Casa Grande de Xanceda deu un novo paso na súa estratexia de crecemento coa inauguración da súa kombuchería ecolóxica, a primeira e única planta dedicada á produción desta bebida fermentada en Galicia. A instalación, situada na propia finca da compañía en Mesía (A Coruña), representa unha aposta pola innovación, a diversificación e a creación de valor engadido no rural galego -segundo explican en nota de prensa-, cun investimento previsto de entre un e un millón e medio de euros entre os anos 2025 e 2027.
A nova planta nace coa vocación de converterse nun referente no mercado galego e estatal da kombucha, unha bebida baseada en te fermentado que gaña cada vez máis presenza entre os consumidores, que buscan alternativas saudables aos refrescos tradicionais. Segundo a empresa, as instalacións están preparadas para alcanzar unha capacidade produtiva máxima de 2,5 millóns de botellas anuais, o que permitirá responder ao crecemento da demanda nos próximos anos.
A inauguración reuniu representantes da empresa, autoridades autonómicas e locais, provedores e colaboradores. Durante o acto, a socia de Casa Grande de Xanceda, Cristina Fernández-Armesto, reivindicou a capacidade do rural para xerar proxectos innovadores sen renunciar á súa esencia.
A responsable lembrou a evolución da granxa familiar desde a súa fundación hai seis décadas e explicou que a idea de producir kombucha xurdiu hai oito anos, cando a compañía entrou en contacto con esta bebida a través dunha emprendedora estadounidense asentada en Galicia.
Pola súa banda, o director xerente, Guillermo Martínez, destacou a transformación dun antigo establo de vacas nun moderno espazo de fermentación integrado na paisaxe da explotación. O edificio, de arredor de 1.000 metros cadrados, combina madeira, luz natural e materiais acordes coa contorna para crear unha instalación funcional e sostible.
Estrea nova imaxe do produto cun distintivo que resalta a súa orixe galega e a trazabilidade
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, puxo en valor a capacidade da firma para innovar mantendo os principios de sustentabilidade, benestar animal e respecto polo territorio. Ademais, sinalou que proxectos coma este contribúen a construír un rural máis competitivo, dinámico e atractivo para as novas xeracións.
Casa Grande de Xanceda produce kombucha desde hai tres anos utilizando infraestruturas externas, pero a apertura da nova planta permitirá centralizar a actividade na propia granxa e reforzar o seu compromiso coa creación de riqueza na contorna. Coincidindo coa inauguración, a compañía lanzou ao mercado unha nova variedade, Paixón Tropical, elaborada con pexego e froita da paixón, que se suma ás referencias Lemon Verbena, con cítricos, e Maxical Berries, con froitos vermellos e hibisco.
A empresa aproveitou tamén a presentación para estrear unha nova imaxe do produto, incorporando un distintivo que destaca a súa orixe galega e a trazabilidade. Con este proxecto, Casa Grande de Xanceda busca consolidar a súa presenza no segmento dos fermentados e demostrar que o rural galego pode liderar iniciativas de vangarda ligadas á innovación alimentaria, á sustentabilidade e ao desenvolvemento económico do territorio.
Galego









Control OJD