Casa Louzao, exemplo de manexo sanitario profesional nunha granxa de vacún de carne

Miguel Ángel Díaz e Soraya Fernández están á fronte de Casa Louzao, unha gandería de vacún de carne da Fonsagrada (Lugo) con 140 reprodutoras que pon énfase na prevención de enfermidades no gando, a través da ADSG Fonsega. Falamos con eles tamén da súa experiencia comercializando gando para Asturias e Galicia

Miguel e Soraya, xunto ás súas vacas en Teixeira de Pacios, na Fonsagrada

Miguel e Soraya, xunto ás súas vacas en Teixeira de Pacios, na Fonsagrada

Ao igual que antes aconteceu coas explotacións de leite, as ganderías de vacún de carne están a gañar tamaño e a profesionalizarse. Unha parte fundamental nese proceso é a estandarización dos protocolos sanitarios contra as principais enfermidades.

Casa Louzao é unha granxa familiar da Fonsagrada situada en Teixeira de Pacios que forma parte da ADSG Fonsega. Os seus titulares, o matrimonio formado por Miguel Ángel Díaz e Soraya Fernández, centran os seus esforzos na prevención, algo que o ano pasado lles deu bos resultados fronte á EHE.

Atenden a granxa coa axuda de Horacio, o irmán de Miguel, que forma parte da explotación como traballador asalariado. Soraya foi a primeira en incorporarse, no ano 2014, collendo a gandería dos seus pais, e Miguel sumouse ao proxecto fai 5 anos poñéndose á fronte tamén da da súa familia, polo que seguen conservando os dous CEAs.

Non concentramos os partos; iso permítenos ter xatos para vender durante todo o ano

Manexan o gando en extensivo e non concentran os partos, senón que as 140 vacas que teñen van parindo repartidas ao longo do ano. “Iso permítenos ter xatos para vender todo o ano”, conta Miguel.

Comercializan en Galicia e Asturias

Nas nodrizas traballan principalmente coa raza asturiana, aínda que teñen tamén algunhas reprodutoras de raza rubia galega. O gando está en extensivo, agás o período de cebo dos becerros, que realizan dentro con herba seca e penso a libre disposición a partir dos 7 meses, tras un proceso de destete progresivo para que os animais noten menos o cambio. 

Comercializan os xatos a través de tratantes que os levan para matadoiros de Galicia e Asturias. “Agora non hai tanta diferenza no prezo, pero até fai un ano había mellores prezos en Asturias ca aquí, unha diferenza de 80 céntimos ou un euro en quilo”, explica.

Eu son partidario de que Ternera Gallega nos permitira ampliar a idade de sacrificio de Suprema até os 12 meses, porque é cando o xato gaña quilos

En Galicia comercializan baixo o selo de Ternera Gallega Suprema, o que os obriga a sacrificar antes dos 10 meses, mentres que para Asturias alongan a idade de sacrificio até os 12-13 meses.

“Eu son partidario de que Ternera Gallega nos deixara ampliar a idade de sacrificio até o ano, porque é cando o xato medra de verdade. Un xato de 10 meses pode pesar 230 quilos en canal, pero cando vai para Asturias con 13 meses a ese mesmo xato pódeslle sacar un rendemento de 450 kg/canal”, di.

Manexo en extensivo

GANDERIA LOUZAO (A Fonsagrada)Dispoñen dunha superficie de 128 hectáreas, todas a pastizais. Na primavera, cos excedentes, fan silo de herba para suplementar o gando no inverno. Até agora facían eles tamén o traballo agrario, aínda que este ano optaron por contratar algunhas labores.

“Gústanos facer bastante forraxe para que os animais pasen o inverno tranquilos e nós tamén, claro. Aquí os invernos poden ser duros. Estamos cerca dos 800 metros de altitude e chega a nevar”, explica Miguel. 

As vacas están fóra todo o ano, non as encuadramos no inverno

É unha zona onde hai presenza de lobo e contan con mastíns para defender o gando. “Tiveramos unha baixa e desde entón temos os mastíns”, conta. Traballan normalmente con 4 lotes de gando diferentes e a súa intención é aumentar un pouco máis ao número de cabezas “para non ir tan xustos no cumprimento da carga gandeira que nos esixe a Administración”, explican.

