Casa Pardo SC, novas instalacións para continuar coa gandería tradicional

Falamos con José Manuel Villar, un gandeiro de Baleira que pertence á Asociación Suprema do Val de Neira de Rei, nun ano de prezos baixos para a carne de calidade que se produce en Galicia. A súa explotación, con 70 reprodutoras, apostou nos últimos anos por redimensionarse para continuar cunha actividade fundamental na montaña de Lugo

José Manuel Villar, xunto ás súas vacas en Valinfolgueiro, en Baleira

José Manuel Villar, xunto ás súas vacas en Valinfolgueiro, pertencente ao municipio de Baleira

Das 10.000 explotacións de vacún de carne que quedan en Galicia, máis da metade, unhas 5.800, atópanse na provincia de Lugo e delas, unha parte importante, en zonas da montaña ou do interior demograficamente deprimidas nas que a gandería é unha das poucas actividades económicas.

Trátase, polo tanto, dun sector fundamental para fixar poboación nestes lugares, evitando que a sangría demográfica avance, e, ao mesmo tempo, para coidar do territorio e pechar as portas aos incendios forestais. Pero anos coma este, nos que a crise do coronavirus fixo estragos nos prezos, que non acabaron de recuperarse tralo confinamento, e a falta de axudas específicas para termar dun sector estratéxico como é este, están a provocar o desánimo en moitos produtores e a desincentivar a continuidade de moitos deles.

“Na agrupación na que estamos, a Asociación Suprema do Val de Neira de Rei, somos 50 socios, pero moitos só con 4 ou 5 vacas, que vivamos disto quedamos 10 ou 12. Este ano os prezos chegaron a caer un euro en quilo, nos momentos de máis saída baixaron de 5 a 4 euros, ou incluso un pouco máis nas canles de máis peso, somos os grandes prexudicados desta crise, pero nós non protestamos nin facemos ruído como fan os de Alcoa”, di José Manuel Villar, que foi durante 8 anos presidente desta asociación que chegou a ter 100 socios e que leva máis de 20 anos servindo para que os gandeiros desta zona da montaña de Lugo comercializen en conxunto a súa produción.

Somos os grandes prexudicados desta crise, pero nós non protestamos como fan os de Alcoa

No lugar de Valinfolgueiro, na parroquia de Córneas, pertencente ao concello de Baleira, sitúase esta explotación, Casa Pardo, propiedade de José Manuel e a súa muller, Ana Gómez. Contan con 70 nais, a maioría de raza Rubia Galega e algún cruce de Asturiana, que manexan ao modo tradicional, co gando fóra na primavera e o verán e dentro da corte no outono e o inverno.

Fai 4 anos ampliaron as instalacións cun novo establo para 30 animais e que se suma á corte en estabulación trabada da que dispoñían, con capacidade para outras 40 vacas. Roturaron tamén monte, para facer pradeira e gañar superficie, esencial para o manexo do gando en extensivo que fan, reducindo así a dependencia de insumos externos, imprescindible nun ano de prezos baixos coma este.

É o que che queda, ou seguir ou entregarte e cambiar de actividade, pero con 50 anos non tes moito para onde ir tampouco

“Non temos man de obra, non dá para iso. Recollemos nós tamén a forraxe, trátase de aforrar o máis que se pode”, conta José Manuel. “É o que che queda, ou seguir ou entregarte e cambiar de actividade, pero con 50 anos non tes moito para onde ir tampouco e como estás aquí os 365 días do ano non tes onde gastar os cartos e con pouco amañas”, razoa.

“O número de persoas que quedamos na gandería como actividade principal redúcese drasticamente, porque para vivir disto cada vez necesitas máis gando, tes que irte a entre 40 e 50 cabezas por UTE, e iso é unha animalada co manexo que temos nós”, asegura.

Crianza en semiextensivo

A maioría das vacas son rubia galega ou cruces de asturiana

A maioría das vacas son rubia galega ou cruces de asturiana

Na primavera e o verán as vacas de José Manuel están día e noite fóra (no outono e o inverno dormen no establo), pero os xatos quedan sempre na casa, polo que teñen que traerlles as nais dúas veces ao día, pola mañá e pola noite, para que mamen. “É o sistema tradicional desta zona, pero dá máis traballo. As vacas saen todos os días do ano, salvo que faga moi mal tempo. O que apañan elas sempre sae máis barato, se llelo tes que traer para a casa encarécese”, argumenta.

