Caseiro SAT, unha gandería familiar que leva control do gando e das fincas

Ademais de modernizar as instalacións e aumentar ao número de cabezas, esta explotación ubicada no concello da Pastoriza trata de adiantarse ás normativas que se aveciñan en materia de medio ambiente cun caderno dixital no que recolle datos de abonado e fitosanitarios

José Luis, Sonia e María José, coas súas vacas en San Cosme de Piñeiro

José Luis, Sonia e María José, coas vacas da explotación familiar

A historia de Caseiro SAT, na parroquia de San Cosme de Piñeiro, no Concello da Pastoriza, exemplifica a evolución de moitas ganderías familiares de leite galegas, desde unha pequena granxa nos baixos da casa a unha explotación moderna e dimensionada, que produce leite de calidade e xera emprego pero que se enfronta, a día de hoxe, a unha coxuntura de marxes de produción negativas que están a poñer en risco a viabilidade do conxunto do sector.

Falamos dos pasos dados nesta gandería e da súa evolución nos últimos 30 anos con Sonia e María José Valiña, que colleron o relevo da explotación familiar dos seus pais, José Ángel e Mari Carmen, e con José Luis Pérez Barreiro, o home de Sonia, que se incorporou no ano 2008 e que desde o pasado mes de agosto é o presidente da Asociación Agromuralla.

Tralo fin das cotas decidiron redimensionarse para adaptarse ao novo contexto competitivo

Os tres están hoxe á fronte desta explotación, que atenden coa axuda dun empregado e que produce ao ano preto de millón e medio de litros de leite. Para chegar a esas cifras, coma moitas outras ganderías galegas, Caseiro SAT tivo que investir no seu momento moitos cartos en mercar cota para poder medrar.

Pero unha vez os topes de produción desapareceron no ano 2015, decidiron non estancarse e acometer unha ampliación das súas instalación para redimensionarse e adaptarse ao novo contexto competitivo, ao igual que fixeron tamén moitas outras explotacións galegas, contribuíndo deste xeito a afianzar o liderado indiscutible da comunidade na produción leiteira española.

Relevo xeracional en feminino

Pero a creación da gandería na casa de Sonia e Maria José vén de moito antes. “Tiñamos unha explotación debaixo da casa, que a levaba o meu pai. E cando eu cumprín os 18 anos quíxenme quedar coas vacas. Foi entón cando me incorporei, no ano 1998, e decidimos saír de debaixo da casa e facer un establo novo para 60 vacas con sala de muxido, parideira e fosa de purín. No 1999 estreamos aquel primeiro cacho, que seguimos usando hoxe, porque foi feito xa con criterios actuais”, indica.

A incorporación de Sonia a finais da década dos 90 coincidiu co ‘boom’ da produción de leite na zona

A primeira ampliación daquel establo inicial non chegou até o ano 2008, cando se incorporou José Luis e se fixo unha reforma para outras 60 prazas. Desde entón o medre no número de cabezas foi continuo, pero os cambios aceleráronse nos últimos anos, coa chegada dun novo escenario sen cotas lácteas. “No 2014 fíxose un almacén, no 2017 outras 40 prazas para xovencas e no 2021 60 cubículos máis para vacas en produción”, enumeran.

Medrar en base a recría propia

CASEIRO SAT (A Pastoriza) recriaA día de hoxe moxen unhas 105 vacas e o total de cabezas é de 190 animais. Recrían na propia explotación e desde hai 3 anos comezaron a poñer seme sexado para incrementar o nacemento de femias co obxectivo de aumentar os animais en produción coa previsión de completar a ampliación acometida nas instalacións en base á propia recría, sen necesidade de investir na compra de xovencas.

Poñemos coidado na atención do gando e non temos moitos problemas, polo que a nosa taxa de reposición non é moi alta

Contan con amamantadora nodriza dotada con dous terminais, o que lles permite facer dous lotes por idade. Deste xeito, e grazas á amplitude do espazo destinado á recría, as becerras están cómodas e separadas, o que reduce a incidencia de enfermidades pulmonares e dixestivas. Ademais, os becerros machos permanecen en boxes individuais até a súa venda, sen mesturarse coas xatas, o que reduce tamén os riscos de infección. 

