Casa Grande de Xanceda, unha granxa familiar ecolóxica galega, celebrou este sábado unha peculiar cabalgata: A Vacalgata. A única cabalgata do mundo onde as Súas Maxestades levaron unha comitiva real ¡de vacas! Ademais, os Magos non chegaron en camelos, senón en tractocarrozas engalanadas para a ocasión.
“No rural non temos grandes avenidas iluminadas nin rúas cheas de turistas, pero o Nadal Rural tamén é atractivo, rompedor e, ademais, responsable co territorio que habita”, explica a responsable de marketing de Casa Grande de Xanceda, Sara Torreiro. “Tamén queremos homenaxear ao sector primario e remarcar a importancia do consumo ecolóxico e de proximidade”, sinala.
Unha visita máxica
As persoas asistentes puideron contemplar o desfile das Súas Maxestades custodiadas polo cortexo vacún, un can pastor, entre outras novidades. Ademais, a granxa foi decorada para a ocasión e preparada con actividades como manualidades, contacontos ou degustacións.
Desde a granxa explican que “apostaron pola madeira” para a decoración. “O elemento central é o monumento rural A Vaca e o Carballo, que tallamos a partir dun impoñente castiñeiro centenario que tombou un temporal. Esta foi a nosa maneira de devolvelo á vida”. Ademais, detallan que “a iluminación está instalada nunha zona moi concreta da granxa para que non moleste ás aves nocturnas nin cause contaminación lumínica”.
A asistencia ao evento foi gratuíta e concluíu cunha chocolatada con churros para todas as persoas asistentes.