Casca de castaña para depurar augas

Unha tese elaborada na Universidade de Vigo demostra que o material é eficaz para eliminar sustancias como metais pesados ou praguicidas

Casca de castaña para depurar augas

Marta Cobas, autora da tese sobre descontaminación de augas.

As técnicas de adsorción e de biorremedicación son dúas alternativas para a eliminación de contaminantes de diversa natureza en contornas acuáticas. O principal problema que presentan estes procesos é o elevado custe dos materiais adsorventes, motivo que inspirou a tese de doutoramento de Marta Cobas (Universidade de Vigo). A investigadora ensaiou novas técnicas con materiais de baixo custe, entre eles a casca de castaña, que se demostrou eficaz na depuración de augas.

A tese da investigadora abrangue tanto a técnica fisico-química, a adsorción, como unha técnica microbiolóxica, a degradación a través de fungos. Cobas estudou ambos procesos, primeiro por separado e posteriormente, facendo unha integración secuencial de ámbolos dous sistemas para tratar efluentes complexos.

No caso das técnicas de adsorción, a investigadora apostou por analizar as potencialidades de materiais de baixo custe, como residuos naturais ou industriais. O que mellor resultado aportou foi a casca de castaña, pero tamén traballou con arxilas e algas. Da casca da castaña abasteceuse a través da empresa ourensana Cuevas SL, que no proceso de elaboración do marrón glacé xera grandes cantidades de residuos de castaña.

Outra alternativa eran o uso de arcillas, como a sepiolita, e algas. Nas algas, Cobas optou pola biomasa da macro alga parda ‘Fucus vesiculosus’, “que é unha das algas que máis se atopa nas costas galegas, sendo un material que se acumula e que ten que ser eliminado, sen ter a día de hoxe ningún tipo de valor económico”.

Contaminantes
Para probar a efectividade dos diferentes procesos de adsorción Marta Cobas seleccionou varios contaminantes para realizar as probas, entre eles o cromo, contaminantes orgánicos como tinturas ou hidrocarburos policíclicos aromáticos (HAPs), e de carácter emerxente, como os praguicidas. Explica que todos “están catalogados como contaminantes de augas e presentan certa toxicidade para os diferentes organismos acuáticos e, en moitas ocasións tamén para os seres humanos”, aos que poden chegar a través das propias augas contaminadas ou da cadea alimentaria.

Tras a análise de capacidade de adsorción da arxila, a alga e a casca de castaña, esta última resultou ser a que tiña as mellores propiedades e aplicouna a un sistema físico-químico para a eliminación de metais pesados e praguicidas.

Técnicas biolóxicas con fungos
Unha segunda parte do estudo consistiu na aplicación de fungos. Cobas explica que os fungos poden empregar os contaminantes orgánicos como fonte de carbono, podendo chegar á completa eliminación dos mesmos do medio ambiente. Para iso, a investigadora elixiu dous tipos de fungos (Trichoderma longibrachiatum e Phlebia radiata) que se caracterizan pola súa capacidade para degradar unha gran variedade de contaminantes, como HPAs, praguicidas, etc.

Esta técnica microbiolóxica emprega os fungos para eliminar algúns contaminantes que a castaña non é quen de retirar e ademais volve empregar de novo a casca de castaña para inducir a produción de enzimas do fungo que están implicadas no proceso de eliminación de contaminantes.

Finalmente, a investigación de Marta Cobas conclúe co deseño e simulación mediante software dun sistema integrado secuencial para a eliminación de efluentes de contaminación mixta, que consta dun primeiro proceso de adsorción seguido dun proceso de biorremediación. A integración de ambas tecnoloxías, como puntualiza a doutora, “é unha solución respectuosa co medio ambiente, eficaz e sostible, para o tratamento de efluentes con contaminación tanto biodegradable como non biodegradable”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información