O concello de Montederramo, no Macizo Central de Ourense, vai camiño do bingo total na Enfermidade Hemorráxica Epizóotica (EHE). Con arredor de 70 ganderías de vacún e máis de 3.000 animais, as granxas locais debuxan un escenario asolado pola EHE nas últimas dúas semanas. En Vilardevós, máis ó sur, onde os problemas comezaron na segunda quincena de xullo, a maioría das ganderías presentan tamén unha alta incidencia de EHE.
Falamos con dúas granxas de Montederramo e con outras dúas de Vilardevós para coñecer a situación esta campaña, logo de que o pasado ano a enfermidade chegara a final de campaña e pasara case desapercibida en ambos concellos. Este ano, sen embargo, a enfermidade impactou de cheo e as granxas están nas últimas semanas volcadas no coidado e vixilancia dos animais.
Sergio González (Montederramo, Ourense)
“Estou tratando 37 vacas e o resto presenta síntomas leves”
Sergio González e a súa familia viven en primeira persoa o impacto da EHE no seu rabaño. Con 130 cabezas, a día de hoxe teñen 37 vacas en tratamento, con antinflamatorios e antibióticos. “Son os casos máis graves, con síntomas como a lingua inchada ou a boca con úlceras. O problema é que algunhas vacas non comen nin beben”, relata. “Os veterinarios clínicos non dan feito cos casos máis graves”.
O escenario é similar na maioría das granxas do concello. “Diría que estamos afectados o 100% das granxas e igual un 95% dos animais, porque a vaca que non ten síntomas estanlle saíndo”, valora Sergio. “Hai moitos animais con síntomas leves, que lles choran os ollos ou que teñen leves coxeiras, pero o problema principal son os casos graves”.
Nos casos máis graves, xa hai granxas que rexistraron mortes puntuais de animais, que en teoría son indemnizadas pola Xunta. “O problema é que o 80% das vacas están sen analizar porque non hai veterinarios oficiais para facer o sangrado. Entón, se morre un animal por EHE pero non hai confirmación por análise de que tivese a enfermidade, que vai pasar”, pregúntase Sergio.
“Precisamos apoio para os tratamentos e máis veterinarios. É o deber da Administración”, recalca o gandeiro, que sinala que esta tarde teñen prevista unha reunión co xefe territorial da Xunta en Ourense para abordar a situación.
Sobre a vacina que comezou a comercializar estes días Vetia, accesible para as granxas mediante receta veterinaria, Sergio opina que chega tarde para Ourense. “A nós xa nos vacinou o mosquito. Para zonas que estean aínda sen casos, máis ó norte, podería ser que fose útil”, opina.
Javier Vázquez. Montederramo
“O peor son os animais que deixan de comer e de beber, teño que hidratalos cunha mangueira”
Javier Vázquez compara o caos que está deixando a EHE nas granxas da súa zona co que fixo o Covid nos humanos. Se ben a EHE só se contaxia a través do insecto vector, non entre vacas enfermas, o impacto está sendo alto nas ganderías afectadas. “En Montederramo estamos case todas as granxas afectadas, con máis ou menos gravidade. Igual temos un 80% de vacas afectadas pola EHE”, calcula Javier.
“Desde principios de mes, chegaron moitos casos xuntos ás granxas. Podías atoparte nun día con 10 – 15 casos novos. Estou mediciñando as vacas máis graves, segundo a prescripción do veterinario, con antibióticos e antiinflamatorios. O peor son os animais que paran de comer e que non beben porque sáenlles bultos na lingua. A eses teño que darlles eu auga cunha mangueira ou con botellas, para tratar de mantelos hidratados e que non morran”, explica.
Das 67 vacas adultas do seu rabaño, Javier calcula que pode ter entre 40 e 50 casos. A iso hai que sumarlle síntomas nos becerros: “Ves a algúns que andan a trompicóns, como mareados, e tamén morreume unha becerra que estaba débil, que viña de saír dunha neumonía e que penso que me rematou a EHE”, sopesa.
Na súa granxa, só lle sangraron un animal para analizar: “O normal sería que os veterinarios oficiais priorizasen esta situación e que retrasasen outras actuacións de saneamento, que non son tan urxentes”, opina.
