A Consellería do Medio Rural vén de completar o trámite da solicitude formal para a inscrición da variedade vitivinícola Folla Redonda como variedade comercial. Xunto a isto, entregouse tamén o material vexetal necesario para que o Ministerio de Agricultura poida comezar os ensaios oficiais que concluirán no seu rexistro.
Así o anunciou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, durante unha visita á Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía de Ribadumia. Estivo acompañada polo director xeral da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera.
A Estación Experimental completou xa a caracterización xenética da variedade e realizou a correspondente avaliación sanitaria do material vexetal. Estes traballos permitiron presentar a solicitude formal para o rexistro.
Con todo, advertiuse que o proceso é longo e as avaliacións oficiais requiren polo menos tres ciclos vexetativos, polo que haberá que esperar un mínimo de tres ou catro anos para obter o informe final.
María José Gómez destacou que este é un procedemento “complexo, no que participamos a Xunta e o Ministerio e despois participará a Unión Europea, e agardamos que dea os seus froitos”. Asegurou tamén que é “de xustiza” que a Folla Redonda sexa recoñecida, e comprometeuse a seguir traballando para que ese recoñecemento chegue canto antes.
A conselleira puxo en valor o apoio da Xunta ao sector vitivinícola, tanto na investigación como na transferencia de coñecemento. Reiterou ademais o compromiso do Goberno galego con este sector estratéxico para o rural.
Neste contexto, mencionou as axudas públicas como os 4 millóns para a reestruturación de viñedos, os 1,7 millóns para promoción no exterior, e os 4,5 millóns para elaboración e comercialización.