Casa Devesa: Unha gandería que aposta pola polpa de mazá na ración das vacas

Desde que fai seis anos esta granxa familiar ubicada na parroquia monfortina de Baamorto construíu unha nave nova non parou de medrar e de intensificar o seu proceso produtivo. Falamos con Francisco Javier Losada dos cambios que fixo nestes anos, como o de externalizar a recría ou o de ensilar polpa de mazá 

Casa Devesa: Unha gandería que aposta pola polpa de mazá na ración das vacas

Francisco Javier Losada, propietario da gandería Casa Devesa

En terras que en tempos do seu avó eran viñedos, Francisco Javier Losada mantén hoxe unha gandería de vacún de leite con 230 cabezas nunha zona na que producir o chamado ouro branco obriga a depender en boa medida de insumos externos. Malia iso, nos últimos anos fixo un esforzo importante en novas instalacións que agora quere optimizar levando a recría ao novo centro creado na Granxa Gayoso Castro dependente da Deputación de Lugo.

“Apostamos polo intensivo e aínda que esta non é unha zona óptima para producir leite, estamos pelexando para medrar”, explica Francisco Javier. Na actualidade en Casa Devesa moxen 117 vacas, aínda que cando dentro dun ano acabe de sacar a recría (de momento comezou por enviar á granxa Gayoso Castro os animais que van nacendo, pero mantén na explotación os que naceron antes da posta en funcionamento do centro de recría ubicado en Castro de Rei) adaptará a nave que hoxe ocupan as becerras para as vacas secas e o preparto, aumentando así a capacidade actual da nave de produción até chegar a 135 animais totais en muxidura, que é o obxectivo que pretende lograr a curto prazo.

O principal hándicap que ten esta explotación ubicada no lugar das Devesas, na parroquia monfortina de Santa María de Baamorto, son as condicións do terreo e a climatoloxía da zona. “As terras da explotación eran todo viñedo en época do meu avó. Son terreos secos nos que é difícil producir outro tipo de forraxe que non sexa herba. Probei con sorgo e con millo, pero levas moitas decepcións e a partir de agora co cambio climático será imposible producir aquí calquera deses cultivos”, recoñece Francisco Javier.

Esta circunstancia obriga a Casa Devesa a mercar a maioría dos compoñentes que forman a ración diaria do gando. Por tanto, a rendibilidade da explotación está condicionada en boa medida polos prezos de adquisición de materias primas existentes en cada momento. “Nós facemos herba seca e silo de herba, o resto é todo mercado”, explica.

Ensilado de polpa de mazá

Ademais do concentrado, esta explotación merca salvado de trigo e palla e para ensilar millo e polpa de mazá. “Ademais de millo, o pasado ano ensilamos por primeira vez polpa de mazá”, conta Francisco Javier. A ración das vacas en produción está composta deste xeito por silo de herba, silo de millo, silo de polpa de mazá, herba seca ou palla e penso, mentres que a das vacas secas e das xovencas componse de herba seca, penso e silo de herba.

A polpa de mazá é o subproduto resultante da industria de fabricación de sidra e de zume de mazá. O residuo esta formado pola pel, o mesocarpio do froito espremido, a semente e os rabos. Calcúlase que se obteñen uns 20 quilos desta especie de bagazo por cada 100 quilos de mazá que entra no proceso. O contido en materia seca do residuo resultante é dun 20% e ensila ben, ao alcanzar un pH que ronda o 3,5, polo que é un alimento para o gando estable na súa conservación. Con todo, só se xustifica o seu uso en zonas próximas aos lugares de produción de sidra debido ao seu elevado custo de transporte.

 “A nós a polpa de mazá funciónanos ben”

Neste caso, Casa Devesa trae a polpa de mazá de Chantada. Custom Drinks, a empresa pertencente a Hijos de Rivera, que produce na súa factoría chantadina a sidra Maeloc, transformou na pasada campaña máis de 4 millóns de quilos de mazá, que unha vez procesadas xeran máis de medio millón de quilos de polpa, 500 toneladas dun residuo que ten deste xeito unha segunda vida para a alimentación do gando de leite.

