O Consello da Xunta avaliou hoxe un informe sobre a resolución das axudas da Consellería do Medio Rural para a conservación da contorna paisaxística e loita contra a erosión na Ribeira Sacra, convocadas por primeira vez a finais do pasado ano.
Neste sentido, destínanse 1,32 millóns de euros de fondos propios para os 794 expedientes aprobados, que permitirán actuar nunha superficie total de 810 hectáreas amparadas pola denominación de orixe (DO) Ribeira Sacra. A publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia está prevista para mañá.
Os beneficiarios destas axudas son persoas viticultoras no ámbito da DO Ribeira Sacra que estean inscritas como tales nos rexistros do Consello Regulador. A contía individualizada da axuda para cada beneficiario é de como máximo 2.000 euros por hectárea para sistema de cultivo tipo 1, e de 1.000 €/ha para o sistema de tipo 2.
Neste sentido, o tipo 1 refírese o cultivo de vide en socalco de pedra onde o traballo se realiza de forma non mecanizada, mentres que o tipo 2 é o de cultivo de vide sen socalcos ou mediante traballo mecanizado.
En total concedéronse axudas para 7.066 parcelas localizadas en 16 concellos, do total de 20 municipios en que se sitúa a DO Ribeira Sacra para a produción de viño. Cómpre salientar que case o 50 % da superficie das axudas concedidas localízase nos concellos lucenses de Sober, Quiroga e Pantón, cun total de 404 hectáreas de superficie e 3.537 parcelas.
Paquete de medidas a prol da Ribeira Sacra
Estas subvencións formaron parte do paquete de medidas anunciadas en setembro pasado pola Xunta para axudar os viticultores desta zona diante das dificultades causadas polos excedentes de viño tinto. Así, consideráronse outras accións, como as axudas para a destilación de crise, unha maior divulgación e formación sobre as oportunidades do ecorrexime da PAC de cultivos leñosos en terreos con pendente ou ampliar as campañas de promoción e subvencións para facilitar a recollida de uva.
Dentro deste paquete, esta medida en concreto ten un carácter innovador e responde ás especiais condicións de produción dos viños desta zona, que contribúe a manter unha paisaxe única, así como a loitar contra a erosión nestas terras do interior das provincias Lugo e Ourense, nos vales dos ríos Miño e Sil.