Para vivir disto cada vez necesitas máis gando, tes que irte a 40 cabezas por UTE e iso é unha animalada co manexo que temos nós

Aos 6 ou 7 meses, dependendo de cada xato, sácanlles unha das tomas para que mamen só á noite e compleméntanlles a alimentación con herba seca, penso e patacas. “Aquí usamos patacas para cebar os becerros, como se fixo sempre. Botamos unha hectárea de patacas, iso axúdanos moito”, explica.

José Manuel defende a dignidade e a importancia da súa profesión e lamenta que a Administración non a apoie de xeito decidido mentres non escatima á hora de pagar para apagar lumes. “Vanse os cartos todos para incendios, iso é un pozo sen fondo, neses gastos non reparan. Arde en Cervantes, por exemplo, e a Xunta manda os helicópteros a apagar e despois a sementar palla para evitar a escorrentía. Canto non custa iso? Pois se lle axudaran á xente a coidar aquilo para que non ardera era moito mellor”, afirma.

Nos gastos de incendios non reparan. Pois era moito mellor que axudaran á xente a coidar o monte para que non ardera

“Hoxe en día hai xente esclava no rural, igual que a hai nas cidades, pero o oficio é coma outro calquera, non é coma hai 30 anos, o problema é de rendibilidade. Cobramos a carne menos que fai 20 anos e temos agora a incógnita da nova PAC, na que podemos saír moi ben parados ou moi mal, depende dos criterios que se escollan para o reparto dos fondos”, indica.

Sacar partido ao monte comunal

José Manuel é partidario de sacar máis proveito ao monte, tanto desde o punto de vista forestal como gandeiro, empregándoo como fonte de alimento para as vacas, e usando, ao mesmo tempo, o gando para coidar do monte e alonxar así o perigo de incendio das casas. Pero defende que as fórmulas tradicionais de aproveitamento comunal non se adaptan en moitos casos á realidade actual.

“O modo de xestión antes era totalmente distinto a hoxe. Antes en todas as casas había vacas e o monte pacíase con gando comunitario, hoxe non. Nesta zona o monte é moi custoso de traballar, porque hai moita pedra, e se non tes garantía de que vas seguir con el é difícil meterse nese gasto”, razoa.

Neste lugar somos só dous veciños e puxémonos de acordo para dividir o monte de varas amistosamente, así cada un coida e responsabilízase dunha parte

En Valinfolgueiro son só dúas casas e decidiron parcelalo para traballalo. “Neste lugar somos dous veciños nada máis e puxémonos de acordo. É monte de varas, respectáronse os documentos que había e dividímolo amistosamente, así cada un coida e responsabilízase dunha parte, pero para que nos recoñeceran a partixa no Catastro vímonos negros, cun montón de trabas e de burocracia”, conta.

Gañar 10 hectáreas de pradeira

Os dous veciños de Valinfolgueiro repartiron o monte de varas e na súa parte Casa Pardo fixo pradeira

Os dous únicos veciños de Valinfolgueiro repartiron o monte de varas e na súa parte Casa Pardo fixo pradeira

Na súa parte, José Manuel cortou os piñeiros que había plantados e roturouna para transformala en pradeira. Gañou deste xeito unhas 10 hectáreas de superficie, necesarias para acompañar o crecemento da súa cabana trala construción fai catro anos do establo novo.

“A xente deixa as vacas pero é difícil facerse con máis superficie, porque os que abandonan plantan piñeiros e eucaliptos. Eu non estou en contra do eucalipto, porque é o que está dando diñeiro. Hai máis de 30 anos que empecei coa explotación e esa mesma problemática habíaa daquela co piñeiro, mesmo dicían que a folla do piñeiro era tóxica, e sen embargo os piñeiros non foron ningunha ruína. Eu o que si que penso é que se eu teño unha hectárea de castiñeiros ou carballos e teño obriga de mantelos o lóxico é que saquen algo do eucalipto para repartir con ese outro propietario que ten os carballos. A ordenación do territorio é algo que debía existir”, opina.