Camas de carbonato con serrín

Vacas en produción na última das ampliacións, acometida o pasado ano

Vacas en produción na última das ampliacións, acometida o pasado ano

Na zona da amamantadora estran con palla, ao igual que na parideira, mentres que nas camas das vacas en produción, que repasan dúas veces ao día, empregan como material de recheo carbonato cálcico con serrín, que é unha mestura “que non é barata pero é cómoda”, di José Luis, “porque vén o camión e xa cha deposita directamente nos cubículos mediante o sistema de tubo, polo que che aforra traballo á hora de encamar”, explica.

Recoñece que a area “para as vacas e para non ter problemas de mamite é un material fantástico porque é inerte”, pero considera que “moitas veces non se fai o cálculo do que custa despois desfacerse dela e do desgaste que hai nas unidades finais de muxido”, argumenta.

Suba dos pensos, os fertilizantes, a luz e o gasóleo

Malia buscar a maior autosuficiencia posible na alimentación do gando, a suba dos custos de produción, que está a impactar de cheo nos produtores de leite debido ao notable encarecemento dos insumos básicos, está a afectar tamén á marxe coa que traballa Caseiro SAT. “A nós o penso subiunos 30 euros en tonelada en xaneiro, a palla unha peseta en quilo, e así todo”, exemplifica.

A nós o penso subiunos 30 euros en tonelada en xaneiro

A ración das vacas en produción desta gandería está hoxe en 35 quilos de silo de millo, 15 de silo de herba e 11,8 de concentrado, que lles sirve Cereais Rego; mentres que a mestura unifeed que preparan para as vacas secas leva silo de herba, palla e penso e a das xovencas, herba seca que eles mesmos recollen, silo de herba, silo de millo e penso.  

Toda a vida con Pascual

Sala de muxido da gandería

Sala de muxido da gandería, con 10 puntos, construída hai 23 anos pero en perfecto estado

Caseiro SAT é unha das ganderías que entrega o leite a Pascual en Galicia. “Levamos toda a vida con Pascual, desde que recollía en Lourenzá”, explica Sonia. Hoxe, trala venda da planta de Outeiro de Rei, a recollida centralízase en Rábade antes de saír cara a Aranda de Duero (Burgos).

Moxen dúas veces ao día cunha sala de 10 puntos e non se plantexan polo momento facer tres muxidos. “Ao mellor co tempo hai que acabar facéndoo, pero é algo complexo, sobre todo para organizar os horarios, e require ter máis persoal”, considera.

A media de produción a día de hoxe é de 37 litros, cun 4% de graxa e 3,25% de proteína

A sala orixinal, unha 2×4, foi feita no ano 1999 e ampliada con dous puntos máis no 2008. Contaba xa coa tecnoloxía necesaria para ofrecer datos de produción pero agora están a instalarlle a centraliña e o software necesario para engadirlle a detección de celos a través de colares individuais nas vacas. 

A media de produción a día de hoxe é de 37 litros, cun 4% de graxa e 3,25% de proteína. Teñen a dobre A en calidade hixiénico-sanitaria e a explotación conta tamén con certificación polas súas boas prácticas. “Pascual sempre foi unha empresa que intentou guiarte para mellorar, en todos os aspectos, en calidade do leite, en benestar animal, en medio ambiente”, afirma Sonia. 

A gandería conta con certificación en materia de benestar animal e medio ambiente

O prezo que cobran polo leite a día de hoxe é 33 céntimos máis calidades, insuficiente para facer fronte aos gastos que supón producir ese leite, polo que agardan que de cara á renovación dos contratos o mes que vén o prezo se vexa incrementado de xeito importante. “Levamos 35 anos con Pascual; amiguiños si, pero a vaquiña polo que vale”, din.   

Dispoñen de 52 hectáreas

Caseiro SAT é autosuficiente en forraxe, tanto de herba como de millo

Caseiro SAT é autosuficiente en produción forraxeira, tanto de herba como de millo

A profesionalización do sector leiteiro galego está a provocar tamén unha especialización produtiva e unha intensificación en determinadas zonas, como acontece nos concellos das comarcas da Terra Chá ou O Xallas, onde a superficie agraria escasea. Esta falta de terras estase a evidenciar con máis crudeza despois do 2015, cando unha boa parte das explotacións asentadas en municipios como A Pastoriza ou Mazaricos decidiron aumentar o seu número de cabezas, aínda que Caseiro SAT logra ser autosuficiente en produción forraxeira. “Nós só mercamos a palla, que usamos na ración das secas e para estrar tanto as becerras como na parideira”, explican.

