Casa Cabo, diversificación e elaboración na gandaría de montaña

Coñecemos un modelo de explotación extensiva en Vegadeo (Asturias) que aposta polo coidado do medioambiente en base á extensificación con vacas, cabalos e porco asturcelta

Casa Cabo, diversificación e elaboración na gandaría de montaña

José Domingo é o único traballador da gandaría Casa Cabo, situada en Vegadeo.

No occidente asturiano encóntrase a gandaría Casa Cabo, unha explotación na que conviven e se complementa a crianza de vacún de carne, gando cabalar e porco asturcelta. A modalidade de crianza para as tres especies é en réxime extensivo polas máis de 200 hectáreas de pastos e arboredos, manexados de forma ecolóxica. José Domingo, propietario desta explotación, a maiores da crianza dos animais, comercializa por todo o territorio asturiano toda a produción de porcino. Recentemente foi galardoada, xunto con outras explotacións, pola súa participación no programa Cultiva.

A gandería Casa Cabo sitúase en Sela da Loura, no concello de Vegadeo, limítrofe con Galicia. José Domingo, como único traballador desta explotación, manexa un cento de vacas de raza asturiana. “Temos un pequeno lote de vacas asturianas dos vales pero a maior parte son asturiana de montaña, é un gando duro e que saca bos rendementos en zonas como esta”.

A isto, súmase algo máis de un cento de cabalos asturcón, unha raza, tamén adaptada a unha orografía montañosa. En terceiro lugar, hai unha piara de porco asturcelta, cuxa produción se comercializa directamente na súa totalidade, ben en fresco ou en produtos elaborados como salchichón ou chourizo. Ata o mes de abril do pasado ano, Casa Cabo tamén tiña un lote de vacas de leite, que decidiu suprimir por cuestións de man de obra, ademais de estar nunha zona pouco leiteira, non sendo viable para a industria a súa recollida.

Grupo de vacas casinas, unha raza adapada a produción de carne en réxime extensivo e montañoso.

Grupo de vacas casinas, unha raza adaptada á produción de carne en réxime extensivo e montañoso.

“É indispensable aproveitar ao máximo o pasto para reducir custes e producir calidade”

O manexo do gando vacún céntrase no máximo aproveitamento do pasto, o que permite reducir os custos de produción e ao mesmo tempo, sacar un produto de calidade diferenciada. Os becerros críanse en réxime extensivo ata o momento do destete , pasando a unha fase final de cebo.

Polo momento unha pequena parte dos machos son castrados e criados como bois, unha vía que de cara ao futuro se prevé aumentar en Casa Cabo. “Hoxe hai mais de 20, pero penso en ir aumentando pois creo que é viable facer a súa crianza cun manexo en base a pasto principalmente, reducindo os custes pero creando un produto diferenciado. Deste xeito, barallamos engadir algunha parte do boi ao proceso de elaboración de produtos cárnicos, como por exemplo  á chacina. De feito, de un boi que vendemos este ano, xa nos quedamos con esta parte”.

A gandería comezou a criar bois e pensa incluír parte da súa carne nos elaborados cárnicos que produce

Un exemplo dos máis de 20 bois que Domingo cría nos pastos de Sela da Loura.

Un exemplo dos máis de 20 bois que Domingo cría nos pastos de Sela da Loura.

A pesar de estar nunha zona próxima á costa, visible dende a granxa, durante os invernos José Domingo resgarda as vacas nas instalacións das que dispón. “Non temos demasiado problema co frío, estamos a 450 metros de altitude, pero a humidade excesiva e o vento nos meses de inverno traen dous problemas. Por un lado, o gando perdería parte da condición corporal conseguida o resto do ano e por outra, a presenza dos animais nos pastos con humidade minguaría a súa capacidade de produción o resto do ano”.

“As vacas e o cabalo compleméntanse ben na xestión do pasto”

En canto ao gando cabalar, este comparte espazo co vacún polas fincas. Aínda que hai lotes onde están mesturados, “funciona ben meter primeiro as vacas e despois pasar cos cabalos para terminar de pacer”, explica Domingo sobre como se complementan ambas especies na xestión do pasto.

Funciona ben meter as vacas primeiro no pasto e despois pasar cos cabalos para terminar de pacer

Aínda así, José Domingo, encontrase con un problema de silvas e toxos nalgunhas zonas, pois o mato invade áreas de pasto. “A orografía é montañosa e dificulta as rozas, tampouco podemos utilizar herbicidas ao estar en produción ecolóxica. O cabalo axuda a manter os pastos limpos pero aínda así non é suficiente”.

Combinación de gando vacún e cabalar para a xestión do pasto.

Combinación de gando vacún e cabalar para a xestión do pasto.

Na época de partos o gando permanece en fincas con peche de malla para previr ataques

A época de partos está concentrada en torno a os meses de primavera e verán, sobre todo no gando cabalar, permanecendo os primeiros meses posparto nas parcelas máis próximas á casa para ter un maior control e tamén porque son fincas con peche de malla. “Se non as temos nestas parcelas teríamos bastantes baixas por ataques de lobo, aínda así todos os anos rexistramos algunha perda tanto en poldros como en becerros”. Unha vez destetados, os poldros aliméntanse do pasto ata o momento da súa venta, uns para matadoiro directamente e outros para rematar de cebar ou para vida.

