“En Galicia contamos con gandeiros moi eficientes e competitivos en calquera contorna e a nivel europeo, e as perspectivas para este sector son moi positivas”, así de concluínte manifestouse José Luis Antuña Álvarez, conselleiro de Quescrem e ex-directivo de Feiraco, durante o seu parcitipación o pasado mércores na terceira edición do Foro Empresarial Lácteo de Galicia.
O encontro, organizado polo Centro de Promoción Rural Efa Fonteboa e celebrado en Coristanco, reuniu a produtores, estudantes, pero tamén a representantes da administración, industria láctea e distribución.
José Luis Antuña analizou os principais factores que inflúen na sustentabilidade do sector lácteo (prezos das materias primas, cotizacións dos produtos lácteos e do leite en orixe, marxes de beneficio dentro da cadea láctea e previsións de produción e demanda) que lle levan a concluír cunhas boas perspectivas de rendibilidade para os produtores de leite, especialmente en Galicia, onde o sector soubo aproveitar o fin das cotas lácteas en 2015 para crecer e incrementar a súa competitividade.
-Evolución do prezo da soia e do millo:
O conselleiro delegado de Quescrem explicou que os prezos da soia están neste momento na media histórica e os do millo seguen arrastrando un lixeiro encarecemento con respecto á media dos últimos anos.
En canto ás colleitas de cereais e oleaxinosas (xirasol, colza..) José Luis Antuña destacou que “o último informe de ING prevé unha moi boa colleita para esta campaña, co que os prezos deberían tender á baixa”.
“É dicir, se nos referimos aos imputs de custos, as evolución das colleitas son positivas e se non hai ningún outro contratempo xeopolítico, en forma de conflito ou de aranceis, en condicións normais, imos cara a unha situación de estabilidade de prezos neste 2025”, precisou.
–Evolución da produción e do prezo do leite:
José Luis Antuña explicou que os prezos do leite en orixe mantéñense en máximos históricos, aínda que cunha evolución dispar entre España e a Unión Europa. “O prezo pago ao gandeiro polo leite de vaca en España, mantívose durante 18 meses (desde outono de 2022 ata Mayo 2024) por encima do prezo medio de Europa (+3 a 5 cts.), algo excepcional. Desde agosto do ano pasado a evolución foi á inversa, con subidas na media da UE e baixadas en España, de forma que en decembro de 2024 o prezo en España está uns 6 céntimos por baixo da media da UE”, explicou.
Evolución do prezo medio do leite en España e na UE:
Por que o prezo do leite en España mantense por baixo da media europea?: “Basicamente porque en España destínase a leite líquido o 46% do total producido e a media da Unión Europea é do 13%. E á inversa, o 43% do leite na UE destínase á elaboración de queixos e un 20% para manteiga, produtos de maior valor engadido que permiten unha mellor remuneración aos gandeiros”, respondeu. “Ademais -advertiu- se destino o leite a queixo e a manteiga o prezo constrúese no mercado mundial, mentres que se o destino para envasar en leite líquido quen constrúe o prezo é a distribución”.
A que se destina o leite en España e na media da UE?
-Reparto de valor dentro da cadea láctea:
Neste sentido, Antuña fixo referencia a un estudo realizado por Francisco Sineiro e Xurxo Santiso sobre o reparto das marxes brutas nos prezos de venda ao público do leite en España entre os anos 2021 e 2023 no que se conclúe que, nun contexto no que o prezo medio de venda ao consumidor pasou de 0,75 a 1,06 euros o litro, os elos da cadea que máis se beneficiaron foron a distribución, que pasou dunha marxe de 8,,8 céntimos por litro a 28,8, e os produtores, cuxa marxe pasou de 10,5 a 23,7 céntimos por litro de leite. “Pola contra, a industria baixou a súa marxe neste período e non se beneficiou desta subida do prezo do leite, pero en 2024 corrixiu esta situación, polo que os seus resultados o pasado ano van ser brillantes”, explicou.
A pesar da baixada experimentada no prezo do leite para os produtores, Antuña destacou os bos datos de rendibilidade para as ganderías. Así, segundo o estudo do Ministerio de Agricultura sobre rendibilidade das explotacións de vacún de leite, un dato calculado a partir da diferenza entre o prezo do leite e os custos de alimentación -que de media supoñen un 60% dos custos de produción- esta marxe situouse o pasado ano nos 0,303 euros por litro de leite, por baixo dos 0,350 de 2023, pero moi por encima da media dos últimos anos, que roldaba os 0,10 euros de marxe por litro de leite.
“Se pechan explotacións será por outros motivos, pero non por falta de rendibilidade”
“Nunca houbo tanto marxe para os gandeiros como no últimos tres anos e se se mantén no tempo vai ser moi positivo para as ganderías. Se pechan explotacións será por outros motivos, pero non por falta de rendibilidade”, sentenciou.
-Unha demanda crecente para unha produción en caída:
En canto ás previsións de futuro para o sector, José Luis Antuña destacou que todas as análises coinciden en que a produción aumentará a un ritmo inferior ao incremento da demanda, polo que se debería traducir en cotizacións altas para os produtos lácteos.
No caso concreto de España incidiu na importancia de incrementar a produción nacional para cubrir a demanda interna (a produción nacional é duns 7 millóns de toneladas para un consumo duns 9 milllones).
“O incremento do consumo de lácteos en España en 2024 foi sobre todo de queixos, e cubriuse con importacións a baixo prezo”
Neste sentido, alertou de que o incremento do consumo aparente de lácteos en España que se rexistrou en 2024, especialmente de queixos, “cubriuse fundamentalmente con importacións a baixo prezo”.
Polo que respecta á Unión Europea, repasou os datos do último informe da Comisión Europea de perspectivas agrícolas ata 2035, no que se prevé que a cabana leite diminúa, así como a produción de leite, pero o sector apostará por derivados lácteos de maior valor engadido.
Más preciso é o informe do IFCN sobre perpectivas mundiais do sector lácteo para 2030, no que advirte dun “grave déficit na produción mundial de leite” para ese ano.
Previsións do IFCN para a produción e demanda de leite a nivel mundial:
En concreto, o informe avanza que “cunha demanda insatisfeita de 10,5 millóns de toneladas en 2030, este déficit entre produción e demanda aumentará ata os 56,2 millóns de toneladas en 2050. Na Unión Europea a produción de leite diminuirá un 0,6% anual ata 2050, entre outros factores pola nova PAC, mentres que Nova Zelandia tamén diminuirá o 1% a súa produción ata 20250 polas regulacións ambientais. Pola contra, Estados Unidos experimentará un crecemento anual da súa produción de leite do 2% ata 20230 e do 0,7% ata 2050, fortalecendo a súa posición como exportador mundial de lácgteos, pasando dun excedente de 5,4 milllones de toneladas en 2023 a 11,8 millóns de toneladas en 2030”.
“Pola súa banda, China seguirá sendo o principal importador mundial de lácteos en 2030, do mesmo xeito que en 2050. Aínda que está a incrementar a súa produción espérase terá un déficit de 16,6 millóns de toneladas de leite en 2030 e para 2050 aumentará ata os 32,6 millóns de toneladas”, conclúe o informe do IFCN.