O recinto feiral Manuel Vila de Muimenta acollerá esta fin de semana dentro da Moexmu o Concurso de Gando Frisón, que chega á súa 40 edición e que este ano volverá ter carácter autonómico. É a segunda vez que isto sucede, despois de que no ano 2022 xa se decidirán a vaca e xata campioa galegas en Muimenta.
Polas 30 seccións a concurso desfilarán un total de 142 animais (44 xatas, 15 xovencas e 83 vacas) pertencentes a un total de 19 ganderías das provincias de Lugo (7), A Coruña (8) e Pontevedra (4). Debido ás limitacións de movemento entre comunidades autónomas, non poderán participar nesta ocasión ganderías de Asturias, habituais no único concurso de gando frisón que se mantén vivo na provincia de Lugo.
Así, a 34 edición do Concurso Autonómico Fefriga 2026 será xulgado por Julian Rodríguez Pérez, natural de Luarca e, ademais de xuíz oficial de Conafe, titular da explotación Casa Flora. Malia a súa dilatada traxectoria como xuíz de concursos por toda España, será a primeira vez que xulgue na Moexmu.
O orzamento total da edición 2026 da Moexmu supera os 108.000 euros, dos que 75.000 adícanse ao Concurso de Gando
En canto ao calendario do certame, o sábado pola mañá, desde as 10:30 horas, será o turno das xatas e xovencas, mentres que pola tarde estarán sobre a pista as vacas, a partir das 15:30 horas. Haberá premios de 125, 100, 75, 50 e 25 euros respectivamente para os cinco primeiros animais clasificados en cada sección. En total, o orzamento total do Concurso de Gando está próximo aos 75.000 euros.
A poxa de gando frisón selecto pasa ao domingo pola mañá ás 11:00 horas, despois do concurso de manexadores. Subastaránse un total de 14 animais de alto valor xenético procedentes de 7 ganderías.

Ganderías participantes na Moexmu 2026
Pregoeiro
Pregoeiro alcalde da Veiga, presidente da Feira de Mostras da Silvallana. Irmanamento coas Feiras, o ano pasado Silleda. Cando se empezou a Moexmu fíxose coa imaxe destas díuas fieras de mostras.
Os veciños de Muimenta fixáronse na Silvallana da Veiga e na Semana Verde de Silleda para facer a Moexmu
O pregoeiro desta edición da Moexmu será César Álvarez Fernández, que é alcalde da Veiga e o Presidente da Fundación de Feiras de Vegadeo, onde se celebra todos os anos no mes de xuño a Silvallana, outra das feiras agrogandeiras de referencia e, xunto coa Semana Verde de Galicia, o modelo que tomaron os veciños de Muimenta como inspiración para poñer en marcha a Moexmu no seu momento.
30.000 metros cadrados de exposición

Presentación oficial da Moexmu este luns no recinto feiral Manuel Vila de Muimenta
O espazo expositivo aproxímase aos 30.000 metros cadrados, dos que case 17.500 serán ocupados por maquinaria nova e usada, coches e motos. Ademais, poderán verse as últimas novidades en sistemas de muxido, alimentación animal, novas tecnoloxías agrícolas e gandeiras, artesanía, etc.
A organización ten espazo reservado para uns 120 expositores e os distintos stands están xa todos cheos desde fai semanas, o que dá idea co tirón da Moexmu. A maioría dos expositores veñen das catro provincias galegas, pero tamén os hai de Asturias, Salamanca, León, Zamora, Cáceres, Guadalajara, Zaragoza, Murcia ou Madrid.
Dentro das instalación do recinto, presentarán as súas novidades empresas como Hermanos Falcón, Tecnoagri, Agrícola Acevedo, Innogando, Animal Vit ou Tecgal Enerxías
Ademais de maquinaria, haberá fabricantes de pensos, distribuidores de fertilizantes e produtos fitosanitarios, xardiñeiría ou recambios. Dentro da artesanía destacan a cerámica, bordados, restauración de mobles antigos, ferrería, antigüidades, manualidades, pintura, cesteiros, coiro, traballos en resina, ganchillo, xoguetes en madeira, etc. Mentras que dentro dos produtos galegos de calidade a mostra estará integrada por viño, queixos, embutidos, pastelería, produtos ecolóxicos, etc.
A entrada ao recinto feiral custa 3,50€ para toda a xornada, tanto o sábado como o domingo, pero os menores de 12 anos entran de balde
A maiores, nas oficinas da Moexmu haberá unha exposición de traxe tradicional, a través do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación Provincial de Lugo, así como demostración de artesáns, e música o día da inauguración.
Permanecerá tamén aberto o Museo da Zoca e da Escola Vella (ubicadas no campo da Igrexa Vella) por parte da directiva de Xotramu para todas as persoas que desexen visitalos. A entrada é de balde e pódese solicitar cita previa para concertar horario para a visita.
“A Moexmu é testemuña da profesionalización das granxas e dos avances que se produciron no rural nestes 40 anos”

José Manuel Rus Rodríguez leva 29 anos como xerente da Moexmu
Tres homes e tres mulleres forman este ano a Comisión organizadora da Moexmu, que por primeira vez na súa historia é paritaria. Orencio Fontela como presidente, Avelino García, como vicepresidente e Marifé Gil, Carmen Lopez, Daniel Novo e Montserrat Santiso como vogais representan a todos os sectores industriais de Muimenta. José Manuel Rus Rodríguez, que leva 29 edicións na xerencia, exerce de coordinador.
– Todo listo xa para a Moexmu 2026. Supoño que require dun importante esforzo tanto a nivel de implicación de xente como económico.
– Efectivamente. A Moexmu representa a implicación de todo un pobo, pois a Moexmu non sería posible todos estes anos sen o traballo e o apoio dos veciños e veciñas de Muimenta. E esa traxectoria destes 42 anos da Mostra Exposición de Muimenta foi recoñecida con importantes galardóns, como o Premio Aresa de Desenvolvemento Rural ou o Premio AGADER ao sector agrogandeiro.
En canto ao orzamento total da edición 2026 da Moexmu supera os 108.000 euros, dos que uns 75.000 adícanse ao Concurso de Gando, que cumpre este ano 40 edicións e é o único que se mantén vivo na provincia de Lugo.
Institucións como a Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo ou o Concello de Cospeito, colaboran economicamente coa Moexmu, ao igual que entidades financieiras e empresas do sector.
– Cambiou moito o sector nestes máis de 40 anos
– Si, van 42 edición da Moexmu e 40 edición do concurso de gando e pouco ten que ver a Moexmu do primeiro ano coa de hoxe, porque a Moexmu é fiel reflexo do sector e testemuña dos avances que nel se van producindo.
E nestes 40 anos moito cambiou tamén o sector, que é hoxe moderno, dinámico e tecnolóxico. As explotacións galegas son punteiras a nivel europeo e, dentro delas, están as ganderías da Terra Chá como punta de lanza.
É un orgullo a implicación da xente moza; da Moexmu levan saído nestes 40 anos 4 xeracións de gandeiros e gandeiras
Nos últimos anos novas ganderías animáronse a participar na Moexmu e iso é para nós un motivo de orgullo, igual que a implicación da xente nova. Da Moexmu levan saído xa nestes 40 anos 4 xeracións de gandeiros e agardamos seguir contribuíndo ao relevo xeracional, tan necesario no sector para garantir a continuidade das explotacións no futuro.

Comisión organizadora da Moexmu 2026




Galego









Control OJD