O incendio de Pantón, que se especula que foi causado por chispas dun tren de mercancías, arrasou 2.000 hectáreas na Ribeira Sacra e levou casas e viñas por diante. Un dos afectados, David Álvarez, viticultor de Pantón, considera que houbo unha mala organización da extinción: “Os forestais da nosa zona estaban noutro incendio, cando eles son os que mellor coñecen o monte. Viñeron forestais que non coñecían o territorio para facerlle fronte ó lume”, cuestiona o viticultor, que expón a súa opinión do sucedido nun comunicado difundido polo Sindicato Labrego.
“Non arderon máis casas nin máis terreos pola axuda dos veciños e veciñas que quedamos, senón ardía todo”, sostén o viticultor. “Non estamos preparados para este tipo de incendios, o lume envolveunos en nada, é unha loucura”, valora David Álvarez, que considera que falta preparación para encarar este tipo de incendios.
“Estamos aínda quentes, despois do lume, pero o que está claro é que temos que reformular como queremos o nosos montes. Insistimos, unha vez máis, na falta de coordinación nos medios á hora de apagar os lumes, así como na urxencia de delimitar franxas de seguridade”, defende. Álvarez entende tamén que hai que reformular os cultivos forestais nos montes e avoga tamén por medidas de prevención como a instalación de bocas de incendio nos núcleos rurais.
Peticións do Sindicato Labrego
Tralo incendio de Pantón, ocurrido esta fin de semana, desde o Sindicato Labrego Galego solicitánlle á Consellería do Medio Ambiente que amplíe o prazo das axudas previstas para a reparación dos danos causados polos incendios, publicadas o pasado 30 de agosto e cuxo prazo remata o 30 de setembro.
Doutro lado, a organización agraria avoga por repensar as políticas sobre o territorio. “Levamos anos denunciando que a mellor política contra os incendios é a defensa do rural vivo. A paisaxe mosaico tradicional —feita de leiras, prados, frondosas autóctonas e gando en extensivo— actuaba como un cortalumes natural. A desaparición desta estrutura creou un territorio continuo de combustíbel perfecto para as lapas”, aseguran.
Galego










Control OJD