Eu non estou en contra do eucalipto, porque é o que está dando diñeiro, pero debían sacar algo do eucalipto para repartir co que está obrigado a manter os carballos

Por iso, ante a imposibilidade de facerse, mediante arrendamento, coas terras dos gandeiros que se xubilan na contorna, porque prefiren plantalas ao considerar que obteñen deste xeito maior beneficio, as explotacións que seguen en activo atópanse con dificultades para incrementar a súa base territorial. “Tes que basearte no teu, co outro non podes contar”, di José Manuel.

Casa Pardo dispón dunhas 60 hectáreas, todas na parroquia de Córneas e na do lado, A Fontaneira. Na primavera e o verán as vacas pasan día e noite fóra e están a pasto exclusivamente. No inverno, cando están dentro do establo, comen silo e herba seca. José Manuel dispón de maquinaria propia e fai uns 400 rolos de silo e 50 de herba seca ao ano.

Esta era unha zona na que se botaba moito cereal, pero cando empezou a PAC iso non che computaba como superficie e como normalmente vas bastante xusto niso a xente deixou de sementar centeo

Ademais da forraxe de herba para as vacas, Casa Pardo cultiva tamén unha hectárea de patacas e dúas de cereal para cebar os becerros. “Esta era unha zona na que se botaba moito cereal, pero cando empezou a PAC iso non che computaba como superficie e como normalmente vas bastante xusto niso a xente deixou de sementar cereal. Nós seguimos botando centeo, que é o que sempre se sementou aquí e o que mellor se dá, e algo de trigo. O cereal que botamos válenos moito para cebar os xatos e a maiores complementamos con penso”, di.

Ceban uns 40 ou 45 becerros ao ano, case todos para carne, de menos dun ano e marcados de Suprema. “Para vida non acostumo vender”, di. Nesta explotación teñen tres touros para monta natural. “Fago lotes coas recén paridas que están fóra e téñolles o touro até os dous meses. Para as que están dentro teño tanque e insemino eu”, explica José Manuel.

Establo novo

A nave nova te capacidade para 40 vacas en estabulación libre e cama de esterco

A nave nova ten capacidade para 30 vacas en estabulación libre e cama para estrar

Hai catro anos José Manuel e a súa muller decidiron aumentar ao número de cabezas da explotación familiar coa construción dunha nave nova con capacidade para 30 vacas a maiores das 40 que tiñan no establo vello.

“Foron 110.000 euros de investimento subvencionable, pero realmente gastamos moito máis porque a parcela é en costa e saíu máis caro que nos módulos que usa a Administración”, explican. Aproveitaron o desnivel do terreo para facer a fosa de purín debaixo, á que tamén vai caendo o esterco que fan as vacas polo oco que deixaron por debaixo dos trabantes do comedeiro. “É un establo cómodo, case non tes que limpar porque o esterco xa vai para debaixo”, conta José Manuel.

Engado o esterco ao pozo do purín e bótoo coa cisterna. Se obrigan a usar inxectores vai ser un problema nesta zona

“Abono co esterco que fago e co purín. Boto o esterco ao pozo do purín e déixoo cocer ben. Despois revólvoo co revolvedor e bótoo coa cisterna e non acostumo ter problemas para botalo. Xa tiña a maquinaria preparada para o purín e deste xeito boto o esterco tamén con ela. Abono as fincas normalmente a principios da primavera e ás veces engado ao purín tamén algo de esterco de pito se o merco a bo prezo”, indica.

José Manuel teme que a norma que obriga a enterrar o purín, como consecuencia das novas esixencias medioambientais que impiden esparexelo en abano co sistema de prato, se aplique en zonas de montaña como a súa. “Se obrigan a usar inxectores vai ser un problema engadido porque aquí en moitas fincas é imposible pola pendente e por como é o terreo. Eu procuro renovar o menos posible as fincas, hainas que non se renovan desde fai 30 ou 40 anos, porque aquí hai moita pedra”, describe.

Para aumentar a absorción de nutrintes das pradeiras, José Manuel encala cada dous anos. “Encalamos moi a miúdo e química procuramos botar a mínima posible, porque está moi cara para o resultado que dá”, asegura.

José Manuel engade o esterco ao purín e esparéxeo coa cisterna ao comezo da primavera

José Manuel engade o esterco ao purín e esparéxeo polas fincas coa cisterna ao comezo da primavera

Lobo, xabarín e saneamento

O 2020 non foi un bo ano para José Manuel, non só polos baixos prezos, senón polas perdas que tivo na súa gandería. “Este ano tiven moitas baixas, por abortos, por mamite e por pneumonía, e iso que estou vacinando”, conta.

