A Casa do Mel de Goente logra financiamento para continuar co programa de selección xenética da abella negra local

A Deputación da Coruña destina preto de 20.000 euros a un proxecto que permitirá recuperar e mellorar a liña autóctona da abella negra, aumentando a produtividade e a calidade da mel

A Casa do Mel de Goente logra financiamento para continuar co programa de selección xenética da abella negra local

Valentín González Formoso e Manuel Ferreira durante a sinatura do convenio.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o presidente da Asociación Apicultores Casa do Mel, Manuel Ferreira, acompañados da concelleira de Turismo do Concello das Pontes, Elena López, asinaron este luns o convenio polo que a institución provincial financia o programa para a selección, reprodución e mellora xenética da abella negra local que está a desenvolver a Casa do Mel situada en Goente.

A achega provincial, que ascende aos 18.499,44 euros, permitirá executar o plan de recuperación e mellora xenética da abella local que se elaborou co asesoramento da Oficina de Transferencia da Investigación da Universidade de Murcia e da doutora experta na materia, Pilar de la Rúa Tarín.

Segundo argumentan desde a Casa do Mel, a recuperación da abella negra local presenta unha dobre vertente positiva, xa que non só repercute na biodiversidade da especie, na conservación e protección dos ecosistemas e da paisaxe do territorio nos que se recupera e fixa a poboación, senón que tamén permite lograr unha maior produción co consumo de menos recursos, debido á mellor adaptación desta abella ao medio e a súa resistencia ás enfermidades máis comúns.

Os piares para recuperar a abella local

Os obxectivos específicos do proxecto que se propón englóbanse en tres puntos principais. Por unha banda búscase recuperar e conservar a abella local, logo de anos de introdución de liñas de abella italiana con cruzamentos e hibridación coa autóctona. Tamén procuran a mellora xenética da abella local para manter a súa adaptación ao medio e mellorar algunha das características produtivas, sanitarias e de mansedume. O proxecto pretende ademais conseguir a expansión da abella local entre os apicultores do territorio para que poidan obter unha maior produtividade, reducir as perdas, ampliar a supervivencia dos enxames e, en definitiva, ter unha mellora no rendemento das explotacións.

Manuel Ferreira explicou que a importancia do programa radica en que “a abella negra sufriu unha forte erosión xenética nos últimos tempos debida á merma das colonias e a importación de razas foráneas, que tivo como consecuencia a aparición e rápida difusión de colonias híbridas, poñendo en perigo a subsistencia da abella local que queremos manter”.

Pola súa banda, durante a sinatura do convenio,Valentín González Formoso destacou o traballo que se fai desde a Casa do Mel que viu incrementada a súa actividade exponencialmente nos últimos anos debido á incorporación de novos socios. Ademais, subliñou que realiza un labor moi importante que repercute na economía local, comercializando no pequeno comercio o excedente de mel que produce, contribuíndo á promoción dun produto típico e local como o mel, e ademais proporciona información, formación e especialización aos apicultores para que estes acaden unha maior produtividade, un incremento na calidade dos seus produtos e, polo tanto, unha maior penetración e diferenciación no mercado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información