Casa do Carril traballa unhas 50 hectáreas de terreo, case todas elas de pradería e con sementeira directa nos meses de setembro e maio. Alternan nas leiras alfalfa e raygrass, de xeito que introducen un deles cando o outro remata o seu ciclo. “A alfalfa puidémola introducir porque fixemos moito traballo para correxir o PH da terra. Buscamos variedades de alfalfa que teñan dormancias baixas, de 5 ou 6, porque non aturan ben as xiadas e o frío e o noso obxectivo é que produzan a partir de xuño.”, di o gandeiro, José Lorenzo, impulsor do proxecto.
En momentos concretos, e segundo o estado do pasto, fanlle aportes ós animais de fariña de millo ecolóxico ou de chícharo para equilibrar as racións cando baixa algún parámetro.
A premisa de mínimo laboreo vese reflictida no escaso parque de maquinaria da granxa. Están perfeccionando un deseño propio de sementadora directa con disco de corte e reixas que lles permita deixar a semente de raygrass a dous centímetros e a de alfalfa a un. A maiores, teñen un tractor, unha rotativa, un remolque de esterco e unha cisterna para o residuo líquido. O traballo que subcontratan é o de ensilado.

José Lorenzo, explicando o manexo da súa gandería, durante unha visita organizada nun curso da Fundación Juana de Vega.
“Tentamos facer un ciclo abonado/pasto. É decir, nas fincas que se acaban de pacer botamos o esterco das nosas vacas e algo procedente de de polos de granxas ecolóxicas que mercamos nesta zona. Sempre co obxectivo de equilibrar o aporte de nitróxeno e de carbono. Ter a cama das vacas de leite só con herba seca permite obter un fertilizante de alta calidade, pero non en suficiente cantidade porque o noso sistema precisa de moita materia orgánica nos solos.Ademais, separamos os residuos sólidos dos líquidos mediante unha parrilla. Dese xeito non fermenta e ímolo aplicando cada catro ou cinco días.”
As vacas de carne pasan todo o ano no prado e as de leite só durmen na corte no inverno. Porque, ao ser unha zona húmida e ter unha superficie limitada, unha presenza excesiva das vacas no prado durante o inverno pode afectar negativamente á pradería. Para ese tempo en que durmen dentro, faise unha aportación de silo, que comen tanto na corte de noite como no prado de día.

Nodrizas de carne e xovencas de leite en Casa do Carril
Rabaño de leite
A cabana leiteira consta dunhas 38 vacas en produción, cunha media de 21 litros diarios por animal. Son cruzamentos de holstein, jersey e pardo alpina. Pero con predominio da jersey porque, dado que este sistema non permite grandes producións, hai que ir a obter un alto nivel de sólidos no leite para obter máis rendibilidade. Así, os índices de graxa e proteína son de 4,8 e 3,4 respectivamente.
A introdución da pardo alpina debeuse á necesidade de ter animais máis robustos e con patas máis fortes para desprazarse dunhas leiras a outras. Nesta granxa utilizan seme sexado entre catro e seis veces ao ano para garantir a recría. E non dispoñen de touros, todo se fai con inseminación de xenética seleccionada.
“Temos o noso método de agrupación de partos. En febreiro comezan a parir e mantemos dúas muxiduras diarias ata decembro. E en decembro e xaneiro muximos unha soa vez porque as lactacións van rematando e porque hai menos pasto dispoñible nas leiras. Hai que ser moi rigoroso coa monomuxidura e seleccionar xenéticamente exemplares resistentes á mastite. Con este método de agrupación, os picos de produción acádanse na primavera, cando hai máis e mellor pasto.”, explicou o gandeiro.
Agrupan partos e durante decembro e xaneiro fan só un muxido ó día
Lorenzo xa decidiu facerse cunha sala de muxidora móbil para poder muxir no prado durante o verán e a primavera. Non podería facelo todo o ano porque as leiras están dispersas e a superficie é insuficiente. Ata que chegue a sala e compaxinen métodos, a muxidura estase facendo mediante circuito con catro muxidoras manuais.
De cara ao futuro, Lorenzo non desbota emprender algún proxecto empresarial de elaboración de derivados co seu leite. “É difícil porque tes que identificar o que podes facer e buscar un oco no mercado. Pero é innegable que hai que darlle valor ó que un fai. Con todo o respecto, non pode ser que o leite producido como o facemos nós se mesture co dun suposto pastoreo no que as vacas pouco saen ao prado.” Aínda que este é un modelo rexenerativo, o leite de Casa do Carril comercilízase como ecolóxico.

Na granxa usan un sistema de circuito clásico para muxir
Rabaño de carne
A cabana de vacas cárnicas está formada por exemplares salers, hereford e angus, cun total de oito nais. Estas razas teñen a vantaxe de que poden producir carne só con pasto e sen ser preciso aportarlles concentrados. En 12 meses teñen o animal rematado e sen necesidade de cebadeiro. Unha carne, ademais, da blandura e salubridade que demanda o mercado. Esa textura e sabor acádano sen o millo que se usa nos cebadoiros, se ben non a comercializan aínda en ecolóxico pola falta de demanda.
Producen carne en base a pasto con xatos de sales, hereford e angus, que ofrecen bo resultado sen cebado final
“As vacas de carne tamén fan de nodrizas protectoras das xovencas de leite. Son animais moi rústicos, especialmente as salers, e cunha aptitude maternal moi forte. Serven como a mellor defensa fronte a posibles ataques do lobo”.
Un dos principios esenciais da agricultura rexenerativa é a xestión da auga e o seu reparto polo terreo. “Aquí temos unha zona húmida e o río pasa preto. E tamén pasa algún regato polas leiras. Afortunadamente é así porque o minifundio e a propia lexislación impedirían acometer obras mesmo sinxelas para canalizar e repartir a auga de xeito diferente a como está. Aínda que fose máis eficiente.”
Como tamèn imposibilita o minifundio aplicar a técnica promovida nas granxas Polyface de Joel Salatin consistente en soltar aves de corral que saian ao pasto cando marchan as vacas e coman as larvas dos insectos que hai nos excrementos.
Os participantes nas xornadas formativas sobre agricultura rexenerativa organizadas pola Fundación Juana de Vega e a empresa Agroasessor puideron comprobar sobre o terreo en Casa do Carril os resultados das técnicas de cultivo e de manexo do gando que se aplican nesta explotación baixo os principios da agricultura e gandería rexenerativa. O labor formativo do asesor Roger Rabés nesta explotación foi decisivo para poder sacala adíante e que estea a ter os resultados que ten. E é que nalgúns casos, valoran na granxa, é mellor investir en formaciòn con especialistas como Rabés ca en parámetros máis materiais.

Un momento da visita dos participantes no curso a Casa do Carril.