Aposta pola prevención

Forman parte da ADSG Fonsega desde os seus inicios, fai xa máis de 20 anos, nos que levan traballando na prevención de enfermidades como IBR, BVD, neospora ou paratuberculose, tendo nos programas de vacinación unha das principais ferramentas.

A vacinación é unha das principais ferramentas de bioseguridade nunha gandería de vacún

“Somos defensores das vacinas. Eu penso que é importante que as haxa para poder loitar contra as novas enfermidades que están a vir, como a EHE, igual que foron importantes para controlar outras enfermidades tanto en animais como en humanos”, insiste Soraya, que pide á Administración que financie o custo das vacinas como elemento de prevención contra enfermidades como a EHE.

Un terzo das ganderías do municipio da Fonsagrada comunicaron no 2024 casos de EHE

Un terzo das ganderías asentadas no municipio da Fonsagrada comunicaron no 2024 casos de EHE que se confirmaron posteriormente coas análises serolóxicos realizados aos animais. Coma eles, o 60% das ganderías da ADSG vacinaron para EHE o ano pasado, un nivel de cobertura que se incrementou este ano até o 99%.

A área máis afectada foron as parroquias da zona sur do concello, onde os primeiros brotes da enfermidade chegaron antes de que estivese dispoñible a vacina, polo que a campaña de vacinación da ADSG centrouse nun primeiro momento na zona norte para tratar de poñer unha barreira de contención ao avance do virus.

Subvencionar a vacinación fronte á EHE

Revacinación fronte á EHE esta primavera na gandería Casa Louzao

Revacinación fronte á EHE esta primavera na gandería Casa Louzao

Por iso, Miguel e Soraya consideran unha contradición que ganderías como a súa, que fixeron o esforzo económico de vacinar os seus animais o ano pasado contra a EHE para evitar a enfermidade, non recibiran ningún tipo de axuda, mentres que as ganderías que non vacinaron e tiveron casos positivos recibiron indemnizacións polos animais enfermos e 20 euros por cabeza para gastos en repelentes de insectos.

“Eu non digo que non se teña que haber axudas para as granxas que sufriron casos de EHE, todo o contrario, pero tamén as debería haber para as granxas que non os tivemos, porque tamén tivemos gastos”, argumenta Miguel.

É unha contradición que os que vacinamos para non ter casos non recibamos ningún tipo de axuda

Por iso, piden que se subvencione a vacinación dos animais, como ocorre xa noutras comunidades autónomas, por exemplo en Cantabria, así como a aplicación de desinsectantes  que reducen a presenza do mosquito culicoide, responsable da transmisión da enfermidade, para evitar deste xeito o risco de contaxio.

“Nós vacinamos todas as vacas nodrizas e os touros. Tamén algunha xata de recría que sabiamos que ía quedar na casa, pero non os becerros para cebar e mandar ao matadoiro, porque en animais novos os efectos da EHE din que son máis leves e pasan mellor a enfermidade en caso de contaxiarse”, di.

“Pensamos que foi un acerto ter vacinado, porque non é só o custo que che ten a perda dun animal ou as consecuencias sobre a reprodución no conxunto do rabaño, como os posibles casos de abortos ou a baixada da fertilidade, senón o trastorno que che supón ter que separar e tratar animais”, xustifica.

En contra dos baleiros sanitarios

Miguel non comparte tampouco o criterio da Administración á hora de facer baleirados sanitarios para erradicar por completo enfermidades como a tuberculose, unha vez que Galicia xa se considera libre da enfermidade.

As axudas non che compensan o traballo de moitos anos de ir seleccionando animais

“As axudas non che compensan o custo económico real de volver ter o mesmo rabaño, porque xa coñeces os animais que tes, é o traballo de moitos anos de ir seleccionando, con máis ou menos acerto”, di.

Ademais, considera que no caso da tuberculose, “unha parte importante do risco que existe hoxe en día débese á abundancia de fauna salvaxe porque texóns, raposos, xabaríns ou corzos actúan como portadores”, alerta.

