Casos de éxito na xestión conxunta do monte: a Sofor Santa Juliana

Os veciños da parroquia de Cereixedo, na Fonsagrada, transformaron o seu monte de varas nunha Sociedade de Fomento Forestal (Sofor). O cambio propiciou, entre outros beneficios, a plantación de amplas superficies que estaban abandonadas e a mellora de camiños para acceder ós terreos

No ano 2017, as 180 hectáreas do monte de varas de Cereixedo, na Fonsagrada, pasaron a constituír a primeira Sociedade de Fomento Forestal (Sofor) da provincia de Lugo e a número 7 de Galicia. A Sofor, unha figura pensada para agrupar a xestión de parcelas particulares de monte, foi vista polos veciños como unha posibilidade para conseguir melloras para o seu monte de varas.

Os montes de varas, característicos da montaña oriental de Lugo, son aqueles que a Lei de Montes de Galicia define como “conservados pro indiviso, e cuxas persoas copropietarias teñen o costume de reunirse para repartirse entre si porcións determinadas de monte ou senras para o seu aproveitamento privativo”. É dicir, trátase dunha propiedade comunal pero que se divide entre os veciños para o seu aproveitamento particular. Coa creación da Sofor, os 18 veciños renunciaron á xestión privada das parcelas que lles correspondían e pasaron a unha xestión en conxunto do monte.

Este cambio supuxo beneficios claros, pois recibiron apoios para a posta en produción de superficies abandonadas e para a mellora de camiños e infraestruturas. Cando se creou a Sofor, arredor dun 50% do terreo estaba desarborado, raso, pero a día de hoxe esa porcentaxe reduciuse ó 9%. A mellora de acceso ós terreos e a creación de dous depósitos de auga, como medida de prevención dos lumes, foi outro dos avances colleitados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información