A Pastoriza está entre os concellos con máis produción de leite de Galicia e nos últimos anos a maioría de explotacións decidiron aumentar o número de cabezas

Dispoñen de 52 hectáreas, todas nun radio de 3 kilómetros. Botan a millo unhas 28 hectáreas, nas que fan rotación con raigrás en 10 e con veza noutras 3 para cumprir co pago verde. “De momento a veza non a ensilamos, usámola como abono verde”, aclara José Luis, que é consciente de que de cara á nova PAC para o periodo 2023-2027 as explotacións van ter que reducir a superficie de cultivo que queda baleira no inverno.

Cisterna con inxectores para o purín desde o 2010

CASEIRO SAT (A Pastoriza) cisterna purin2Agás tarefas concretas como arar, estercar, sementar ou recoller o millo, para o que contratan a empresas da zona, como Nogueira e Xeixo SC ou Servizos Agrícolas Caseiro SL,o resto dos traballos agrarios realízanos eles mesmos. Dispoñen tamén de maquinaria propia para o día a día, como telescópica ou carro mesturador para elaborar as distintas racións de alimentación, así como para facer aqueles traballos que máis tempo levan, como botar o purín, para o que contan cunha cisterna con inxectores.

“Témola desde hai máis de 10 anos. Mercámola despois de incorporarme eu, no ano 2010”, lembra José Luis. Grazas a aquela decisión, que naquel momento se podía ver innecesaria, hoxe están preparados para cumprir coas novas normativas medioambientais que se aveciñan e que limitarán a aplicación de xurros mediante os sistemas de prato ou abanico.

Caseiro SAT conta cun programa informático que lle permite levar control dos fitosanitarios e os fertilizantes que bota nas distintas parcelas

José Luis explica que cando eles mercaron a cisterna de inxectores lograron unha subvención do 75% do que lles custara a través dunhas axudas que había para ese fin, e reclama que esas mesmas liñas de financiamento se poñan en marcha de novo agora por parte das Administracións para axudar aos gandeiros a adaptar os seus equipos ás novas esixencias legais.  

Con miras a cumprir tamén cos novos requisitos que o Ministerio quere impoñer ao abonado das fincas e á aplicación do purín, Caseiro SAT leva un ano empregando o programa Geofolia de Isagri, que lle permite levar un caderno de campo dixital que inclúe control de cultivos, análise de solos, fitosanitarios e fertilización, tanto emendas orgánicas de purín e esterco como químicas, que botan en cada parcela. 

Máis PAC grazas a investir en cota

Botan 28 hectáreas a millo e nunha parte delas fan rotación con veza para cumprir co pago verde

Botan 28 hectáreas a millo e nunha parte delas fan rotación con veza para cumprir co pago verde

Ao incorporarse José Luis no 2008 solicitaron tamén máis cota e concedéranlles naquel último reparto 300.000 kilos a maiores da que levaban xa mercado, posto que no seu momento investiron moitos cartos en mercar cota, co convencemento de que canta máis capacidade de producir tiveran mellor poderían defender no mercado o seu leite.

Se o analizas ben, ter investido no seu momento en mercar cota non foi tan mala decisión, grazas a iso hoxe tes máis PAC

“Aínda que a día de hoxe, unha vez que desapareceron as cotas, semella que aquel puido ser un mal investimento, en realidade non o foi, porque o que tiña cota podía negociar doutra maneira coas empresas e vender todo o leite aqueles anos a mellor prezo e a día de hoxe ten tamén máis PAC, porque a PAC no seu día foi asignada en función dos litros de cota que tiñas, e é algo que polo menos tes garantido até o ano 2027”, razoa José Luis.

A nova PAC vai ser un engorro para as explotacións e debería haber unha campaña de información de cara ao primeiro ano de aplicación sobre os ecoesquemas e os novos criterios da condicionalidade

Pensa que as axudas do novo periodo, en base aos ecoesquemas, van supoñer “un maior engorro á hora da tramitación para as explotacións” polo que considera que “debería haber unha campaña de explicación moi clara,  por parte da Administración, dos novos criterios para que ningunha gandería quede fóra destes pagos por falta de información ou por falta de tempo para adaptarse”.

