O consello regulador Castaña de Galicia pechou a pasada campaña cun total de 130 toneladas certificadas e comercializadas, a maioría no mercado nacional, a pesar de que a produción total en Galicia se situou entre os 12 e os 15 millóns de quilos de froito, segundo explicou onte en Lugo o presidente do órgano reitor, Jesús Quintá.
O propio Quintá recoñeceu que a pasada campaña “foi complicada”, porque fixo “demasiada calor entre os meses de novembro e outubro”, o que influíu de forma negativa no crecemento do froito e, consecuentemente, supuxo unha importante mingua de calidade.
En calquera caso, confirmou que, “aínda que custou un pouco” chegar a esa cantidade de castaña certificada, a que se puxo no mercado era dunha excelente calidade e “tivo un éxito comercial importante”.
En canto ao prezo, precisou que dende que se creou a denominación de orixe, no ano 2011, subiu de forma constante ano tras ano, nunha porcentaxe que roza, campaña tras campaña, o 20%.
De feito, precisou que nalgunhas bisbarras de Galicia e en zonas concretas, como a de Verín, o quilo de castaña de máis calidade chegou a pagarse a 2 euros.