Empregada coma un compoñente que permite aforrar concentrado en racións de ruminantes, considérase unha boa fonte enerxética dado o seu alto contido en azucres e pectinas, polo que incluído na ración das vacas en produción durante o primeiro terzo da lactancia, unha etapa na que a inxesta é normalmente insuficiente para suplir o que gasta o animal, -polo tanto, na que se xera un balance enerxético negativo-, axuda a corrixir este déficit e a incrementar a produción de leite.

Ademais, aumenta a apetencia e o consumo da ración por parte dos animais, aportando dozura e humidade á ración. “A nós funciónanos ben porque a nosa ración era bastante seca, antes ás veces mesmo lle engadiamos auga, pero ten o problema de que pode quecer no verán, deste xeito a auga apórtalla a propia mazá”, explica Francisco Javier.

O proceso é semellante ao ensilado de herba ou de millo, só cunha salvidade: “Tes que empezar a colocar de atrás para adiante cunha pala e non podes pisar porque te enterras, así que non se logra un silo de moita altura”, indica.

Media de 14 kilos de polpa de mazá na ración

A ración desta explotación monfortina, que busca a máxima produción, incorpora durante todo o ano unha media de 14 quilos de polpa de mazá, ademais de 12 de concentrado e 3 de salvado de trigo. Distintos estudos indican que a polpa de mazá subministrada a niveis altos pode ter consecuencias negativas, sendo limitante para asegurar un axeitado funcionamento ruminal, por posuír un baixo nivel de fibra efectiva, sendo pois fundamental asegurar a provisión de suficiente fibra larga na ración, a fin de estimular a rumia e salivación da vaca. Asimesmo, un subministro excesivo podería provocar unha menor produción de ácido acético no rume e, en consecuencia, unha baixada no contido de graxa no leite.

Con todo, Francisco Javier asegura que coa introdución da polpa de mazá non notaron un incremento de problemas de cetose e que a baixada na calidade non foi significativa para unha explotación coma a súa, que entrega a Celega a través da cooperativa Lemos, e que busca sobre todo litros.

11.635 litros de produción media e 4,02% de graxa

Os niveis nos que se move esta granxa de Monforte, segundo os datos do ano 2017, son 11.635 litros por vaca de produción media, con 4,02% de graxa e 3,18 de proteína. Iso si, fan tres muxidos desde hai 8 anos, mesmo antes de facer a nave nova, e Francisco Javier asegura que “o incremento de produción pagoume o empregado que contratei”.

Neste momento atenden a explotación el e dous traballadores e moxen ás sete e media da mañá, ás cinco da tarde e ás dez da noite nunha sala pequena de 12 puntos. “Andamos bastante xustos de persoal ao facer tres muxidos, así que esa foi outra das razóns que nos levou a externalizar a recría, por un lado para aforrar espazo na granxa e por outro tamén para aforrar tempo e poder adicalo a atender ás vacas en produción”, explica Francisco Javier.

Desde que abriu o centro de recría da Deputación de Lugo a comezos do pasado mes de xuño envía as becerras que lle van nacendo cando teñen 15 días de vida. Volverán á explotación próximas ao parto e ten que pagar 2,39 euros por animal por cada día que pasa nas instalacións de Castro de Rei. Casa Devesa está a empregar seme sexado en todas as xovencas para lograr chegar canto antes ao seu límite de capacidade. “Agora o sexado xa está a prezo”, considera Francisco Javier.

Ventilador que instalaron para refrescar as vacas

Ventilador que instalaron para refrescar as vacas

Crecemento importante nos últimos 6 anos

A historia desta explotación familiar remóntase a medio século atrás. “Xa en tempos do meu avó se comezou a producir leite e logo o meu pai fixo unha granxa de cochos como complemento ás vacas. Cando eu me incorporei no ano 1991 mercamos as vacas doutra explotación e reconvertemos as instalacións da granxa de cochos para metelas”, conta Francisco Javier, que a día de hoxe é o único titular da explotación.

