Castela e León deseña un seguro contra crises no prezo do leite

Unións Agrarias pide unha coordinación estatal do Ministerio sobre estas medidas

Castela e León deseña un seguro contra crises no prezo do leite

O fin das cotas abre un escenario de incertidume nos prezos do leite.

Ante o escenario de volatilidade que se abre nos prezos do leite co fin da cota o 1 de abril, a comunidade de Castela e León anunciou que traballa na posta en marcha dun seguro que compense ás explotacións en caso de graves crises de prezo. A póliza estará subvencionada ata nun 65% pola comunidade, que destinará á medida 14 millóns de euros do Plan de Desenvolvemento Rural 2014-2020. En Galicia, Unións Agrarias valorou positivamente o seguro en nota de prensa emitida onte e pediu do Ministerio unha coordinación a nivel estatal sobre este tipo de medidas.

O goberno de Castela e León ten previsto en breve sacar a licitación a póliza entre as casas aseguradoras, na busca do mellor prezo final para as gandeirías da comunidade. A idea inicial é que o seguro compense ós gandeiros de vacún de leite no caso de que os seus ingresos diminúan máis dun 30% dos ingresos anuais medios do trienio anterior. Os pagos ás explotacións compensarán cando menos un 70% das perdas de ingresos. Os beneficiarios finais son gandeiros/as de leite que sexan agricultores a título principal e pertenzan a unha organización de produtores con sede en Castela e León.

Pago verde da PAC
Doutro lado, Unións Agrarias cuestiona os criterios que segue Medio Rural para a aplicación en Galicia do chamado pago verde das axudas da Política Agraria Común (PAC).

A normativa estatal establece un requisito de diversificación de cultivos para as explotacións de maís de 10 hectáreas, o que obriga á presencia de dous ou tres cultivos entre toda a superficie da explotación. No caso de parcelas con varios cultivos anuais só se poderá computar un dos cultivos. Unións Agrarias interpreta que neses casos, no resto do Estado o agricultor pode escoller entre o cultivo de primavera ou o de inverno á hora de rexistralo para as axudas, en tanto en Galicia hai que poñer obrigatoriamente o cultivo do ciclo de primavera, co cal a rotación herba-millo, habitual en moitas parcelas, non ten validez á hora de solicitar as axudas da PAC.

Unións Agrarias teme que os criterios seguidos por Medio Rural obriguen a unha reducción da superficie de millo e a unha maior compra de forraxes fóra da explotación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información