O domingo 11 de novembro realizarase a décima edición da Cata Amateur, organizada pola Ruta do Viño Rías Baixas e coincidindo coa celebración do Día Mundial do Enoturismo. A cita será no Castelo de Soutomaior, da man do catador Nacho Costoya, e a actividade xa conta coas entradas esgotadas.
A Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas dan o seu apoio a esta actividade, na que tamén colabora ANFACO-CECOPESCA, cuxas conservas protagonizarán a degustación final desta Cata Amateur.
Realización do concurso
A primeira parte do X Concurso de Cata Amateur consistirá nunha degustación de cinco viños de Rías Baixas. O catador Nacho Costoya daralles aos participantes as indicacións para unha correcta cata, enfocándose nas fases visual, olfativa e gustativa. Os participantes degustarán primeiro un viño Albariño Rías Baixas e despois catro marcas máis, que poden ser desde viños plurivarietales ata elaboracións especiais de crianza sobre lías.
A segunda parte do concurso será a cata a cegas, na que se degustarán 3 dos 5 viños de Rías Baixas previamente presentados. Os concursantes poñerán a proba os seus dotes, de maneira que deberán acertar as referencias seleccionadas para esta segunda volta.
Cada gañador recibirá un premio composto por unha cesta de produtos de ANFACO-CECOPESCA e un Eno-Pack para dúas persoas, que inclúe aloxamento a media pensión e visita a unha adega para dúas persoas na Ruta do Viño Rías Baixas.
A Cata Amateur finalizará cunha degustación de viños Rías Baixas e conservas de ANFACO-CECOPESCA, ademais dunha sesión de música en directo. Esta celebración pon en valor a cultura do viño e as súas experiencias a través do turismo e a gastronomía en Rías Baixas.