Casa Macán incorpora ao seu proxecto ás cooperativas Tierra Llana e Mopán

A queixaría, centrada na produción de Arzúa - Ulloa, Tetilla e queixos industriais, aspira a converterse no "brazo industrial do cooperativismo galego"

Casa Macán incorpora ao seu proxecto ás cooperativas Tierra Llana e Mopán

Casa Macán conta cunha amplia liña de produtos tradicionais e industriais.

O novo director xeral da queixaría Casa Macán, Roberto Casas, afirma que esta empresa, con sede no municipio lucense de Taboada, ten a firma intención de converterse no “brazo industrial do cooperativismo galego” para situar nos mercados “un produto de calidade”. Casa Macán está pechando estes días a incorporación ao seu conxunto de accionistas das cooperativas Tierra Llana e Mopán.

Roberto Casas precisou que a incorporación da cooperativa Tierra Llana ao seu proxecto empresarial non é máis “que un primeiro paso”, porque os obxectivos desta empresa son moito máis ambiciosos a medio prazo.
Dende o seu punto de vista, neste momento non está convenientemente representada no mercado a produción láctea de “calidade” que se realiza nas explotacións galegas, a pesar de que o leite que sae de Galicia equivale ao “40% do que se produce” en toda España.

O seu obxectivo, agora á fronte de Casa Macán, é converter á marca “nun referente dos produtos galegos de calidade” e, ao mesmo tempo, que se perciba un forte vínculo co movemento cooperativo.
“Trátase tamén de axudar ás cooperativas para que poidan fortalecerse, de modo que se buscarán “socios comprometidos, que estean dispostos a apostar firmemente por este proxecto, dende un punto de vista verdadeiramente cooperativo”.

Colaboración con Tierra Llana
O director xeral de Casa Macán, que antes fora xerente de Alimentos Lácteos, precisou que a empresa de Taboada comezou a traballar coa cooperativa Tierra Llana, formada por uns trinta e cinco socios -a maioría da bisbarra de Terra Chá (Lugo)-, o pasado 1 de maio.

Agora, o obxectivo da empresa é absorber antes de final de ano o 100% da súa produción, cifrada nuns 650.000 quilos ao mes.

Por outra parte, xa traballaban para Casa Macán “uns 30 produtores propios”, pero a empresa fomentará que se vaian “incorporando ás cooperativas” coas que ten pensado traballar a partir de agora.

Na xornada de hoxe, confirmouse tamén o ingreso da cooperativa Mopán (Monterroso) no conxunto de accionistas de Casa Macán, segundo pública La Voz de Galicia.

A queixaría céntrase na produción de queixos da DO Arzúa – Ulloa e Tetilla, así como nos queixos industriais (barra, loncheados, etc.).

Información elaborada con aportacións de José Luis Ramudo (Lugo).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información