Cartos que voaron co vento

O concurso eólico do 2010, agora anulado pola Xustiza, adxudicara 2.325 megawatios de potencia que nunca se chegaron a instalar. Eses parques terían suposto para os propietarios do monte 13,6 millóns de euros anuais. Ventonoso pide un cambio lexislativo que impulse a enerxía do vento en Galicia

Cartos que voaron co vento

José Antonio Diéguez e Jacobo Feijoo, en rolda de prensa.

O parón do sector eólico en Galicia supón para os propietarios dos montes unha perda anual de ingresos directos de 13,6 millóns de euros, segundo as estimacións de Ventonoso, a asociación de propietarios de terras eólicas ligada a Unións Agrarias. O concurso eólico da Xunta do 2010, agora anulado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), adxudicara 2.325 megawatios de potencia que nunca se chegaron a instalar, unha situación que Ventonoso entende que afecta negativamente ó rural.

A maiores dos cartos que se poderían ingresar polo aluguer anual das terras, Ventonoso advirte tamén da perda de investimentos polo parón eólico. As empresas adxudicatarias do concurso do 2010 comprometeran 5.000 millóns de euros en investimentos empresariais, dos que 750 millóns correspondían ó rural. Pouco se soupo daqueles proxectos, máis alá de operacións puntuais.

Así as cousas, o presidente de Ventonoso, José Antonio Diéguez, e o secretario de Desenvolvemento Rural de Unións, Jacobo Feijoo, ofreceron onte unha rolda de prensa para pedir un cambio lexislativo que impulse a enerxía eólica en Galicia. Ese impulso, propoñen, debería ligar a enerxía eólica co desenvolvemento do rural.

“Na actualidade, a maioría dos parques que temos en Galicia están en mans estranxeiras. Queremos cambiar esa situación e que se impulse unha lexislación que favoreza ás empresas ligadas ó territorio. Trataríase de que parte dos parques estean participados por cooperativas formadas por propietarios das terras” -suliña Jacobo Feijoo-. “Non estamos inventando nada; é algo que xa se fai desde hai moitos anos en países como Alemaña ou Dinamarca”.

Ventonoso propón que os parques estean participados por cooperativas de propietarios das terras, “igual que en Dinamarca”

A cuestión de fondo que se reivindica desde Ventonoso é un aumento de ingresos para os propietarios das terras. “En Galicia, os donos dos terreos perciben arredor dun 1,5 % dos ingresos xerados polo parque, cando noutros países esa cifra pode chegar ó 10%” -valoran-. “Existen ademais contratos de aluguer das terras que se renovan automaticamente á conclusión do contrato, o que supón para os propietarios un problema equivalente ó das preferentes. Estamos ante unhas preferentes do vento”, advirte José Antonio Diéguez.

Canon eólico
A asociación é partidaria dunha lexislación que reduza os impostos públicos sobre os parques e que fomente, no seu lugar, o aumento de ingresos para os propietarios das terras.

Ventonoso pide en concreto a eliminación do canon eólico, unha taxa autonómica percibida pola Xunta e polos Concellos nos que se asentan os complexos. “No actual escenario, logo de que o Goberno Rajoy eliminase as primas ás enerxías renovables no 2013, Galicia non é competitiva con outras comunidades para atraer investimentos eólicos. Somos a comunidade con máis horas de vento, pero o canon eólico, que normalmente non repercute no rural, é unha traba para atraer proxectos”, valora José Antonio Diéguez.

Futuro
De cara ó futuro, Ventonoso vaticina un “fin de festa eólico” que xerará problemas no rural no caso de que haxa empresas promotoras que quebren. “De feito, xa hai empresas que se están a retrasar nos pagos dos alugueres dos terreos. Se unha empresa quebra, quen vai retirar a chatarra cando o parque remate a súa vida útil?”, cuestionan desde Ventonoso. “Os problemas aparecerán cando pasen os 20 ou 30 anos comprometidos nos contratos iniciais que asinaron as empresas e comunidades de montes e/ou propietarios particulares”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información