Ás baixas por enfermidades tamén se suman os provocados polos ataques da fauna salvaxe. “Nesta zona anda algo o lobo, que xa está atacando por aquí. A min o ano pasado colleume unha becerra, tiven que tratala pero logrei salvala”, explica.

A lentitude das indemnizacións por ataques do lobo é unha das queixas recurrentes dos gandeiros, igual que acontece coas axudas para paliar os danos do xabarín. “Solicitar eu solicitei a axuda e pediron máis papeis, pero cobrar aínda non cobrei”, lamenta José Manuel.

Nesta zona está habendo moitos falsos positivos en tuberculose e os gandeiros o que pedimos é que antes de matar a vaca, se lle faga a proba comparada para asegurarse. Loxicamente se o animal volve dar positivo hai que sacrificalo, ninguén quere ter gando enfermo na súa explotación

Tamén se queixa da “falta de fiabilidade” que na súa opinión se dá nas probas de intradermorreacción usadas nas campañas de saneamento gandeiro. “Fai tres anos sufrín un falso positivo. Por esta zona está habendo vacas reaccionantes en todas as explotacións que despois non son tal na proba que se fai no matadoiro. Non parece serio que primeiro maten a vaca e despois fagan a contraanálise, pedimos que se aseguren antes. Cando hai un positivo nunha gandería aos 40 días volven a facerche a proba comparada. O que pedimos é que se faga antes de matar a vaca, porque se se fai a proba comparada e dá positivo loxicamente hai que sacrificar, porque ninguén quere ter gando enfermo na súa explotación e o primeiro interesado na eliminación dese animal é o propio gandeiro, pero o que está acontecendo é que despois de sacrificar fan a proba aviar e dá todo ben.

Aínda que Galicia ten os menores índices de tuberculose bovina de toda España, existe un risco engadido nos animais que fan pastoreo, xa que animais silvestres como o corzo e, sobre todo, o xabarín, actúan de reservorios da enfermidade, podendo transmitila logo ás vacas.

“Ternera Gallega usa a foto da Suprema para vender a outra”

Casa Pardo rubia galega (Baleira)Casa Pardo ceba uns 40 ou 45 becerros ao ano, case todos de menos de 10 meses e marcados de Suprema e José Manuel síntese prexudicado pola estratexia de comercialización que, di, emprega o Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega. “Ternera Gallega está controlada por Coren e por catro cebadeiros e usan a foto da Suprema para vender a outra”, afirma.

“Teño parentes en Barcelona e dinme que moitas veces a Ternera Gallega Suprema está alí ao dobre de prezo que aquí, pero nós non cobramos ao dobre de prezo, temos só céntimos de marxe, porque ás veces imos mesmo por debaixo dos cebadeiros en prezo. Iso é globalización, é como producir carne aquí e vendela en China, eu non lle vexo sentido, porque ese incremento de valor queda polo camiño, non vai ao produtor”, quéixase.

En Barcelona a carne véndese ao dobre que aquí, pero ese valor a nós non nos repercute, ás veces imos por debaixo dos cebadeiros en prezo, traballamos con céntimos de marxe nada máis

“A agricultura hoxe segue funcionando así, con explotacións familiares, porque ao Banco Santander non lle é rendible meterse nisto, pero están acabando co pequeno e mediano agricultor e cando acaben con todos nós entrarán as grandes empresas tamén neste sector”, opina.

Concentración de partos

Unha das teimas do Consello Regulador é que os produtores de Ternera Gallega fagan concentración de partos para deste xeito regular a oferta durante todo o ano e evitar a caída de prezos que habitualmente se dá en primavera por sobreoferta. Sen embargo, José Manuel dubida de que esta medida fose resolver os problemas de baixos prezos que vive o sector. “Se todos optamos agora por concentrar os partos non amañamos nada porque teriamos o mesmo problema noutra época”, asegura.

No seu caso, ten os nacementos repartidos ao longo de todo o ano. “Levamos uns anos nos que case se defenden os becerros mellor en decembro que no verán”, di. “Concentrar os partos ten vantaxes e inconvintes, pero cando tes enfocada a actividade dun xeito cambiar o manexo non é doado, necesitas un período de adaptación”, admite.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información