A Xunta de Galicia notificou a detección de catro novos focos de Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE). Trátase de focos localizados nas comarcas veterinarias de Ortegal e O Sar Barbanza, na provincia da Coruña; e de Meira e Terra Chá-Vilalba, na de Lugo.
Con esta declaración, neste novo período estacional 2024 de circulación do vector transmisor, Galicia ten notificados focos en 39 comarcas veterinarias: 14 na provincia de Ourense (Maceda, A Limia, Ourense, Terra de Celanova, Baixa Limia, Verín, A Gudiña, Terra de Trives, Terra de Caldelas, Viana, Allariz, O Carballiño, Valdeorras e O Ribeiro), 11 na de Lugo (Ancares, Sarria, Terra de Lemos Quiroga, Lugo, A Fonsagrada, Terra Chá-Guitiriz, Chantada, A Ulloa, Terra Chá Castro, Terra Chá-Vilalba e Meira), 7 na provincia de Pontevedra (Pontevedra-O Morrazo, Deza, Tabeirós-Terra de Montes, A Paradanta, O Condado, Baixo Miño e Caldas) e 7 na provincia da Coruña (Teixeiro, Terra de Melide, Santiago, As Pontes, Arzúa, Ortegal e O Sar Barbanza).
Así, o número de explotacións positivas confirmadas laboratorialmente sitúase en 1.674.
Axudas
De cara a final de ano, a Consellería do Medio Rural convocará unhas axudas directas, cuxa tramitación se iniciará cando finalice o período de actividade do vector transmisor, co fin de compensar os prexuízos económicos producidos pola enfermidade nas explotacións, tanto por mortes como por gastos veterinarios ou de desinsectantes.
Así, os fondos destas achegas (cofinanciados polo Ministerio de Agricultura) poderán chegar a todas as explotacións afectadas este ano pola enfermidade, a maiores das de 2023, cuestión importante e valorada tanto polo Goberno galego como polas organizacións profesionais agrarias.
Ademais, con estas liñas de apoio será posible duplicar as contías por animal falecido, con achegas de entre 400 e 1.600 euros, en función da idade das reses. Tamén se sufragarán os tratamentos veterinarios e desinsectantes, achegando 20 euros por bovino censado na granxa, aboando os cartos polo total do censo da explotación e non só polos animais afectados, cun máximo de axuda de ata 4.000 euros por granxa.