“Hai a imaxe de que as comunidades de montes estamos moitas veces discutindo polos lindes, pero nolas catro non só non discutimos senón que nos puxemos de acordo para ceder cada unha en torno a 20 hectáreas para un proxecto forestal de uso público”. Quen fala é Daniel Rosales, o presidente da xestora da Fundación Lago Castiñeiras – Cotorredondo, unha entidade creada por catro comunidades de montes de Marín e Vilaboa para impulsar o que sería o primeiro gran xardín botánico de Galicia. Na pasada fin de semana, a Fundación presentou o plan director do proxecto, que abarca 74 hectáreas.
O entorno do Lago Castiñeiras, ubicado no límite entre Vilaboa e Marín, é un tradicional espazo de ocio da comarca de Pontevedra e do Morrazo que nos últimos anos se fora deteriorando, unha situación que as comunidades de montes do entorno están tratando de revertir. Con esa idea, os responsables das comunidades de San Martiño, Santa Cristina de Cobres (Vilaboa) e de San Tomé de Piñeiro e de San Xulián (Marín) puxéronse de acordo para impulsar un proxecto forestal e de uso público para o entorno do Lago Castiñeiras.
O proxecto, refrendado polas respectivas asambleas de comuneiros, consiste na creación dun parque forestal de 74 hectáreas con dúas zonas principais, un xardín botánico de arredor de 15 hectáreas e un arboreto de 59 hectáreas no que se queren plantar especies dos 5 continentes que se poidan adaptar á zona.
Interese turístico e social
O xardín botánico oriéntase a cubrir toda a gama do estrato forestal, desde o herbáceo ó mato e ó arbóreo. A idea é que o xardín se ubique nun recinto delimitado, a fin de garantizar a súa preservación, e que os seus custos de funcionamento se financien cunha pequena entrada. “Poderíanse crear algúns postos de traballo, que é tamén un interese común das comunidades” -valora Daniel Rosales-. “Estariamos a falar do primeiro xardín botánico de Galicia, que é unha iniciativa cun gran potencial turístico. O xardín máis próximo que nos pode servir de referencia, o de Gijón, supera as 80.000 visitas anuais”.
En canto ó arboreto, concebido como un parque forestal de uso público, búscase habilitar no entorno do lago unha quincena de ecosistemas distintos, desde a fraga atlántica a un hábitat mediterráneo ou a un bosque de montaña europeo. “Trataríase do arboreto máis grande de España e incluiría hábitats dos cinco continentes”, explica Daniel. O plan director do proxecto definiu os enclaves máis axeitados para cada ecosistema e as actuacións que habería que levar a cabo na flora xa existente, como desmestas, de cara a facilitar o uso recreativo, ou a eliminación de especies invasoras, caso da acacia negra.
A Fundación Lago Castiñeiras – Cotorredondo naceu como unha fundación público privado e a maiores das catro comunidades de montes xa confirmaron a súa participación os concellos de Marín e de Vilaboa. A xestora está pendente de ser recibida por Deputación e Xunta para abordar a posible implicación no proxecto de ambas administracións.