
Andrés Torre, Paolo Quaini e Dore Coulibaly na sala de muxidura de Castelverde Holstein
Situada entre as numerosas canles de regadío que se serven do río Po, a explotación da familia Quaini é o paradigma das aziendas tradicionais desta rexión, a zona máis produtora de leite de Italia. Grandes edificacións de ladrillo de principios do século XX reconvertidas en aloxamentos para o persoal ou almacéns, conviven con modernas tecnoloxías como as placas solares ou a planta de biogás e a sala de muxidura de 40 puntos automatizada. Condicións que a converten nun lugar idóneo para a aprendizaxe dos mozos que desexen ser gandeiros e que, por eso, foi elexida pola Escola de Formación Agraria EFA Fonteboa como destino de prácticas trimestrais dun dos seus alumnos, Andrés Torre, dentro do programa europeo Erasmus +. O falecido Giuseppe “Pepo” Quaini, pai dos actuais titulares, foi un dos principais referentes para a gandería de leite en toda a rexión de Lombardía
Acompañando o director institucional de EFA-Galicia, Luís García, falamos con Paolo Quaini, que cos seus irmáns Luca e Marco encarna a terceira xeneración á fronte da explotación, e con Matteo Bosio, responsable da xestión económica. Nesta granxa moxen diariamente 450 vacas que producen unha media de 38 litros, é decir, por riba de 5 millóns de litros anuais. O rabaño está composto íntegramente por vacas holstein de alta xenética e só utilizan cruzamentos puntuais con raza angus para a produción de xatos para carne. “Ata marzo muxiamos dúas veces ao día pero dende abril optamos pola triple muxidura. Porque así podemos incrementar a produción media de cada vaca e tamén gañamos en saúde e benestar animal. E é unha forma de optimizar a sala, xa que cos 40 puntos simultáneos dos que dispón, cada muxidura leva pouco máis de hora e media.”, explica Paolo Quaini. “O leite que nós producimos véndeselle integramente a empresa Padania Alimenti SRL, que comercializa a marca Épiú. Nós somos unha excepción dentro desta zona porque o noso leite destínase íntegramente a consumo líquido, é decir, a brick. Cando o habitual é que o leite de Cremona vaia para queixos.”, sinala Matteo Bosio. Un leite que, conste, acada ata un 4,30 de graxa e un 3,5 de proteína cunha media de partos de 2,7.
“A decisión de pasar a tres muxiduras obedece a criterios de mellora de produtividade e de saúde animal, aínda que teremos que ampliar a plantilla.”, Paolo Quaini, Castelverde Holstein

A sala de muxidura conta con corenta puntos e cada quenda dura hora e media
Dende as orixes da granxa, a familia apostou pola alta xenética na raza Holstein e participan nos diferentes programas de mellora, empregando preferentemente doses de seme, embrións e animais vivos que proceden de Canadá e dos Estados Unidos, unha opción que é a maioritaria na provincia de Cremona. Unha derivada dese traballo en xenética témolo nos numerosos premios que foron acumulando nos múltiples concursos rexionais, nacionais e europeos nos que participan. Un dos seus animais, Goldsun Laura Ex-96 foi a mellor de Europa na categoría de vacas adultas en 2020 e durante a súa vida produciu para a familia máis de 150.000 litros en sete lactacións. Nas oficinas de Castelverde Holstein están depositados máis de cen trofeos e diplomas que gañaron ao longo do tempo coas súas vacas e cos seus cabalos.
Tal é a importancia que esta familia gandeira da os concursos e mostras que dispoñen de 14 espazos habilitados para a residencia dos exemplares seleccionados que representan a gandería nos diferentes certames. Ademais deses espazos, as instalacións desta granxa de Cremona comprenden unha nave de grandes dimensións para aloxar as vacas produtoras cunha zona para as secas e outra a modo de enfermería. Malia que a ventilación semella garantida pola elevada altura da nave e por ter os laterais abertos e con lonas plegables, cada vinte metros hai colocado un ventilador. Eses ventiladores funcionan case todo o ano: nas épocas de calor e seca para aliviar as vacas e nas épocas máis frías para disipar a intensa humidade que pode provocar no rabaño dende mastite ata perdas de fertilidade ou neumonías. E é que no inverno e a primavera, a humidade na provincia de Cremona chega ata o 70% de forma frecuente. Contrariamente ao que se poida pensar por tratarse dunha zona próxima aos Alpes, aquí non hai temperaturas excesivamente frías. Rara vez baixa o termómetro dos 0º C. Aínda así -e esta é unha das peculiaridades da explotación- nos meses máis fríos danlle auga quente entre 15ºC e 18ºC para beber as vacas. O obxectivo desa “infusión” é facilitar o rume e fortalecer o sistema inmunitario dos animais. Segundo nos din, é unha práctica habitual no norte de Italia.

