúase en como buscar un equilibrio.

A percepción que hai en Galicia, tanto por parte da Xunta como por organizacións agrarias e cooperativas, é que o Ministerio está apostando en primeira instancia por unha PAC mediterránea, en prexuízo do modelo gandeiro da Cornisa Cantábrica.

Os temores céntranse nalgunhas das liñas de traballo para definir o Plan Estratéxico Nacional da PAC, en proceso de elaboración. Así, por exemplo, a converxencia de dereitos históricos a unha taxa plana por hectárea iría aparentemente en detrimento das ganderías da Cornisa Cantábrica, con menor base territorial que as grandes superficies cerealistas das Mesetas ou que perceptores do sur peninsular. ¿Podería compensarse esa situación cos pagos redistributivos que se prevén?. É unha cuestión por ver.

Un segundo elemento de atención é o borrador elaborado polo Ministerio para os ecoesquemas, que representarán un mínimo do 20% dos pagos directos da PAC, pois tamén se perciben en Galicia como orientados á agricultura mediterránea e á gandería das dehesas, estando pouco adaptados por tanto ás granxas da Cornisa Cantábrica. Un último punto candente radica nos pagos acoplados da gandería, que se manterán, pero descoñécese con que cantidades.

Repasamos a continuación todas estas cuestións desde unha óptica galega, a partir da perspectiva de organizacións agrarias, cooperativas e Xunta.

1) Dereitos históricos

O Ministerio de Agricultura quere avanzar cara un sistema sen dereitos históricos da PAC, pois entende que non se poden xustificar diferenzas de pago entre explotacións “semellantes”. A idea é converxer a pagos por hectárea e reducir as actuais 52 rexións agronómicas, nas que se divide o agro español a efectos da PAC.

“A eliminación de dereitos históricos ten riscos para nós se non se buscan vías de compensación que maticen a medida” (Roberto García, Unións Agrarias)

“É un plantexamento que ten certos riscos para o noso modelo produtivo se non se acompaña de variantes que maticen a medida” -valora o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García-. “Avanzar cara un pago por hectárea homoxéneo perxudicaría ás nosas ganderías, pois como é sabido teñen pouca base territorial. Nas negociacións que hai agora abertas entre Ministerio e comunidades autónomas, a Cornisa Cantábrica debería facer propostas conxuntas no sentido de ir cara unha converxencia gradual de dereitos, agrupando só rexións agronómicas semellantes. Compre dar tempo ademais a que as granxas da Cornisa busquen vías para aumentar as súas hectáreas, ata chegar á media nacional”, defende García.

A organización agraria é tamén partidaria de que o pago redistributivo, anunciado polo Ministerio para as primeiras hectáreas de cada explotación, se dote de fondos suficientes, así como dunha orientación que beneficie ó modelo de gandería familiar da Cornisa.

“Se nos fixamos nas granxas de vacún de carne, as que teñen máis futuro son as que se dotaron de maís dereitos, co que agora enfrontan unha perspectiva preocupante” (Higinio Mougán, Agaca)

A preocupación pola eliminación dos dereitos históricos é compartida no conxunto do agro galego. Desde a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), o seu director, Higinio Mougán, incide en que a supresión de dereitos en sectores como a gandería de vacún de carne perxudicará precisamente ás explotacións con máis futuro. “Hai granxas con relevo xeneracional e con futuro que se preocuparon de dotarse de dereitos e agora enfróntanse a unha perspectiva preocupante”, cuestiona Higinio.

O director de Agaca incide na escasez de superficie agraria en Galicia e avoga por buscar unha alternativa que permita preservar pagos suficientes para a Cornisa Cantábrica, “quizais unha rexión agronómica específica con compensacións superiores”, valora.

Unha das poucas organizacións que se pronunciara en Galicia a favor da eliminación dos dereitos históricos, o Sindicato Labrego, tamén cuestiona o cambio do sistema que semella que se aveciña. A organización agraria está en contra dos dereitos históricos pero oponse a pagos por hectárea. En lugar diso, propón pagos por persoa activa

2) Agricultor xenuíno e pago redistributivo

O novo ciclo da PAC virá acompañado de dous cambios que buscan unha reorientación dos apoios: a definición de agricultor xenuíno, que determinará quen pode cobrar a PAC e quen non, e o establecemento dun tope de axudas (capping) por beneficiario.

Son ámbalas dúas cuestións importantes no país, pois España viña mantendo un volume de perceptores da PAC moi superior a países veciños como Francia ou Alemania, un escenario que se asocia en parte ó feito de que agricultores xubilados poidan seguir cobrando as axudas. Por outra banda, grandes latifundios do centro e sur peninsular, os chamados ‘agricultores de sofá’, perciben as maiores axudas da Política Agraria Común en España, o que desvirtúa a esencia das axudas, orientadas a garantirlle unha renda básica a pequenos e medianos produtores.

