Casa Xan, unha gandería con relevo xeracional que aposta pola robotización

Juan Rodríguez incorporouse hai oito anos na gandería e o seu obxectivo é darlle continuidade á granxa familiar, onde incorporaron un robot de muxido para mellorar a calidade de vida

Casa Xan, unha gandería con relevo xeracional que aposta pola robotización

Casa Xan (Adá, Chantada) é unha desas ganderías que pode presumir de contar con relevo xeracional, que tanto problema supón para o mantemento das ganderías na actualidade. Esta granxa familiar está rexentada por José Luis Rodríguez, a súa muller María Dolores Tumebeiro e o seu fillo Juan Rodríguez, quen se incorporou no 2016.

“Nacín aquí, medrei aquí e o meu futuro, polo de agora, imaxínomo aquí”, así de contundente é Juan, quen ten claro que seguirá apostando pola gandería familiar. Ao igual que seu pai, afirma que a aprendizaxe xa a fixo dende pequeno, “ao medrar entre as vacas e axudar dende sempre, xa vas aprendendo todo”. Aínda así, fixo os estudos necesarios para poñerse á fronte da explotación na que se ve, “polo menos nos vindeiros anos, logo nun futuro máis lonxano xa se verá como vai o sector e se isto segue sendo rendible”.

Ante a situación do sector, na que o relevo xeracional está a ser un problema que provoca o peche de numerosas explotacións, Juan anima á mocidade a que se incorpore ás explotacións familiares. “Non vou a negar que ser gandeiro é complicado, hai que dedicarlle horas para manter unha explotación, pero tamén resulta un traballo reconfortante”. A isto, engade que a rutina diaria cambiou moito de cando seus pais comezaron a agora, “pero aínda así, require de moitas horas. É certo que, no noso caso, co robot cambiounos a vida porque non temos esas horas de muxido, pero sempre hai que facer”.

“Este traballo require moitas horas, pero é reconfortante. Se segue sendo rendible, véxome nel moitos anos”

Unha ración unifeed ao día
A gandería conta cuns 140 animais en total, dos cales 65 están en muxido; o resto son vacas secas e recría. A súa produción media atópase nos 40 litros por vaca e día, cunhas calidades medias de 3,25 % de proteína e 3,90 % de graxa. En canto ao reconto celular sitúase, polo xeral, por debaixo das 130.000 células somáticas. No pasado ano, entregaron á cooperativa AIRA, que é a entidade que lle recolle o leite, un total de 807.322 litros.

A incorporación do robot foi o mellor que puidemos facer, melloramos en calidade de vida nosa e dos animais

En canto á base territorial, dispoñen dunhas 32 hectáreas nas que fan rotación de millo e herba cada dous anos. En concreto, sementan 13 hectáreas de millo, nas que recollen unha media de 60.000 kg por hectárea. En canto ao ciclo de millo que empregan indica que varía en función do ano de 270 a 350, neste, por exemplo, están a sementar de 270. Na herba, realizan “as cortas que podemos, de 2 a 4”. O gandeiro sinala que a pesar do problema que hai coa organización territorial, “temos as fincas a 1 km, como moi lonxe, da gandería, e iso facilita as labores”. E en canto á extensión considera que é suficiente, “pero se foi un ano malo de forraxes mercamos palla e herba seca a maiores”.

CasaXanInterior

José Luis apunta que para a alimentación das vacas apostan por silo de millo, herba e concentrado. En concreto, a ración das vacas de produción está composta por: 16 kg de millo, 23-24 kg de herba, 0,5 kg de herba seca e 8,5 de mestura. Esta ración unifeed está feita polo equipo de AIRA, que lla achega unha vez ao día.

Robotización e melloras tecnolóxicas
A granxa leva toda a vida en funcionamento, como afirma José Luis “eu non precisei ningún curso, xa que nacín aquí e formeime dende ben pequeno”. Cando empezou, o número de animais era moito menor “e pouco a pouco, fomos medrando, mercando máis terreos e tamén máis animais ata chegar a como estamos hoxe”.

Dende hai seis anos, a súa profesionalización e mellora na calidade do traballo levounos a incorporar o robot: “Foi o mellor que puidemos facer, é unha grande inversión, pero merece a pena pola calidade de vida nosa e tamén polos animais”. Coa finalidade de potenciar o benestar animal tamén incorporaron os colares para a detección de celos, “que é moi recomendable” pola información que lles ofrece. Así mesmo, contan co arrimador de comida e unhas instalacións moi ventiladas, con cortinas que soben e baixan segundo a temperatura para “ofrecerlle aos animais o mellor benestar”.

Non buscamos medrar máis, agora mesmo estamos ben co número de animais que temos

O seu obxectivo é “manternos como estamos”, sempre coidando a xenética “porque é moi importante cando dispós dun robot”, indica o gandeiro e engade que “se tes animais que non son funcionais, non lle sacas o rendemento ao robot”. En canto a produción considera que non precisan aumentar máis. Así mesmo, Juan resalta que se quixeran ampliar precisarían máis instalacións e “agora mesmo non temos espazo para facer as ampliacións”. Ambos coinciden en que así “estamos moi ben”.

Contan con instalacións ventiladas e hai seis anos decidiron incorporar un robot de muxido

Contan con instalacións ventiladas e hai seis anos decidiron incorporar un robot de muxido

Boa xenética
Dende a chegada do robot á explotación, en Casa Xan teñen claro que a facilidade de muxido é un dos requisitos a ter en conta para escoller un touro. “Ademais, miramos as células somáticas, as ubres e as patas, sen descoidar as producións e as calidades”. Traballan co plan de acoplamento de CONAFE e empregan semen probado ou xenómico de Xenética Fontao.

Nesta gandería a idade da primeira inseminación das xovencas está en 14-15 meses e a media de inseminación por preñez en 1,5, cun intervalo entre parto duns 395 días. A media ICO rexistrada sitúase en 1190-1200 e a media do número de partos por rabaño nos 3,5-4.

Confianza en AIRA

José Luis destaca a importancia que ten a relación coa cooperativa. “Levamos toda a vida en AIRA, vivimos o período da integración e para nós é moi satisfactorio seguir con eles. Nun mesmo espazo podemos atopar solucións a todo, dende temas agrícolas a xenéticos e mesmo na recollida do leite”.

Nesta gandería, ademais de contar con diversos servizos técnicos da cooperativa e co apoio da súa maquinaria agrícola para a recollida do millo, dispoñen do sistema de xestión da alimentación para o muxido robotizado. Trátase dun sistema desenvolto polo equipo técnico de AIRA que presta atención a diferentes parámetros (produción, tempos de muxido, eficiencia da máquina en base a litros de leite por minuto etc.) e axusta a mestura unifeed que se debe achegar. “Isto permítenos facer racións máis axustadas para os animais. Revisan os técnicos e axúdannos a facer un maior control”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información