Programas de bioseguridade adaptados a cada granxa

Os programas sanitarios da ADS Fonsega adáptanse á realidade de cada explotación socia e aos problemas que poida ter cada unha de xeito individual. No caso de Casa Louzao, fai anos tiveron un brote de BVD que controlaron mediante a vacinación, que neste momento xa non están a aplicar.

Tampouco no caso de IBR, xa que non teñen ningún animal positivo no rabaño e están valorando meterse no Programa nacional de loita contra a enfermidade, que neste momento é voluntario e que fomenta que non se vacine nas ganderías que estean libres de IBR. 

O elemento clave para tomar as decisións de vacinación está nos mostreos de control que se realizan todos os anos mediante sangrados. No caso de Casa Louzao, sangran anualmente a totalidade das reprodutoras para control de enfermidades como IBR, BVD, neospora ou paratuberculose.

A clave para que unha ADS funcione é a implicación dos gandeiros

Con respecto aos parásitos, faise análise coprolóxica nos excrementos e desparasítase o rabaño en función da carga parasitaria que teñan os animais, aplicando un produto ou outro en función dos resultados das análises.

Tanto Miguel como Soraya defenden a utilidade de pertencer a unha Asociación de Defensa Sanitaria e destacan o funcionamento de Fonsega. “A ADS da Fonsagrada foi montada por gandeiros e esa é a clave para que funcione, a implicación tanto dos gandeiros como dos dous veterinarios da ADS, que é total. Nós comezamos a facer analíticas de diarrea grazas a eles”, exemplifica. “O funcionamento desta ADS non o ten ningunha outra de Galicia”, remarcan.

Só 2 de cada 10 ganderías de carne galegas están dentro dunha ADS

Miguel, na manga de manexo do gando xunto a Pablo, o veterinario da ADSG, nunha das visitas á explotación

Miguel, na manga de manexo do gando xunto a Pablo, o veterinario da ADSG, nunha visita á explotación

A ADSG Fonsega constituíuse no ano 2003 por iniciativa dun grupo de gandeiros do concello da Fonsagrada con intereses comúns no control de  enfermidades que afectaban aos seus rabaños, como IBR, BVD, neospora ou paratuberculose.

Ese obxectivo, que partiu dos propios gandeiros, mantense intacto, pero á listaxe de enfermidades foise engadindo a prioridade actual de poder facer fronte a enfermidades emerxentes que van xurdindo na comarca, como a EHE.

A ADSG Fonsega constituíuse no ano 2003 por iniciativa dun grupo de gandeiros con interese en controlar enfermidades como IBR, BVD, neospora ou paratuberculose nos seus rabaños

Forman parte da ADSG Fonsega actualmente 141 ganderías dos municipios de A Fonsagrada e Neguieira de Muñiz, a maioría ganderías de vacún de carne con sistemas de manexo en extensivo ou semiextensivo, cun censo  total de 8.700 animais, dos que uns 5.700 son vacas reprodutoras.

Dous veterinarios, Páblo Béjar e Saleta Pastor, encárganse de levar a cabo os distintos programas nas explotacións e salientan a implicación dos gandeiros.

Fonsega ten un censo total de 8.700 animais e dispón de con dous veterinarios, Pablo Béjar e Saleta Pastor

Galicia conta con medio cento de Asociacións de Defensa Sanitaria Gandeira, na maioría dos casos centradas no vacún de leite. Por iso, as comarcas leiteiras do interior das provincias de Lugo e A Coruña son as que concentran o maior número de ADSG na comunidade. 

Case 7 de cada 10 explotacións leiteiras e 8 de cada 10 animais forman parte dunha ADSG, mentres que no vacún de carne só 2 de cada 10 granxas e 4 de cada 10 animais están dentro dunha ADSG, que aglutinan sobre todo ás ganderías de maior tamaño, cun censo medio de 35 animais por explotación.

Os casos de ADSG vinculadas a ganderías de carne son menos frecuentes en Galicia que en explotacións de leite

Pertencer a unha Asociación de Defensa Sanitaria Gandeira ten carácter voluntario, aínda que nalgunhas axudas da Xunta, como plans de mellora, concédese un punto no baremo por pertenza a ADSG.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información