Herminia Barazal. Vilardevós
“Temos un lote afectado, con 14 animais enfermos, e a vaca máis grave sufriu un aborto”
Con 90 cabezas, entre vacas adultas e becerras, a gandería de Herminia Barazal dívidese en dous lotes, un afectado pola enfermidade e outro libre polo de agora. “Son lotes que están a 12 quilómetros un do outro. Nun deles temos 14 vacas afectadas, das que hai 4 ou 5 bastante tocadas, pero no outro lote por agora non nos entrou”, explica.
No lote afectado, os síntomas que describe Herminia son similares ós que contan o resto de ganderías consultadas. “Os animais presentan frouxeira de pernas, fálase de coxeira pero é máis ben que frouxean, están con febre e logo hai casos nos que se lles forman feridas na boca e non poden comer, botan a lingua fóra e no caso máis grave, tivemos que sondear a un animal durante unha semana para alimentalo”, explica.
“Van vacinarnos da lingua azul para a semana, que é un problema que non temos, cando o lóxico sería vacinar contra a EHE o lote san”
De cara á Administración, Herminia pon o foco na prevención. “Para a semana, van facernos a vacinación oficial contra a lingua azul, que é un problema que aquí polo de agora non temos, cando o lóxico sería que houbese unha vacinación contra a EHE nas ganderías ou lotes que non estean afectados”, valora.
“Preguntei se podía vacinar despois da EHE, con prescripción veterinaria, o lote que teño por agora libre da enfermidade, e dixéronme que tiña que esperar como mínimo 20 días despois da vacina da lingua azul”, cuestiona.
Outra das necesidades son apoios para tratamentos e para cubrir as perdas, pois no caso de Herminia unha das vacas afectadas sufriu un aborto.
Enrique García
“É necesario vixiar os animais tódolos días; se se fai así, hai saída”
Enrique García describe en Vilardevós un panorama con tódalas granxas afectadas. “No meu caso teño un rabaño de 69 vacas adultas e destas, 25 están con tratamentos de antinflamatorios e antibióticos”, explica. “É necesario vixiar os animais todos os días porque se te despistas e daste de conta cando o animal leva xa 2-3 días mal, a situación vai ser máis grave”, advirte.
A EHE está obrigando ás granxas a unha adicación total á enfermidade. “Todos os días tes que meter animais nas mangas de manexo para tratalos. Entre vixiar e tratar, ocupas o día todo, e a parte hai que ter en conta que canto máis metes os animais na manga, menos queren ir, o que dificulta o manexo e obriga a ir con máis tino”, explica.
Nos casos máis graves, Enrique optou por baixar os animais á casa, xa que non queren comer e hai que suministrarlles auga e comida para evitar que morran. “Os tratamentos están indo ben, o veterinario dounos un spray que en 2-3 días logra mellorar moito os síntomas do fuciño e da boca, pero xa digo, é importante coller os animais o antes posible”, insiste.
“Coas 3 primeiras vacas afectadas gastei 380 euros en tratamentos, botas contas e é un pau importante”
Sobre os tratamentos, Enrique incide na importancia de apoios da Administración. “Coas 3 primeiras vacas gastei arredor de 380 euros en tratamentos, agora teño 25 tratadas, botas contas e é un pau importante”, sinala.
A parte dos animais que están en tratamento, outra parte do rabaño tamén pasou por síntomas leves. “Para min isto é un caso semellante ó que pasou co Covid nas persoas, que había quen o pasaba case sen síntomas. Nas vacas, o EHE é igual, hai algunhas que ves que lles choran os ollos e que andan con algo de frouxeira, pero comen e recuperan”, valora.
Sobre as análises da EHE no seu rabaño, Enrique sinala que as primeiras analíticas fíxoas por medio dun veterinario particular e o resto fixéronllas os veterinarios da campaña de saneamento de lingua azul, aproveitando as visitas para vacinar.
Na última semana, na súa gandería non detectou casos novos, unha cuestión na que considera que contribuíu a aplicación de repelentes contra insectos no corpo dos animais, unha operación que planea repetir cada poucos días.
Mapa de afectación