Catas de Galicia 2025: Un reflexo dun sector vitivinícola competitivo e diferenciado

Publicidade
O titular do Executivo galego, Alfonso Rueda, acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, asiste ao acto de entrega dos premios da XXXVII Cata de viños de Galicia, XXVII Cata das augardentes e XIV Cata dos licores tradicionais 2025. Hotel Monumento San Francisco (Santiago de Compostela), 05/11/25.

Catas de Galicia 2025. Foto: Cedida.

Galicia é un referente no sector vitivinícola, con preto de 500 adegas, máis de 10.000 viticultores e 15 destiladores, que cada ano xeran un valor económico duns 230 millóns de euros. Neste sentido, a viticultura é unha das grandes mostras da Galicia Calidade que se quere impulsar dende o Goberno autonómico.

A comunidade conta con cinco denominacións de orixe (Valdeorras, Ribeiro, Rías Baixas, Monterrei e Ribeira Sacra), catro indicacións xeográficas protexidas (Terra de Betanzos, Ribeiras do Morrazo, Val do Miño Ourense e Barbanza e Iria) e as indicacións xeográficas de bebidas espirituosas (Licor Café de Galicia, Licor de Herbas de Galicia, Orujo de Galicia, Augardente e Augardente de Herbas de Galicia). A través destes distintivos de calidade e o impulso que se lles dá dende o Goberno autonómico, os produtos galegos lograron acadar unha maior dimensión ao ver a súa calidade e rastrexabilidade garantidas a través destes selos.

Así, con estes indicativos, os produtos agroalimentarios contan cunha posición moito máis competitiva no mercado, atractiva para o consumidor e coa certeza de que ditos produtos pasaron por rigorosos controis de calidade, como mostra do seu especial coidado no proceso de elaboración e comercialización. Todos eles engloban á perfección a Galicia Calidade que nos define.

Catas de Galicia 2025

O Hotel Monumento San Francisco, en Santiago de Compostela, acolleu este 2025 a última edición das Catas de Viños, Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, organizadas pola Consellería do Medio Rural. Un acto onde se pon de manifesto a excelencia dos viños e as bebidas espirituosas que se producen en Galicia, e que contribúen a consolidar o papel da comunidade como destino enogastronómico de referencia.

Neste certame a Xunta de Galicia premia a excelencia dos viños e augardentes galegos co obxectivo de promocionar esta excelente calidade, incidindo na particularidade e personalidade das producións con certificación de orixe galega, elaboradas cunha clara aposta pola calidade e caracterizadas pola súa vinculación ao territorio.

Nesta edición (correspondente á XXXVII Cata dos Viños, XXVII Cata das Augardentes e XIV Cata dos Licores Tradicionais) rexistráronse preto de 500 mostras pertencentes a 176 empresas acollidas ás DO e IX, 100 máis que o ano pasado.

20251105 Gala Catas de vinos 256

Este ano o Acio de Ouro ao Mellor Viño Branco de Galicia foi para Eduardo Peña, da adega Eduardo Rodríguez, na DO. Ribeiro

O proceso de avaliación das mostras é totalmente anónimo. As botellas de viño introdúcense nunha bolsa opaca e sinalízase cun número. Por outra banda, as mostras de augardentes e licores recóllense en botellas de vidro transparente proporcionadas pola Consellería do Medio Rural e numeradas. A correlación entre os dous números permanece en secreto, custodiada pola secretaria do xurado.

Para a valoración por parte dos catadores, facilitouse unha tablet cargada cun software especialmente deseñado para esta finalidade, no que se valoran as características das mostras nas diferentes fases visual, olfativa e gustativa, cunha apreciación global ao remate do proceso. No caso dos espumosos, avalíase ademais a efervescencia.

Listaxe dos premiados

Este ano o Acio de Ouro ao Mellor Viño Branco de Galicia foi para Eduardo Peña, da adega Eduardo Rodríguez e Luz Cánovas, pertencente á DO Ribeiro; mentres que o galardón ao Mellor Viño Tinto foi para Prómine, de Bodegas Petrón, da DO Ribeira Sacra. O evento premiou tamén con Acios de Ouro, Prata e Bronce, tanto nas modalidades tintas como brancas, aos mellores viños de cada unha das cinco denominacións de orixe galegas, así como no eido das IXP.

20251105 Gala Catas de vinos 263

O galardón ao Mellor Viño Tinto foi para Prómine, de Bodegas Petrón, da DO Ribeira Sacra

En relación coas augardentes, que en vez de acios reciben potes, os galardóns de ouro foron para Vedra do Ulla, de Augardentes de Galicia, na categoría da IX Augardente de Galicia; Meu Ceo, de Orujos e Licores Augavella como mellor Augardente de Herbas. No eido do Licor Café repite de novo Meu Ceo cun pote de Ouro. O recoñecemento ao mellor Licor de Herbas foi para Fonte do Frade, de Pazo de Valdomiño.

Por último, entregáronse tamén Acios de Ouro, Prata e Bronce para viños espumosos; de colleiteiro e de pequenas adegas; de colleitas anteriores; de elaboracións con madeira e un Acio de Ouro para viños de variedades senlleiras.

Premiados Catas de Galicia 25 1 Premiados Catas de Galicia 25 2

Apoio do Goberno autonómico

O sector vitivinícola é un dos piares da economía galega que o Goberno autonómico impulsa de xeito continuado. Neste sentido, a Consellería do Medio Rural destinou neste 2025 máis de 11 millóns de euros en axudas específicas para a reestruturación e reconversión de viñedo; a promoción dos viños galegos en mercados de terceiros países ou para a elaboración e comercialización destes produtos. Nesta mesma liña continuarase no vindeiro ano 2026.

A promoción e o fomento da calidade é outro dos obxectivos. Por iso, o ano que vén o Plan Saborea Calidade Diferenciada incrementa o seu orzamento ata os 10 millóns de euros, co fin de seguir realizando accións de promoción coas que dar a coñecer estes produtos, tanto no panorama nacional como internacional.

Fotos da gala:

20251105 Gala Catas de vinos 194 20251105 Gala Catas de vinos 191 20251105 Gala Catas de vinos 174 20251105 Gala Catas de vinos 164 20251105 Gala Catas de vinos 141 20251105 Gala Catas de vinos 115

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información