
Luis Carballo co seu rabaño
Dobre aproveitamento, coñecemento previo, facilidade de parto, lonxevidade…foron moitos os motivos que levaron a Luis Carballo a traballar exclusivamente coa raza fleckvieh. “Eu xa coñecía estas vacas de cando traballei en Suiza. Ao regresar, tiña claro que estes animais eran a mellor opción. Os primeiros tróuxenos de Tauste (Zaragoza), que era o único lugar de España onde os había. Agora xa levo anos traendo exemplares directamente de Austria a través da empresa Ganados Barreira Bascuas.”. Máis aínda, as vacas de Casa do Alto están dentro do programa de mellora xenética de Fleckvieh Austria, a asociación gandeira do país.
Carballo é todo un referente en geneticAustria, o proveedor de orixe, xa que todos os anos adquire algún exemplar. Esto débese a que esta é unha das poucas granxas galegas que non fan recría. “Calquera animal que nace aquí, sae para os cebadeiros ao cabo de entre 20 e 30 días. Son xatos e xatas que adquiren volume con facilidade porque son cruzamentos de nai fleckvieh e pai azul belga. Agora estamos nun momento dos mellores que eu lembro no mercado e chegan a pagar ata 600 euros por cada macho e 500 polas femias.”
Antes do azul belga, Carballo empregaba doses de limousin pero a facilidade de parto era menor. “Estes animais xa son grandes por si mesmos polo que hai que ter coidado ao cruzalos. No último ano cadrou que o veterinario veu dúas veces asistir partos pero hai anos en que non vén para nada porque non é necesario.” O sistema de pastoreo que emprega é outro dos motivos que o levou a prescindir da recría e a centrarse nunha soa raza. “Empezamos combinando pastoreo durante o día con parrillas e cubículos, como calquera sistema semiintensivo convencional. Pero as fleckvieh necesitan máis espazo e ademais medran moito co consumo de concentrados, dos que daquela requerían moita cantidade. Estívenme asesorando e din o paso a pastoreo ecolóxico, que tamén está mellor pagado.”
Nos cruzamentos hai un importante aforro xa que non hai que recurrir á selección xenetica. Carballo utiliza seme convencional dos touros azul belga dispoñibles. O feito de non haber recría permite non ter que preocuparse por aspectos como consanguinidade, porcentaxe de femias, custo do seme sexado ou elección de touros. “Eu podo permitir que as inseminacións fallen incluso cinco veces. Porque as fleckvieh tardan en secar e poden estar ata dous anos dando leite. A nosa media é baixa comparada coas frisoas pero aínda nos últimos días de lactación, mantéñense preto desa media do rabaño.” Eso si, se a quinta dose falla, o que se fai é vender a vaca para matadoiro ou rematar de cebala como vacún vello.
Luis manexa un rabaño dunhas 40 vacas das que 30 están en produción e o resto secas en transición. Tamén ceba exemplares que xa non empreñan para vendelos como vacún vello, que está agora moi demandado. De feito, ten algún xa case cebado polo que se pagan ata 4.000 euros. A lonxevidade é un sinal distintivo desta granxa. Aínda quedan vacas nacidas no 2008 e no 2011 e a media de partos é de 7,5 por vaca, se ben algunha xa chegou ata dez. “Os animais están moito mellor coidados. Só veñen á nave cando hai que muxilas ou se cae unha treboada forte. O resto da vida pásano no prado. Eso repercute moi positivamente na súa saúde e apenas hai problemas de mamite. O único inconveniente son as pistas de area ou zahorra que lles poden causar algún dano nas pezuñas. Eso correxímolo con visitas periódicas dos podólogos para atallar infeccións ou coxeiras.” Durante a parte final do secado, algunhas vacas son separadas do rabaño e ubicadas nun espazo habilitado na nave.