“A folga de entregas ten sentido se é unánime”

CASEIRO SAT (A Pastoriza) Jose Luis Perez Barreiro Agromuralla7Aínda que viviu en Lugo até os 28 anos, José Luis Pérez Barreiro ten vínculos familiares nos concellos de Pol e A Pastoriza, dous municipios eminentemente gandeiros, así que desde pequeno estivo en contacto co sector. “Nas vacacións e nas fins de semana axudaba a miña tía, a min o que me gustaba eran as vacas e tiña claro que me quería adicar a algo que tivera que ver co campo”, conta.

Estudou Enxeñería Técnica Agrícola e traballou como comercial dunha empresa de maquinaria agrícola ata que no 2008 se incorporou á gandería da familia da súa muller e desde o pasado mes de agosto foi escollido en asamblea polos socios para relevar a Roberto López como presidente de Agromuralla, unha asociación xurdida das tractoradas do ano 2015 e que mantén ese mesmo espíritu reivindicativo co que naceu.

Estudei Enxeñería Técnica Agrícola e traballei como comercial dunha empresa de maquinaria, pero a min o que me gustaba eran as vacas

Non é doado sendo gandeiro, di, con todo o traballo que hai nas explotacións, sacar tempo para representar a unha asociación como Agromuralla, pero está convencido de que só desde a unión dos produtores arredor de entidades propias coma esta se pode facer forza dabondo como para cambiar as cousas.

Nos últimos meses Agromuralla defendeu, dentro da plataforma Gandeiros Lácteos Unidos, creada a nivel estatal, a necesidade de levar a cabo unha folga de entregas, unha medida de forza que o presidente de Agromuralla non descarta se os prezos de renovación dos contratos que se aveciñan non teñen en conta a suba sufrida nos custos de produción.  

– Seguides pensando que ata que falte leite nos supermercados non se van tomar medidas?
– Lamentablemente a realidade estao demostrando. Nos últimos meses convocáronse, por parte de Agromuralla e de outras organizacións, manifestacións tanto en Galicia coma no resto de España ante as Administracións públicas e protestas fronte ás industrias e houbo reunións e xuntanzas con todos eles, pero vemos que a cousa segue igual.

Deixar de entregar o leite é unha decisión dura e dolorosa para moitas explotacións pero se os contratos non se revalorizan será necesario e usarémolo como o último recurso

A folga de entregas é unha decisión dura pero se non se garante un prezo xusto ás explotacións que cubra o incremento de custos de produción será necesaria, é o último recurso, pero se isto non se resolve doutra forma non quedará outro remedio que desabastecer os supermercados.

– En Galicia a proposta non foi acollida de xeito unánime.
– No resto de comunidades a necesidade de ir á folga é unha idea xeralizada, compartida pola maioría dos produtores, pero aquí en Galicia hai sindicatos que se están dedicando a desmobilizar á xente e poñela en contra do paro.

No resto de comunidades a necesidade de ir á folga é unha idea xeralizada, pero aquí en Galicia hai sindicatos que se están dedicando a desmobilizar aos gandeiros

Sería interesante que houbese máis acordo porque a folga de entregas ten sentido se é unánime. Non vale que a fagamos o 50 ou o 60%, porque, ou a facemos todos, ou non será útil. No 2015 fíxose só en Galicia e no resto de España seguiron entregando o leite. Se agora pasa ao revés non servirá de nada.

– Estivestes mantendo reunións individualizadas coas industrias. Que vos din?
– As empresas dinnos que se non soben máis é pola distribución, que a presión vén de arriba. Pero o que está claro é que hoxe coa manteiga e coa nata están facendo cartos, porque eses produtos estanse cotizando moito. Nós en realidade non sabemos de quen é a culpa, pero o que está claro é que de quen non é a culpa é do gandeiro.

O prezo do leite é coma un edificio, para que a cousa vaia ben hai que empezalo por abaixo

O prezo do leite ten que ser xusto para todos, para o consumidor, para o supermercado, para a industria e para o gandeiro. Pero é coma un edificio, para que a cousa vaia ben hai que empezalo por abaixo. Pois na conformación do prezo, o mesmo. Se os nosos custos a día de hoxe son 40 céntimos, o gandeiro non pode cobrar menos diso, e a partir de aí construír o prezo cara arriba. E se á industria lle fan falta 20 céntimos para transportar e procesar ese leite haberá que sumarllos, e o mesmo coa distribución ata chegar ao prezo final. É lóxica pura.