Luis García, director institucional de EFA-Galicia, con Paolo Quaini e Andrés Torre
A nave principal complétase coa sala de muxidura e coa do tanque de frío. A parte traseira da explotación acolle as xovencas destinadas a recría, algo máis de 400 animais. Son tres naves contiguas de teito moi baixo no cal hai instaladas placas solares que fornecen case toda a enerxía que consume a actividade pecuaria. O 90% das xatas van destinadas á recría para manter os avances en xenética conqueridos durante as últimas décadas. O outro 10%, arredor de 50 animais, son vendidos cada ano principalmente para o mercado interno. “Agora mesmo, pola falta de xovencas no mercado mundial, estanse pagando, como mínimo a 2.700 euros cada exemplar dispoñible. E nós poderiamos obter máis pola alta calidade xenética do noso gando. Sen embargo, preferimos non alterar o noso sistema de recría xa que da bos resultados e os altos prezos das xovencas non van ser eternos. Desas 50 que comercializamos, algunhas van para países da África mediterránea que desexan ampliar a súa cabana.”, explica Paolo Quaini.

A nave principal acolle as 450 vacas que están en produción
“Poderiamos aproveitar a situación actual para aumentar as vendas de xovencas pero non queremos alterar o noso programa de recría”, Paolo Quaini
A terceira pata da parte produtiva da explotación constitúea a planta de biogás. Unha instalación que produce 100 kilowatios por hora de electricidade mediante a manipulación de todo o esterco que producen vacas, xovencas e cabalos. Esa electricidade véndese para a rede xeral e supón un importante ingreso para esta e case todas as outras granxas da provincia. “Italia é o segundo país da UE en número de plantas de biogás vencelladas ás explotacións leiteiras. Hai máis de 2.200. O goberno favoreceu este tipo de instalacións ante o déficit estrutural de enerxía en toda Italia. Por outro lado, as plantas supoñen un método eficaz de redución do impacto por nitratos que teñen as granxas. Nós recuperamos as partes sólidas que quedan logo da produción de electricidade para fertilizar as nosas leiras e, unha pequena cantidade, para a cama das xovencas de recría.”, explica Matteo Bosio. Cómpre decir que todas as naves están equipadas con placas fotovoltaicas polo que a meirande parte da enerxía que se consome procede delas e non da planta de biogás, que ten unha función comercial.
Como ingreso complementario, os irmáns Quaini teñen un negocio de doma e cría de cabalos. En Cremona hai moita afición por esa actividade e en Castelverde teñen tanto cabalos propios como pertencentes a persoas que lle-los deixan en guarda por no poder atendelos como requiren polas súas delicadas caracteristicas.
O resto das instalacións confórmano naves de ladrillo de comezos do século XX. Nelas hai aloxamentos para os traballadores, como o caso do alumno de EFA-Fonteboa, e serven de almacén para forraxes e outros insumos ou de garaxe para maquinaria. Antigamente era obrigatorio dar aloxamento os traballadores das aziendas. Hoxe xa non pero a maioría ségueo facendo por aproveitar os cuartos existentes. A plantilla de Castelverde Holstein está formada por 12 traballadores fixos e 2 eventuais para as campañas e as épocas de picos de traballo. Sen embargo, coa introdución da triple muxidura, é preciso incrementala ata 16 empregados. A granxa non é allea aos problemas de falta de man de obra que afecta o sector pecuario en toda Europa pero, polo de agora, van conseguindo traballadores procedentes da África subsahariana e Asia. Outra singulariedade das granxas de Cremona, tamén desta, é que as máis grandes contan cun mecánico na plantilla. O motivo é que o parque de maquinaria é moi numeroso, as instalacións moi grandes e a tecnoloxía moi abondosa. Por eso convén contar cun empregado especializado que poida subsanar as avarías que xorden no día a día. Teléscopicas, tractores, rotativas, colleitadoras, autocargadores, carros mesturadores, arrimadoras motorizadas, empacadoras…non hai máquina que falte nesta granxa.

As naves destinadas a recría teñen placas fotovoltaicas no tellado
A alimentación das vacas componse dun 50% de forraxes de produción propia e un 50% de concentrados que se mercan. Malia esa alta porcentaxe de concentrados, o diferencial do custo da alimentación co do prezo que reciben polo leite é de 27 euros por cada cen quilos, polo que dispoñen de marxe para afrontar as compras. Aparte de que o gasto en electricidade é mínimo. Os irmáns Quaini traballan unha superficie de 160 hectáreas nas que cultivan millo, trigo, alfalfa e herba. Principalmente millo porque é o que máis efectivo lles resulta para a produción de leite. Igual que en toda a provincia de Cremona, as nutrias que habitan nas canles do río Po están a supoñer un serio problema para as colleitas de cereal. Unha praga que ten chegado a arruinar o 30% da colleita de cereal de Cremona. Os propietarios de Castelverde non desbotan ampliar o número de hectáreas que traballan para producir forraxe pero lembran que o acceso á terra nesta zona é complicado pola alta competencia. Ademais, os terreos son moi caros e nunca baixan de prezo. E é que na bacia do Po conviven grandes industrias do motor e a metalurxia con enormes terreos de cultivo, unha extensa rede de canles de rego e un trazado de estradas moi amplo.
Castelverde Holstein foma parte de FRISITALIA, unha asociación de produtores de leite de vacas frisoas que obtivo en 2021 a autorización para o desenvolvemento de programas de mellora xenética. As diferentes actividades que desenvolve a granxa, as tecnoloxías que emprega, as instalacións e o ambiente profesional constitúen un entorno do máis favorable para que o alumno de EFA-Fonteboa Andrés Torre complete a formación práctica obxectivo da súa estadía.