Os fondos que se recuperen da limitación de pagos por explotación, que se espera nun máximo de 100.000 euros, e da reducción do número de beneficiarios da PAC irán previsiblemente orientados a un pago redistributivo. Ese pago redistributivo, segundo anunciou xa o Ministerio, permitirá pagar máis as primeiras hectáreas de cada explotación.

Desde Unións Agrarias demandan que ese pago redistributivo se dote dos máximos fondos posibles e que sirva para compensar á gandeiría da Cornisa Cantábrica polo que poida perder pola eliminación dos dereitos históricos.

Quen poderá cobrar as axudas da PAC?. As negociacións oriéntanse a esixir un mínimo dun 30% de ingresos agrarios para cobrar a PAC

Definición de agricultor xenuíno
A definición do agricultor xenuíno tamén é unha cuestión a debate. Desde a Xunta piden que para ser agricultor xenuíno haxa que ter un mínimo dun 30% de ingresos agrarios, liña na que tamén semella moverse o Ministerio. O Sindicato Labrego, sen embargo, considera que é un limiar moi baixo e un potencial coadoiro, polo que ten avogado porque se esixa alomenos un 50% de ingresos procedentes da agricultura e que as persoas adiquen un 50% da súa xornada laboral ó agro.

Entre ambas propostas sitúase Unións Agrarias, que estaría de acordo en que se poida cobrar a PAC a partir dun 30% de ingresos agrarios, sempre que haxa unha afiliación á seguridade social e se estableza o que eles chaman un “agricultor xenuíno plus”, cun mínimo dun 50% de ingresos do agro, que se poida beneficiar de maiores pagos redistributivos ou acoplados. Na proposta de Unións, permitiríase tamén que as persoas con menos de 5.000 euros de ingresos da PAC a continuasen cobrando, aínda que non entrasen na definición de agricultor xenuíno.

3) Ecoesquemas

Os ecoesquemas, uns compromisos ambientais que representarán polo menos un 20% dos pagos directos, son outro asunto fundamental para o próximo ciclo da PAC. O Ministerio está a traballar no seu deseño, no marco do Plan Estratéxico Nacional que prevé presentar a próxima primavera, pero os primeiros borradores non gustan en Galicia. “Teñen un plantexamento moi mediterráneo”- cuestiona Higinio Mougán-. “Un dos ecoesquemas fala de primar o pastoreo, pero pensa máis nas dehesas que no modelo gandeiro do Norte de España. Incluso habería ganderías ecolóxicas de leite que terían problemas para cobrar ese ecoesquema”, critica Mougán.

O agro galego demanda que o ecoesquema de pastoreo, o que máis pode interesar á gandería, se adapte ás características da Cornisa Cantábrica

Para a Asociación Galega de Cooperativas, o ecoesquema de pastos ten que ter en conta o modelo forraxeiro da Cornisa Cantábrica, no que parte das terras poden aproveitarse a dente e outra parte ten uso como superficie forraxeira para silos e herba seca. “Unha gandería galega que por exemplo teña 80 fincas, probablemente só poida levar as vacas a pacer a un 10 – 20% das fincas. Por cuestións de distancia e de minifundio, sería inviable que a maior parte desas parcelas fosen pastoreadas. Por tanto, hai que buscar un ecoesquema no que teña encaixe o noso modelo gandeiro”, defende Mougán.

É un criterio tamén compartido desde Unións Agrarias. “Hai que adaptar os ecoesquemas a modelos nos que o sector lácteo e a nosa gandería de carne se poidan sentir cómodos”, defende Roberto García.

4) Pagos acoplados

A próxima PAC manterá os pagos acoplados en vacún, ovino e cabrún, pero non se sabe de que contía serán eses pagos asociados á produción. Desde as organizacións agrarias reclámase a necesidade de aumentar as axudas acopladas, tendo en conta que os prezos das producións gandeiras (leite, carne, etc.) mantéñense estancados desde hai décadas, sen evolucionar á alza conforme ó IPC.

O problema radica en que o Ministerio ten previsto aumentar os sectores con pagos acoplados. Dáse por feito que a aceituna de mesa recibirá axudas asociadas e tamén está sobre a mesa a posibilidade de que entre o sector de froitas e hortalizas. “Se entran máis sectores nos pagos acoplados, será moi importante que se suba o presuposto para eses pagos, pois doutro xeito, estaríanse reducindo os fondos destinados á gandería”, subliña Higinio Mougán.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información