Unha explotación de Lugo, a gandeiría Casa Pozo, fíxose co premio á xovenca gran campioa no certame internacional morfolóxico de raza frisona que se celebrou en Silleda, no transcurso da feira Gandagro-Cimag. Para hoxe está previsto que se decida a vaca gran campioa e a mellor explotación do conxunto dos certames gandeiros.
A xovenca gran campioa do certame internacional, de nome Pozosaa Atwood 7128 Tamara, superou na puntuación final do xuíz a unha xovenca dunha explotación asturiana, Badiola Yorick Kentuchy, da explotación Badiola Holstein (Asturias).
No marco do concurso autonómico, a xovenca gran campioa de Galicia foi tamén a de Casa Pozo, de Lugo; en tanto que o segundo premio correspondeu á gandeiría Blanco de Lalín (Pontevedra), con Tizón Rosi Braxton SS Blanco.
Concurso de preparado de gando frisón
No certame de preparación de gando frisón, resultou vencedora María Manteiga, da gandeiría Manteiga, de Vila de Cruces (Pontevedra). O subcampión foi Guillermo Orfila, de Mahón (Illas Baleares).
Os participantes no concurso de preparado dispuñan de dúas horas (e 30 minutos máis para rapaces de 15 anos ou menos) para pelar e preparar os animais. Concorriron no certame participantes de Galicia, Baleares, Cataluña e Portugal.