“Aparte da herba que consumen no prado e do silo, completamos a alimentación con forraxe de avea. Normalmente chéganos con dous camións cada ano, unhas 40 toneladas”, Luís Carballo
A granxa traballa un total de 49 hectáreas das que 18 son arrendadas. A meirande parte delas están preto da sala de muxir, de xeito que a distancia máis grande que percorren as vacas é duns 400 metros. Tamén hai algunha parcela situada algo máis lonxe que se utiliza para que pazan as vacas de desvelle e como reserva para producir silo de herba. “Aparte da herba que consumen no prado e do silo, completamos a alimentación con forraxe de avea. Normalmente chéganos con dous camións cada ano, unhas 40 toneladas, que mercamos a unha empresa de Benavente”. A avea cómena principalmente mentres agardan na nave para seren muxidas. O que non comen nunca é penso porque, aínda que Carballo podería utilizar concentrados autorizados para gandería ecolóxica, non os considera necesarios.
A muxidura faise ás 6,45 da mañá. Optouse por muxir só unha vez diaria por falta de man de obra e por dispoñer de máis tempo libre. Por outro lado, ao estar case sempre no prado pastando, as vacas gozan de mellor saúde e non se lles disparan as células somáticas malia reducir a frecuencia de muxido. “Aínda que as parcelas están bastante preto da explotación, aforrámoslles unha viaxe ata a sala. Así a produción non baixa e as patas non se lles resinten e están máis tranquilas. As vacas de alta produción, como son as frisoas en intensivo, si que precisan de cantas máis muxiduras mellor para evitar enfermidades da ubre.”
Para muxir, contan cunha sala de oito puntos que non se modificou dende que estaban en semiintensivo. Antes de entrar na sala, as vacas permanecen na nave nun sistema de cama quente con palla de Castela. “Normalmente mercamos a palla entre varios gandeiros e imos cambiando de proveedor. O habitual é que sexa suficiente cun camión (20 toneladas) e uns poucos rolos. Cando se acaba, empregamos herba seca que foi quedando e perdeu calidade.” Ese esterco é recollido unha vez á semana na parte lindeira coa sala e unha vez ao mes na máis alonxada, e utilízase como un fertilizante do máis eficiente que complementa a fertilización directa que fan as vacas no prado.
Aínda que varía en función da época do ano, a produción media diaria por vaca é de 12,5 litros e os sólidos sitúanse nun 4,5 de graxa e un 3,6 de proteína. Unhas cifras que se acadan polas propias características da raza fleckvieh e polo manexo que se fai en Casa do Alto. “Na primavera hai algunha semana que deixo vacas na corte e doulles só silo de herba ou avea. Porque, ao estar a herba con moita forza, pódese disparar a produción e provocar problemas de mastite.” O leite véndenllo a Lactalis nun contrato semestral, que premia o feito de producir en ecolóxico así como o alto nivel de sólidos.
“Hai que ter coidado co pasto excesivamente vigoroso porque pode disparar a produción e provocar mastite”
O escaso uso da maquinaria é outro dos rasgos que caracterizan a Casa do Alto. Con dous tractores, un remolque, unha rotativa e unha rotoempacadora faise prácticamente todo o traballo. “A rotativa úsoa para picar a herba naqueles prados onde estiveron as vacas e quedou tan pegada ao chan que xa non a podían comer. Pícoa cun sistema de discos, que é menos agresivo que o de martelos que utilizaba antes. O remolque é esencialmente para sacar o esterco da cama quente que temos na nave onde se moxe. E coa rotoempacadora fago os rolos nas parcelas onde non se pastorea.”
Visita de especialistas na raza Fleckvieh
Por tratarse dun modelo tan pouco habitual, diferentes colectivos e granxas que traballan coa raza fleckvieh quixeron coñecer de primeira man o sistema co que se traballa en Casa do Alto. Alexander Manrique, de geneticAustria, Antonio Barreira, de Ganados Barreira Bascuas, Lukas Kalcher, de Rinderzucht Austria, Anna Preischer, de Fleckvieh Austria e Sandra Aras e Ernesto Zulueta, de Ganadería Ametsleku (Biscaia) visitaron a explotación e intercambiaron impresións con Luis Carballo.