Nesa nave de pequenas dimensións chegou a ter 60 vacas en produción e a facer tres muxidos. Agora está ocupada aínda con parte da recría (outra parte está fora por falta de capacidade) e a medida que vaia quedando libre pasarán a ocupar as vacas secas e as que vaian chegando da granxa Gayoso Castro próximas ao parto.

“No ano 2012, cando xa non daba para máis foi cando fixemos a nave nova”, explica. Pero o importante crecemento experimentado desde entón, con recría propia e xovencas mercadas, fixo que tan só dous anos despois da súa construción esa nave nova tivera xa que ser ampliada. Só seis anos despois de trasladar a produción ás instalacións actuais lograron duplicar o número de animais en muxidura, que seguirán medrando até a capacidade máxima das instalacións, de 135 vacas en produción.

Achegador de comida e cámaras de videovixiancia

De momento, Francisco Javier ten pensado estancarse aí. “Teño un fillo de 15 anos pero non sei se me vai seguir”, razoa. Aínda con esa incógnita, enfronta os vindeiros anos con optimismo: “Se as cousas non cambian e iso nunca se sabe porque o prezo do leite é cada vez máis volátil, estamos nun momento doce porque os investimentos máis importantes están feitos, aínda que isto é investimento continuo”, di.

O último adianto en incorporar á explotación foi un robot de empurrar a comida. “Antes faciamos até sete ou oito achegamentos ao día, así que por un lado é un enredo menos que temos que facer, algo do que nos despreocupamos, e por outro vainos servir para ter máis limpeza no pasillo de alimentación porque antes achegabamos a comida cun tractor pequeno que tamén usabamos para facer as camas, así que ás veces manchábase a comida coas rodas”, explica.

“A limpeza na zona de alimentación é moi importante”

Tamén para evitar ensuxar o pasillo de alimentación, e reducir deste xeito os desperdicios de comida, botaron formigón na entrada dos silos e no espazo que os separa da nave de produción. “A limpeza na zona de alimentación é moi importante, porque a vaca non come calquera cousa e se lle cheira a comida déixaa”, di.

Tamén veñen de poñer cámaras de videovixiancia tanto na granxa coma nas fincas do arredor. “Permítenos controlar as instalacións, controlar mellor os animais e tamén supervisar o traballo dos empregados para corrixir erros que se cometen”, di. Ademais, “os pobos quedan cada vez máis baleiros e está ben ter isto por seguridade”, engade.

Mellora no confort do gando

Entre os últimos investimentos está tamén a adquisición de ventiladores de teito de gran tamaño. “Aquí é moi necesario porque nos meses do verán vai calor, con temperaturas que superan os 30 graos”, indica. Ademais disto, explica, “para refrescalas regamos as vacas con auga cando están na sala de espera agardando para muxirse e logo témoslles uns ventiladores para secalas”. É unha combinación que funciona ben, di.

En canto á cama, antes empregaba serrín, pero co aumento de demanda que hai para pelets o seu prezo incrementouse moito, así que agora fai unha mestura no carro que inclúe ademais de serrín, palla picada, caliza e as sobras da comida, que composta deixándoas fermentar antes, e esa mestura é a que botan nas camas.

Sen embargo, esa mestura producía algún problema tanto nas canles de baleirado coma no propio pozo do xurro, ao crear unha costra por enriba. Por iso, comezaron a empregar un aditivo a base de bacterias naturais, que axudan a descompoñer esa parte orgánica das camas e que se bota de xeito automático a través dunha bomba con programador e duns condutos con pulverizadores instalados nos pasillos polos que transitan as vacas. Deste xeito, elas mesmas encárganse de esparexer as bacterias carrexándoas nos cascos.

Casa Devesa conta ademais con fosa de purín cuberta. “Evitas moita auga no pozo”, asegura Francisco Javier. A explotación manexa unhas 70 hectáreas de terreo e só subcontrata o ensilado da herba. “O resto facémolo todo nós, porque ao non botar millo o traballo é asumible. Quizais o máis pesado sexa botar o xurro”, admite.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información