 – Tamén vos reunistes coas Administracións e levades meses insistindo en que a Lei da Cadea non está a cumprirse e reclamando un índice público actualizado sobre custos de produción
– As Administracións recíbennos, pero despois ningunha move ficha. Para que a Lei da Cadea se cumpra habería que buscar un sistema de pago ao gandeiro en función dos custos do momento, pero esas actualizacións de prezo teñen que ser automáticas, en función dun índice público de referencia. Se o Ministerio calculou no seu estudo sobre a Cadea Láctea que no ano 2020 o custo de produción das granxas era de 0,35 céntimos, só hai que engadirlle as subas que se produciron desde entón e saen os 40-41 céntimos que reclamamos a día de hoxe.

A nós énos o mesmo que o dato do custo de produción o marque a Xunta ou o Ministerio pero ten que ser real e de obrigado cumprimento para as industrias

A Xunta sacou a Conta Láctea, paréceme positivo, pero de pouca utilidade práctica. Porque antes debían ter pensado se ía ter validez de cara aos contratos, do contrario, sacar cousas por sacar non ten sentido, porque a maioría dos gandeiros xa faciamos xestión, así que para iso non nos facía falta a aplicación.

A nós énos o mesmo que o custo o marque a Xunta ou o Ministerio pero ten que ser real e de obrigado cumprimento para as industrias. E eses axustes no prezo do leite en orixe teñen que ser áxiles, para adaptarse de xeito rápido á realidade. Non pode pasar o que pasou este ano, porque tal como está o mercado dos fertilizantes, os cereais ou a enerxía non podemos esperar ata a seguinte renovación dos contratos para que se actualice o prezo.

– Nos últimos meses o prezo do leite e os iogures subiu nos supermercados. Xa non é un produto reclamo?
–  Está claro que hoxe un brick que se venda por debaixo de 70 céntimos no supermercado non dá para pagar un prezo xusto a todos os eslabóns da cadea e o que non pode ser tampouco é que un eslabón se quede con toda a ganancia sen deixar marxe aos demais.

Nós non queremos encarecerlle o produto ao consumidor, pero tense que dar conta do que custa que ese produto de primeira necesidade chegue á súa casa

Nós non queremos encarecerlle o produto ao consumidor máis do necesario, pero tense que dar conta do valor do leite e do que custa que ese produto de primeira necesidade chegue á súa casa. E moitas veces o consumidor que merca o leite a 60 céntimos no supermercado non se dá conta de que o están estafando, porque o supermercado a ese leite estalle perdendo cartos pero ás galletas ou ao papel hixiénico estalle gañando un 50%. E iso é o que non pode ser, cada produto ten que representar o seu valor, así o di a Lei da Cadea, que impide usar produtos como o leite como reclamo. E o Goberno, que aprobou a lei, ten que vixiar e facer que se cumpra.

– Moitas veces esas leis están moi alonxadas da realidade do sector. Que opinas da polémica das macrogranxas?
– O primeiro que me gustaría deixar claro é que en Galicia non hai macrogranxas. A maioría, por non dicir o 100%, dos produtores de leite e de carne galegos somos explotacións familiares que producimos alimentos de calidade e coidamos do noso gando preocupándonos todos os días do seu benestar. Ademais, somos os que mantemos vivas as zonas rurais e os que coidamos o medio ambiente.

Pagamos aos nosos gobernantes para que nos defendan, non para que lancen ‘fake news’ contra nós

Desde ese punto de vista, as declaracións do ministro Garzón denotan un gran descoñecemento e fan moito dano ao sector. A sociedade está cada vez máis desconectada do rural e non se deben alimentar falsedades, menos desde un Ministerio. Pagamos aos nosos gobernantes para que nos defendan, non para que lancen fake news coma esta contra nós.  

O Consello Agrario de Galicia debe abrirse a todas aquelas entidades que representamos aos produtores e ao medio rural

Acontece o mesmo coas leis que se aproban. Moitas veces están feitas nun despacho sen ter en conta a realidade e os efectos negativos que van producir á hora de aplicalas. Por iso queremos levar a nosa voz directamente alí onde se tratan asuntos que nos afectan. No Consello Agrario de Galicia, por exemplo, só están os sindicatos. É un órgano de representación do sector que debería abrirse a outros colectivos vinculados ao medio rural, porque nas decisións que afecten ao rural debemos estar todas aquelas entidades que o representamos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información