Representantes de geneticAustria, Amatsleku, Rinderzucht Austria, Barreira Bascuas e Fleckvieh Austria na explotación
O 80% das vacas de leite en Austria son da raza Fleckvieh, a porcentaxe máis alta do mundo
Tamén sinalou que “cada vez son máis os gandeiros españois que apostan pola raza Fleckvieh austríaca para consolidar as súas explotacións con animais produtivos, lonxevos e rústicos”. “Desde geneticAUSTRIA seguimos acompañando ese crecemento, provendo de seme, embrións e animais vivos directamente desde Austria e animando aos criadores locais a participar en programas de recollida de datos e mellora xenética co obxectivo de fortalecer a cabana e asegurar a súa evolución constante. Austria segue sendo o referente mundial en selección e desenvolvemento xenético Fleckvieh e traballamos cada día para que esa excelencia chegue a máis gandeiros en España”, explicou Alexander Manrique.
“Dentro da raza fleckvieh hai a liña máis cárnica e a liña de doble aproveitamento leiteiro/cárnico. A comezos de século houbo problemas en España porque se mercaban para explotacións leiteiras animais que só tiñan aptitude cárnica. Foi un problema de falta de información. Hoxe o 80% da cabana nacional de vacún leiteiro en Austria está formada pola Fleckvieh, o que nos converte en especialistas nesta raza. Non somos o país coa poboación máis grande do mundo, pero si o pais coa porcentaxe racial Fleckvieh máis alto, grazas a un programa de mellora xenética ben orientado desde hai moitos anos”, engadiu.
Se ben o modelo de Casa do Alto é un caso case único, a idea en Austria é a mesma: apostar por vacas que cheguen como mínimo a unha media de 4,5 partos aínda que as lactacións non superen os 9.000 litros. “Dese xeito, o normal é que obteñamos dúas femias que quedarán para recría e dous machos que irán para os cebadeiros.”
Os propietarios de Ametsleku destacaron as diferencias entre a súa granxa e a de Luis Carballo. “Nós só dispoñemos de 24 hectáreas para 200 vacas, a metade delas fleckvieh e a outra metade frisoa. Temos que traballar en intensivo e a meirande parte da alimentación é comprada. O que fixemos foi mercar dous robots, un para cada raza cuns 60 animais por robot. Estamos vendo que as fleckvieh teñen unha media diaria de 30 litros pero cunha cantidade de sólidos que supera moito á das frisoas. E outra grande vantaxe é a cantidade de partos. Nós empezamos en 2020 e temos animais xa no quinto parto, cando coas frisoas rara vez pasamos dunha media de 2,5.”
No que si coinciden ambas explotacións é na xestión dos concentrados. En Casa do Alto non os usan de ningún tipo e en Ametsleku tenden a reducir o seu consumo. “Actualmente xa facemos unha ración diferente para cada raza. E é porque as fleckvieh non comulgan moito cos pensos. E cremos que a tendencia é a de reducir cada vez máis os concentrados.” Coinciden, ademais, na escasa utilización de maquinaria. “Nos dedicamos as nosas hectáreas a que pazan as novillas e as vacas secas. Se quixeramos poñelas a producir millo ou outras forraxes de alta produción, teriamos que investir en maquinaria ou en encargar os traballos a empresas externas. O que facemos é aproveitar que temos alfalfa e millo preto da nosa zona e a bon prezo.”
Carballo rematou explicando que en Casa do Alto poderían ter ata 60 vacas en produción tanto polo tamaño da sala como pola capacidade de traballo. Pero ve difícil chegar a esa cifra porque os terreos dispoñibles que hai na contorna non son axeitados para o seu modelo.