En Casa Cabo, a base da alimentación é o pasto. A maiores, para complementar en épocas de escaseza ou durante a estabulación invernal Domingo realiza unha pequena recolección de herba en microsilos. “Estamos nunha zona que non se adapta ben para o traballo coa maquinaria, recollemos arredor de 100 rolos de silo por campaña, daquelas fincas máis accesibles. A maiores, todos os anos compro dous ou tres camións de forraxe en Castela, unha mestura de leguminosas, cereais e raygrass”.

O porco asturcelta aliméntase en base a pasto, castaña, landras e unha mestura de cereais

Outro gran piar desta gandaría é a crianza de porco asturcelta. Neste caso ademais da crianza Domingo é o encargado da comercialización na súa totalidade. Cada ano críanse arredor dun cento de porcos, con 10 porcas parideiras. Os animais están nunha finca de 30 hectáreas cunha zona cuberta e dispensadores de alimento.

Os animais teñen libre acceso a toda a parcela, pola que hai diferentes árbores e zonas de pasto, nas que se alimentan en gran medida. Como complemento, na zona cuberta de comedeiros teñen unha mestura de cereais a libre disposición. A maiores, a finca na que están hai moito castaño e carballo, polo que tamén se alimentan das landras e castañas. Neste proxecto participou no Grupo Operativo Forescelta para impulsar a crianza en extensivo de razas autóctonas.

Á fronte das instalacións de porcino en Casa Cabo, presentación por parte do Serida do proxecto Forescelta.

Diante das instalacións de porcino en Casa Cabo, presentación por parte do Serida do proxecto Forescelta.

Zona de dispensadores automáticos de cereais e parideiras.

Zona de dispensadores automáticos de cereais e parideiras para o porco asturcelta.

Toda a produción de porco asturcelta se comercializa directamente, nesta cadea Domingo tamén esta introducindo parte dos seus bois

A comercialización é unha das fortalezas da gandería de Domingo, cunha rede de clientes por toda a comunidade asturiana. “Facemos un produto á medida do cliente, para iso necesitamos unha boa planificación. Unha parte importante está destinada á elaboración de embutidos, chourizo e salchichón, pero tamén se ofrece outro tipo de derivados ou venda en fresco. Para isto, todas as semanas, en función da época do ano sacrificamos varios animais. Para controlar a calidade do produto, nesta etapa encárgome de elaborar eu mesmo ou supervisar cada proceso”.

Mostra de produtos que comercializa José Domingo.

Mostra de produtos que comercializa José Domingo.

“A planificación das tarefas é fundamental para atender ao gando, a elaboración e o reparto”

Todas as semanas, Domingo recorre toda a provincia de Asturias distribuíndo o seu produto. “Soamente repartimos en Asturias, a pesar de ser limítrofes non queremos entrar no mercado do porco celta de Galicia”. Para conseguir realizar todo este traballo, na granxa cos diferentes tipos de animais, así como no obradoiro e na distribución, a planificación das tarefas é fundamental.

O reparto que Domingo realiza semanalmente comeza a semana anterior. “Ao ofrecermos todo tipo de cortes e elaboracións, cada semana vamos ao matadoiro para poder ofrecer carne en fresco, salgada ou produto elaborado que xa temos nas cámaras”.

Para mirar ao futuro, Domingo tamén recorda o pasado. Fai varias décadas no pobo había animais en cada casa, hoxe deshabitadas en gran parte. “No pobo quedamos dúas granxas traballando a maior parte das terras. Cando era rapaz aquí xa había unha explotación grande, incluso máis que agora, pois xa había porcos, vacas de carne e leite e cabalos. O número total de cabezas podía ser maior que a día de hoxe, pero había moita xente para traballar, hoxe realizo eu todas as tarefas porque tampouco hai moitas posibilidades de conseguir traballadores”.

“Mentres eu poida traballar estas terras co gando, aquí non haberá lumes”

Panorámica de unha parte das terras xestionadas por Casa Cabo.

Panorámica de unha parte das terras xestionadas por Casa Cabo.

En canto á labor social e medioambiental da gandaría, Domingo bota en falta un maior apoio das administracións. “Estamos na rede natura pero non se aprecia o papel que xoga a gandaría extensiva, dentro dunhas décadas todo isto será un monocultivo forestal.

A día de hoxe non vemos o que isto pode supoñer no caso de incendios ou na xestión da auga, está comprobado que onde hai monocultivo de especies foráneas hai menos recursos hídricos, ben por un maior consumo destas ou por un cambio na estrutura da terra e do ecosistema”.

“A maiores de gandeiros, considero que somos coidadores da natureza”

Na prevención de incendios a gandaría sempre xogou un papel determinante, en especial en zonas de montaña. “Durante os anos que eu recordo, na miña propiedade non houbo un so lume, e mentres eu poida e nestas parcelas haxa gando seguirá sendo así”.

Domingo destaca que a alta idade dos titulares de explotacións en Asturias, unido á falta de relevo, vai transformar totalmente a paisaxe e o ecosistema. “A maiores de gandeiros somos coidadores da natureza, hai poucos mozos no sector e cando se xubilen as xeracións actuais, vai a supoñer un cambio importante”.

Esta labor de coidado do medio que realiza Casa Cabo para producir un alimento de máxima calidade cos recursos que ofrece o entorno foron motivo suficiente para elixir esta gandaría para ser unha das 8 explotacións galardoadas dentro do programa Cultiva.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información